Confederación Intersindical Galega - Avantar - Opinion 28/10/2010
É innegábel que a inesperada e prematura desaparición de Néstor Kirchner terá un enorme impacto sobre a vida política arxentina. Sucintamente podería dicirse, primeiro, que con el desaparece o político máis influente de Arxentina, o que marcaba a axenda da discusión pública e o ritmo da vida política nacional.
Segundo, que durante a súa xestión como presidente cambiou o rumbo que viña seguindo Arxentina -moi especialmente en materia de dereitos humanos e política internacional, pero tamén cunha exemplar renovación da Corte Suprema, reparando as vexacións que neste eido, como en tantos outros, cometera o menemismo.
Terceiro: desaparece coa súa morte o único que reunía as condicións requiridas para conter, como ningún outro, a complexa e turbulenta realidade do peronismo, cuxas pugnas internas en épocas pasadas sumiron o país en gravísimas crises institucionais. Este se cadra sexa o máis serio desafío que terá que afrontar a presidenta.
Cuarto, a súa morte prívaa dunha compañía irreemprazábel: durante décadas Néstor Kirchner non só militou de xeito conxunto con ela, senón que tamén foi o seu conselleiro, aliado e confidente. A súa desaparición deixa un baleiro moi grande na Casa Rosada. Pero, contrariamente a moitas malintencionadas especulacións expresadas nestas horas, a presidenta é unha política consolidada e, ademais, unha muller de moita temperanza e carácter e que seguramente saberá sobreporse á súa inmensa dor e honrar a memoria do ex presidente mantendo con firmeza nas súas mans o temón do Estado e evitando que ao interior do Partido Justicialista se desencadee unha feroz pelexa pola sucesión.
Nada leva a pensar nun paralelismo entre a súa situación e a de Isabel Martínez de Perón ante a morte do seu esposo, en 1974. Esta non reunía as menores condicións para gobernar Arxentina, non tiña traxectoria política ningunha e o país estaba nunha situación incomparabelmente distinta á actual, onde a presenza de militares fascistas era o dato máis significativo daquela conxuntura. A de hoxe é completamente distinta en todas e cada unha daquelas dimensións.
De todos os xeitos, para responder aos desafíos do momento Cristina Fernández terá que contar con moito apoio, reforzar a súa articulación coas clases e camadas populares mediante a rápida implementación de políticas sociais e económicas máis efectivas (e, nalgúns casos, longamente demoradas) e, sobre todo, manter baixo control aos aparellos que se arrogan unha representación popular que en realidade non teñen e que poden interferir negativamente no crucial último ano do seu mandato e nas súas perspectivas electorais.
Arxentina asómase a unha nova etapa marcada pola ausencia do ex presidente: o asasinato de Mariano Ferreyra xa iniciara este proceso; a morte de Néstor Kirchner acelérao e afonda aínda máis en.
[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 28 de outubro de 2010]