Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Opinion 16/11/2010
Claves da ofensiva internacional contra as pensións e as condicións de traballo
Alejandro Teitelbaum
Publicado en Diagonal ()
20101116_mobilizacions.pensions-francia.jpg

Cando o que habería que facer en función do aumento da produtividade, sería diminuír o tempo de traballo (o que permitiría crear novos empregos) e aumentar os salarios e as pensións, os donos do poder, co pretexto de combater a crise e a desocupación e de “salvar” a Seguridade Social, conxelan ou diminúen os salarios, aumentan a xornada de traballo, introducen a “flexibilidade laboral”, aumentan a idade da xubilación e reducen as pensións...

 As actuais protestas e manifestacións, non só en Francia senón noutros países, poderían indicar que se está chegando novamente á converxencia dos anos 20 entre as condicións obxectivas dun sistema esgotado, que puxo en evidencia as súas contradicións insuperábeis, e o feito de que está profundando na xente a conciencia da inxustiza social inherente ao sistema. Os bempensantes critican a xente nova porque participa nas protestas en Francia, pero esta ten boas razóns para estar inqueda: cun mercado de traballo restrinxido que xera desocupación, a proposta gobernamental de atrasar a idade da xubilación saturará máis aínda o mercado de traballo e impedirá a boa parte das novas xeracións obter un primeiro emprego.

Memoria: volta aos anos 20

 A primeira revolución industrial (o maquinismo que permitiu o paso do traballo artesanal á manufactura) produciu dous resultados fundamentais: o xurdimento do proletariado industrial e un enorme aumento da produtividade do traballo. Primeiro non houbo límites nas xornadas laborais: homes, mulleres e nenos traballaban 16 ou 18 horas diarias, non había descanso semanal nin vacacións e menos aínda xubilacións.

 Pero o novo proletariado comezou a resistir e esixir mellores condicións de traballo. Este movemento culminou no decenio de 1920 cando as loitas dos traballadores, axudadas polo temor dos capitalistas ao exemplo da Revolución de Outubro en Rusia, lograron a xornada semanal de 48 horas. Isto respondeu á converxencia de dous factores: o aumento da produtividade, que permitía satisfacer as demandas do mercado con menos tempo de traballo, e a loita dos traballadores para mellorar as súas condicións de traballo. Co fordismo aumentou a intensidade do traballo, como amosa agudamente Chaplin en Tempos Modernos.

 Desde aquela, a xornada de traballo mantívose estábel, aínda que diminuíu a xornada anual como resultado das vacacións máis prolongadas e nalgúns países diminuíu tamén a xornada semanal. A isto uniuse que, coa revolución científico-técnica, a produtividade do traballo aumentou vertixinosamente, o que, por outra banda, deu lugar ao toyotismo ou just in time. Por exemplo, segundo as estatísticas oficiais do Institut national da statistique et des études économiques (INSEE) unha hora de traballo asalariado en Francia era en 2004 23 veces máis produtiva que en 1975.

 A lóxica que se impuxo nos anos 20 indica que, se para satisfacer a demanda do mercado consumidor (de “activos” e de “pasivos”) fai falta menos tempo de traballo, corresponde diminuír este: a xornada diaria, semanal e anual. E tamén o tempo total da vida chamada activa, adiantando e non atrasando a idade da xubilación. Porque, aínda que os activos sexan relativamente cada vez menos en proporción aos xubilados, a torta a repartir crece máis rapidamente. O argumento demográfico (a poboación envellece, aumenta a esperanza de vida) é daquela insostíbel. A cuestión é como se reparte esa torta.

 As elites político-económicas, co seu cortexo de economistas, “politólogos” e outros “especialistas” presentan como inevitábeis políticas sociais inxustas e economicamente irracionais. En realidade, non fan outra cousa que defender encarnizadamente a taxa de ganancia (ou taxa de explotación) dos patróns. O aspecto financeiro é secundario ou simplemente un pretexto. A raíz do problema é que o estado actual de desenvolvemento das forzas produtivas e o formidábel incremento da produtividade do traballo poderían permitir estar no adro da sociedade que enxergou Marx hai máis dun século e medio: o ser humano liberado da necesidade de boa parte dos traballos físicos e do traballo alienado, e dispondo de máis tempo libre (durante a súa vida activa e xubilándose antes) para dedicalo á súa realización persoal.

 Pero a liberación do ser humano está en contradición coa esencia mesma do sistema capitalista, baseado na opresión e a explotación dos seres humanos. Por iso, cando o que habería que facer en función do aumento da produtividade, sería diminuír o tempo de traballo (o que permitiría crear novos empregos) e aumentar os salarios e as pensións, os donos do poder, co pretexto de combater a crise e a desocupación e de “salvar” a Seguridade Social, conxelan ou diminúen os salarios, aumentan a xornada de traballo, introducen a “flexibilidade laboral”, aumentan a idade da xubilación e reducen as pensións. Esta é o paradoxo da sociedade contemporánea, na que, mentres unha ínfima minoría mantén confiscado o poder e acumula riquezas até a obscenidade (mesmo e aínda máis en tempos de crise) as necesidades mínimas de boa parte da poboación mundial permanecen insatisfeitas e resúltanlles inacadábeis as súas lexítimas aspiracións materiais e espirituais.

TRABALLAR MÁIS PARA VIVIR PEOR

Produtividade

 Nos últimos anos, a pesar de que aumentou a produtividade, tamén aumentou a intensidade do traballo co “toyotismo” (ou just in time: produción do necesario en función da demanda de cada momento evitando a acumulación de stocks de mercadorías) e coa flexibilidade laboral. Esta tendencia ao aumento da xornada de traballo acentúase por mor da necesidade que ten moita xente de traballar máis tempo a fin de gañar o mínimo necesario para sobrevivir.

Privatización

 O FMI aconsella a privatización para resolver os problemas financeiros da Seguridade Social. Pero esa privatización marxina os traballadores con menores ingresos, é dicir, os máis necesitados, por mor de que as cotizacións son moi elevadas. Isto é máis notorio nos países onde os salarios son, de seu, baixos. Ademais, o porvir dos sistemas privados é incerto e os traballadores que pertencen a eles corren o risco de se veren no futuro sen protección.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Diagonal’, do 4 de novembro de 2010]