Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Opinion 25/11/2010
As pensións como negocio
Manuel Mera
Publicado en La Region ()
20101125_pensions.jpg

Estes días o Banco Central Europeo sumouse a outros organismos representativos dos grandes poderes económicos, como o Fundo Monetario Internacional e máis o Banco de España pra aconsellar ao Estado español facer axiña a reforma das pensións, malia que os máis pesimistas (e interesados) dos seus estudos adían ate o 2030 as eivas no sistema.

 Non é primeira vez nas últimas décadas que se propagan por estes organismos, en sintonía coa patronal, estas noticias alarmistas, sempre anunciando a creba do sistema público de xubilación, e esixindo ao Governo que alente os fundos de pensións privados (que 'casualmente' a banca vai xestionar obtendo importantes dividendos).

 O certo é que, comparando os fundos privados e o sistema público, mentres que o primeiro non ofrece ningunha garantía, o segundo tenas todas. Un exemplo disto pode ser a urxente re-nacionalización na Arxentina, pra evitar que centos de miles de pensionistas perderan total ou parcialmente os ingresos de xubilación, dando o executivo progresista de Cristina Fernández marcha atrás ao proceso de privatización do neoliberal Menem. Podemos engadir que os fundos privados perderon en 2008 nos Estados Unidos un 20%, Reino Unido 37%, Canada 27%, Estado español 9%, etc.. O maior fundo de Holanda, e terceiro do mundo, o ABP con 229 mil millóns de euros, anuncio que se ve obrigado a recortar as pensións comprometidas. Porén aínda así, esta é a opción que se ofrece desde estes organismos e a patronal, sen ter en consideración a debilidade e a enorme dependencia destes ingresos que ten á maioría dos xubilados, xa que moitas veces carecen doutras alternativas.

 Cando afirmo que o sistema público ten todas as garantías teño en consideración a evidencia que detrás está o respaldo do Estado, e a súa capacidade pra aumentar os ingresos. Isto último ten a súa importancia, porque non se pode ignorar, como fan os estudos catastrofistas, que o sistema continua a ter un saldo positivo (duns catro mil millóns ao ano) malia a crise, a diminución das porcentaxes de desconto sobre os salarios e subvencións a patronal, o fraude por mor da economía mergullada e o incumprimento dos convenios colectivos.

 Todas elas medidas ou omisións de aplicación da Lei que favoreceron a concentración e centralización da riqueza como nunca antes, tanto a costa dos salarios actuais como das futuras pensións da clase traballadora. Isto deu pulo ao endebedamento das familias, que se alentou desde os poderes económicos e o governo, pra manter o consumo, o emprego, e maximizar a máis-valía. Hai polo tanto posibilidades, xustas e razoábeis, pra manter o saldo positivo e o fundo de reserva actual (máis de 65 mil millóns de euros) sen grandes sacrificios pra os traballadores en activo, abonda con repartir como corresponde e facer cumprir a Lei.

 Outro aspecto, que se debe ter en conta, cando se analiza o tema das pensións, son as falsas valoracións a respeito de que se trata dun sistema solidario cos salarios máis baixos, porque ten un tope nas contías. Non é verdade. Os traballadores con menores ingresos van vivir menos anos (de 5 a 10 segundo o país) e polo tanto terán un custe menor ao sistema. Neste caso tamén a realidade será máis dura pra clase obreira, é dicir, cos operarios manuais.

 Temos que dunha vez por todas aclararnos, e deixar de facer de certos temas un slogan sen contido. Se queremos que a xente viva máis, porque entendemos que a vida é esencial (e anciáns imos ser case todos), hai que asumir que ten un custe. Compre polo tanto garantir pensións dignas e un coidado das persoas que non se podan valer por elas. Non se pode cargar nas familias este problema que é aleatorio e hipoteca (especialmente ás mulleres). Compren servizos públicos axeitados. A solidariedade, neste caso, ademais, xera emprego e dá pulo á economía... ollemos pra Escandinavia.

 

 

[Artigo tirado do sitio web ‘La Región’, do 23 de novembro de 2010]