Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Opinion 9/12/2010
A tarxeta sanitaria da Xunta en Venezuela e o xamón serrano
Xurxo Martiz Crespo
Charcutaría El Hórreo. Mercado de Guaicaipuro. Caracas. Xurxo Martínez Crespo.JPG

Charcutaría El Hórreo. Mercado de Guaicaipuro. Caracas (Foto: Xurxo Martínez Crespo)

 En Caracas coñecín dúcias de galegos que levaban 20 anos sen ir a Galiza, dos 40 que levaban en Venezuela, ou que non foran nunca máis desde que chegaron ao país como emigrantes.

 Se non podes ir a Galiza, ou non queres, a tarxeta da Xunta non che vai resolver ningún problema de saúde, porque tampouco terás dereito a ela. En Venezuela seguirás pagando un seguro privado, como moitos galegos en Galiza para esquivar as listas de espera dun ano ou máis, ou non pagarás ningunha porque non podes.

 Condicionar determinados dereitos á capacidade adquisitiva de montar nun avión e poder pasar entre un e tres meses en Galiza, ou no Estado español, non deixa de ser algo un pouco trapalleiro, porque se ben a poboación galega en Venezuela abrangue a pero de 45.000, dubido moito que cheguen a 4000 os galegos que poden vir unha vez ao ano a Galiza. Entendo que para o Goberno galego é irrealizábel levar a asistencia sanitaria a todos os galegos que residen en Latinoamérica. Fixérono "daquela maneira" na Arxentina e no Uruguai porque existían unhas infraestruturas hospitalares que levaban funcionando décadas antes de que existise a propia Xunta de Galiza; pero nin así puideron dirixilas nin facelas eficaces.

 Coido que a entrega de tarxetas sanitarias do SERGAS aos galegos e aos seus descendentes en Venezuela vai resultar un dos principais erros do Goberno galego na Galiza exterior. En primeiro lugar, porque para conceder a tarxeta, están a exixir o padrón(1) en Galiza, algo que reafirma o chamamento de Núñez Feijoo para que os galegos do exterior se empadroen en Galiza e así… poidan votar nas municipais.

 Empadroarse en Galiza mentres se está de vacacións é unha irregularidade administrativa que pode carrexar moitos problemas futuros aos galegos de Venezuela e aos seus descendentes. Isto, que non o di Feijoo, é un gran problema para os residentes no estranxeiro con cidadanía española, pois se pretenden, máis adiante, instalarse en Galiza, ou en calquera outro lugar do Estado, e non se deron de baixa e de alta novamente na circunscrición consular española de Venezuela correspondente, non poderán por exemplo, recibir a "axuda ao emigrante retornado" ou o certificado de emigrante retornado.

 Comentáballe ao meu pai que me parecía abusivo que un xamón ou un viño galego custase en Caracas 30 veces máis que en Galiza, en lugar dun sobreprezo razoábel. O meu pai, pacientemente, contestábame que aínda que custase 30 veces máis, para min era máis barato que en Galiza... porque non tiña que comprar un billete de avión para compralo 30 veces máis "barato".

 Quede aquí esta ecuación perversa que ao final reduce a posibilidade de certas cousas a ter o diñeiro para montar nun avión, estar varias semanas de vacacións no estranxeiro... e cubrir papeis.

 

__________________________________

 

 (1) España Exterior, 23 de novembro de 2010, Emigración/7 parágrafo 6 http://www.espanaexterior.com/region/72-Galiza/noticia/201773-La_Hermandad_Gallega_de_Venezuela_tramitara_la_tarjeta_sanitaria_de_la_Xunta_para_los_emigrantes_en_el_pais

__________________________________

 

[A Coruña, 4 de decembro de 2010]