Confederación Intersindical Galega - Avantar - Opinion 15/12/2010
Restaurante Argentina. Santiago de Compostela (Foto: Xurxo Martínez Crespo)
A opinión converteuse en información e calquera “informe” de calquera compañía, neste caso a consultora laboral Adecco, na biblia de calquera “xornalista”. O xornal español Público repite, sen analizar, unhas cifras proporcionadas polo Departamento de Mobilidade Laboral de Adecco, enganosas e falaces.
Partindo de eufemismos coma “mobilidade” e “cultura cosmopolita” en lugar de “emigración”, Marta López-Tappero, voceira do Departamento de “Mobilidade Internacional” de Adecco, constrúe un discurso cheo de lugares comúns propios de estudantes universitarios que remataron o seu terceiro posgrao e queren comer o mundo e aínda non saben como porque están desempregados.
Asegurar en 2011 que aquí (?) non se ten unha gran tradición de mobilidade internacional e despois dar as cifras dos centos de miles de cidadáns españois que residen na Arxentina, Francia, Alemaña, Brasil ou Venezuela é patético. De onde marcharon todos eses emigrantes sen tradición de mobilidade laboral internacional?
A mesma noticia, tendenciosa e mal redactada, asegura que: “Un total de 33.543 españoles se han trasladado a otro país desde 2008” e despois “Según la consultora laboral Adecco, en los dos últimos años 33.543 españoles han llegado a Argentina para encontrar una prosperidad que en España parece negada de antemano”. Marcharon á Arxentina ou a varios países do estranxeiro?
Consultando os dados do CERA (Censo Electoral de Residentes Ausentes) da Arxentina entre 2008 e 2010, vemos as seguintes cifras;
2008 …….266.174 cidadáns españois censados,
2009…… 275.485
2010…….. 295.000
Entre 2008 e 2010 hai 28.826 residentes máis. Estes 28.826 novos ingresos ao CERA non están relacionados coa chegada de inmigrantes desde o Estado español á Arxentina senón coa aplicación da Lei de memoria histórica e a súa disposición adicional VII, que recolle o acceso á cidadanía española dos netos de cidadáns españois desde o seu Estado de residencia, o incremento por nacementos de pai/nai con cidadanía española e, desde logo, pola emigración de retorno arxentina desde Galiza e España.
Son miles os inmigrantes arxentinos que chegaron a Galiza e ao Estado español con cidadanía española de 2001 en diante. Son miles os que a adquiriron despois de dous anos de residencia legal. Son miles os que decidiron regresar ao seu país debido á crise pero cunha cidadanía que non tiñan cando marcharon.
Son emigrantes españois?
Si, tanto coma Karlos Argiñano cando facía o seu programa de cociña desde a Arxentina.
[A Coruña, 14 de decembro de 2010]