Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 4/1/2011
Manifestación en Compostela.
A pesar de que a presenza de dous vehículos (un coa megafonía e outro para transportar material) no lugar de saída da manifestación foi comunicado en tempo e forma, ás 20:00 horas da tarde, xusto no momento no que ía iniciarse a protesta, un policía local requiriu ao condutor para que retirara o vehículo da Praza Roxa alegando que dificultaba a circulación e advertindo que procedería a sancionalo.
O Secretario de Organización da CIG de Compostela, Renato Núñez, explicou entón ao axente que a presenza do coche estaba comunicada, feito que viñeron confirmar varios compañeiros/as do policía. Non obstante, ante a teima do axente para que retirara o coche, o sindicalista solicitoulle o seu número de placa para proceder á pertinente reclamación, petición á que o policía se negou en reiteradas ocasións. Tras reclamar a presencia de varios dos manifestantes para comprobar como o axente se negaba a facilitar o número de placa o axente accedeu a dar o seu número “pero coa correspondente multa”.
Os axentes encargados de escoltar a manifestación afirmaron que a multa non sería tramitada pois o coche e a manifestación estaban comunicadas. Posteriormente a marcha partiu da Praza Roxa e transcorreu sen máis incidentes polas rúas de Compostela. Mais, para sorpresa da central sindical, no día de onte chegou a comunicación da sanción de 200 euros por mal estacionamento e impedir a entrada aos garaxes. Ademais, na notificación especifícase que a multa non foi entregada ao sancionado por atoparse ausente.
Núñez lembra que na zona da Praza Roxa onde se sitúan os vehículos da megafonía, non hai entrada a garaxes e que a persoa sancionada, xunto con parte da dirección comarcal e centos de manifestantes, si estaba presente no lugar dos feitos. Ademais, o Secretario de Organización da CIG de Compostela subliña que a hora da suposta infracción coincide coa hora de saída da marcha (20:00 horas), polo que a circulación do tráfico debería xa estar cortada para permitir o inicio da mesma.
Diante deste cúmulo de despropósitos, Renato Núñez apunta directamente á responsabilidade da titular de Seguridade Cidadá do Concello, asegurando que con este tipo de medidas está dificultando o desenvolvemento das manifestacións e o pleno exercicio dos dereitos sindicais fundamentais.
1