Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 31/1/2011
Traballadores e traballadoras reivindican o mantemento da xestión pública e de todos os empregos
Marcha en demanda da creación dun centro de día e unha residencia para adultos no Centro Santiago Apóstolo
Os traballadores e traballadoras do centro de educación especial Santiago Apóstolo da Coruña desenvolveron o pasado mércores 26 de xaneiro unha concentración-marcha en demanda do mantemento dos postos de traballo e a xestión pública. Reclaman á Xunta de Galiza que cree un centro de día e unha residencia para adultos e manteña o colexio e a residencia para menores, como únicos garantes da continuidade deste servizo público.

11-01-31 marcha Santiago Apóstol 3

Convocados/as pola CIG e UGT, traballadores e traballadoras do Santiago Apóstolo realizaron unha marcha dende os Cantóns até o edificio administrativo da Xunta en Monelos, portando unha faixa reivindicativa de máis de 20 metros. Alí, o médico Ramón Veras, en representación da Plataforma en defensa da sanidade pública, encargouse de ler un manifesto en defensa da xestión pública deste servizo asistencial e contra a amortización de 19 postos de traballo que pretende o goberno galego.

Pregunta á mesa do Parlamento

Alén das protestas convocadas pola CIG e UGT, a situación no Santiago Apóstolo vai chegar ao Parlamento Galego. O BNG ten formuladas varias preguntas para responder en Comisión e no Pleno, a respecto das intencións de privatización da xestión do centro e sobre os posíbeis despedimentos. Así mesmo, a Consellaría deberá contestar pola actitude mantida pola dirección do centro que, nun exercicio de represión sindica, impediu a celebración dunha asemblea de traballadores/as dentro do horario laboral. 

Trinta e cinco anos de historia

A continuación reproducimos o comunicado que CIG e UGT repartiron entre os traballadores/as:

A “Fundación” e o “Santiago Apóstolo”: 1976/2011

O único que garante o futuro do CAEE “Santiago Apóstolo” é que a Xunta elimine o tope dos 24 anos, e cree un Centro de Día e unha Residencia para Adulto/as. E que manteña o Colexio e a Residencia para menores.

Todo o que fai a Xunta é quer enganar e gañar tempo. Foi o que fixeron nos primeiros meses do 2010 que non dicían nada ata que nospechamos.

Despois do peche, a nosa Consellería dixo que iríamos a Educación e que o persoal laboral fixo sobrante sería trasladado. Houbo protestas, os medios de comunicación destacáronas e empezamos o curso en setembro igual que o acabamos en xullo.

En outubro a Consellería di de novo que pasaremos a Educación; seguen as protestas e cando en decembro parecía que as dúas Consellerías tiñan todo atado -chegou a vir un Inspector de Educación a dicirlle ao equipo directivo do “María Mariño”que pasabamos en decembro- pero resultou que non o tiñan atado e de novo é a nosa Consellería a encargada de lidiar co tema.

Nesta nova fase, a Consellería mantén a destrución dos 19 postos públicos de traballo, e o Director non podía empezar peor porque empeza cunha gran mentira. Di que actualmente non pode haber proxectos millonarios.

Xusto di isto o Director dunha Consellería que, segundo datos oficiais dela mesma, deulle no ano 2010 a “Asociación Galega San Francisco” (AGASFRA) 4.189.248 euros; ás “Esclavas da Virxe” de Crecente 2.066.601 euros; para 109 prazas privadas en 8 concellos 5.200.000 euros; para Centros especializados en Discapacidade 3.300.000 euros...

E a propia Consellería anuncia o 16 de decembro que gastará 27 millóns de euros neste ano 2011 en atención á Dependencia. Tamén propón o Director unha reorganización desequilibrada nalgúns Colectivos; ilegal nalgún caso -divide e vencerás-, podéndose ver por onde quer desviar a atención.

O primeiro. Non garante o futuro. Pero di que con “este persoal” e “estabelecendo a turnicidade”, todo pode ser moi beneficioso.

Falta credibilidade. Que credibilidade pode ter un Director que vulnera o Convenio Colectivo nun dereito fundamental como é o de reunión, e polo cal acaba de ser denunciado en Inspección pola CIG e a UGT? Que credibilidade pode ter unha Consellería que cambia de opinión cada dúas por tres? Que credibilidade pode ter unha Consellería que, sen aviso previo, cárgase un Centro Público e privatiza o “Souto de Leixa” de Ferrol?

Este Director e esta Consellería xa non teñen ningunha credibilidade. O único que pretenden é evitar as protestas públicas que saen nos medios de comunicación, e que pasen as Eleccións Municipais de maio.

Para a UGT e a CIG a única posibilidade de que todo o persoal siga no Centro é que a Consellería faga o Centro de Día e a Residencia para Adulto/as. Todo o demais son marcha de rapazas e rapaces; amortizacións e traslados de persoal despois das Municipais, e como iso non queremos que ocorra seguemos a facer actos públicos que deixan claro ante moita xente cal é a solución ao CAEE “Santiago Apóstol”.

1