Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 18/2/2011
Na quinta xornada da paros no Complexo Medioambiental de Cerceda (CMC), e tras da negativa de Sogama a abrir un proceso de diálogo directo coa representación do persoal, as traballadoras despedidas na planta de envases lixeiros que xestionaba Danigal acordaron recorrer a "instancias superiores” co obxecto de dar un pulo á marcha do conflito e avanzar na consecución de medidas concretas para a súa recolocación.
Así, unhas 20 traballadoras, acompañadas por sindicalistas da CIG e membros do Comité de empresa, trasladáronse na mañá deste venres até Compostela para expor as súas demandas ante o arcebispado. Dende as 10:30 horas, explica Adolfo Naya, da CIG-Servizos, as afectadas instaláronse no interior da catedral, até onde levaron unha faixa informando da súa complicada situación laboral.
O colectivo de afectadas decidiu levantar finalmente a protesta sobre as 17:30 horas, logo de seren atendidas polo deán da catedral, José María Díaz, quen recibiu a un representante do Comité de empresa que lle informou da situación das traballadoras e explicou os motivos que xeraron o actual conflito. Pola súa banda, José María Díaz transmitiu o seu apoio ás mulleres e indicoulles que realizaría todas as xestións que estivesen na súa man para acadar unha solución positiva ao conflito.
O colectivo de traballadoras quixo agradecer tanto ao deán como aos membros da catedral a atención e o trato recibido durante todo o tempo que permaneceron no histórico edificio.
O obxectivo da protesta realizada hoxe é o mesmo que vén movendo a estas traballadoras dende que a mediados de novembro recibiran as cartas de despedimento: buscar todos os intermediarios posíbeis para conseguir que Sogama asuma o cumprimento dos acordos de recolocación asinados no CMC.
1