Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 25/2/2011
A mobilización, aberta aos colectivos e organizacións sociais, realizarase en Compostela o vindeiro 13 de marzo
A CIG e o BNG convocan unha manifestación nacional en defensa do aforro, do emprego e do país
A CIG e o BNG anunciaron esta mañá en rolda de prensa a convocatoria dunha manifestación nacional o vindeiro domingo, 13 de marzo, en Compostela, baixo o lema “Galiza ten dereito. En defensa do aforro, o emprego e o país”. A marcha, que está aberta a todas as organizacións e colectivos sociais, quere ser unha resposta contundente aos ataques que están a padecer sectores estratéxicos do noso País, nomeadamente as caixas de aforros. Así mesmo, a Federación de Químicas ten integrado nesta mobilización, dado o seu carácter global, a protesta convocada para ese mesmo día contra o decreto do carbón, polo que fica suspendida a concentración da Coruña.

11-02-25 RP anuncio mobilizacion caixas CIG e BNG

O Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, que compareceu xunto ao voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, destacou a importancia que ten para a defensa do emprego e o tecido produtivo de Galiza a existencia dunha entidade de aforro baixo control público, que canalice o finaciamento para as empresas e o tecido produtivo. Seixo manifestou a preocupación polas consecuencias que ten para o noso País que se permita a privatización das caixas de aforros, mais cando esta decisión non obedece a causas técnicas, senón puramente políticas.

“Dende que o goberno español arrancou o plano de reestruturación do sector financeiro ficou claro que o obxectivo era ir á privatización das caixas para entregalas á gran banca a prezo de saldo”, indicou. Cómpre subliñar que as entidades públicas controlan máis do 50% do aforro, un negocio que resulta moi apetecíbel.

Seixo advertiu que a privatización das caixas terá consecuencias negativas sobre o emprego da propia entidade, tanto o directo como nas auxiliares, mais tamén sobre o desenvolvemento económico de Galiza. Cabe lembrar que novacaixagalicia ten participación en moitas da principais compañías galegas (en sectores tan diversos como o químico, alimentación ou o naval) e é unha fonte de financiamento para as pequenas e medianas empresas. “A banca actúa co criterio da maior rendibilidade, pouco lle importan as necesidades do tecido produtivo, investirá só naqueles sectores que lle acheguen maiores beneficios”, alertou.

Alén disto, o Secretario Xeral da CIG indicou que bancarizar as caixas vai lastrar o desenvolvemento do autogoberno, ao non existir unha entidade financeira pública que apoie as decisións económicas, sociais e políticas. A este respecto, lembrou que as caixas de aforro son competencia das Autonomías; unha competencia que o goberno español ten invadido “para atender as demandas da oligarquía financeira”.

Pola súa banda, o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, denunciou o “ataque sen precedentes que están a sufrir os sectores estratéxicos do noso país pola acción combinada das políticas do goberno estatal e galego que nos conducen a un calexón sen saída”. “Temos un presidente da Xunta que non lidera a defensa deste País, que se limita a laiarse, que fai de mal xestor e se limita a botar balóns fóra, non dá a talla fronte aos problemas que Galiza ten enriba”, continuou. Así, subliñou que Galiza é o país do Estado no que “con máis velocidade se está a destruír emprego, o que, obviamente, é produto das políticas destes gobernos”, dixo en alusión ao estatal e galego.

Convocatoria aberta

A respecto de coordinar esta acción conxunta, Seixo aclarou que tanto a CIG como o BNG son, practicamente, as dúas únicas organizacións que viñeron denunciando e realizando manifestacións contra a privatización da caixa, aínda que por separado. Semellaba agora necesario artellar unha resposta coordinada e con visión de País. Por iso ambos os dous insistiron en que se trata dunha convocatoria aberta a todos os cidadáns e colectivos que se preocupen pola situación que está a padecer Galiza.

“Unha vez máis é o nacionalismo quen se ten que pór á fronte da defensa dos intereses de Galiza, porque o españolismo cede tranquilamente os dereitos do noso País ante as esixencias do capital foráneo”, aseverou.

Na defensa de todos os sectores estratéxicos

Seixo tamén explicou que ante o problema de coordinar unha data conxunta, e tras da contraprogramación do SLG para o día 20 de marzo, acordouse finalmente marcar o domingo 13 de marzo como o día para desenvolver esta mobilización nacional. Así mesmo, tratouse coa Federación de Químicas a posibilidade de integrar a manifestación que tiñan convocada con anterioridade para ese mesmo día en contra do Decreto do Carbón, dándolle así un carácter máis global en defensa de todos os sectores estratéxicos de Galiza que nos últimos tempos foron sistematicamente atacados polo goberno español, co beneplácito da Xunta. Deste xeito, a mobilización da Coruña fica suspendida e pasa a asimilarse á manifestación do día 13 en Compostela.

1