Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 29/3/2011
A CIG participa no 1º Congreso Nacional Federal
A CTA-Arxentina reitera o seus principios fundacionais: autonomía sindical, mobilización social, construción política
A CTA-Central de Traballadores de Arxentina, celebrou o seu 1º Congreso Nacional Federal durante os días 22, 23 e 24 deste mes de marzo co lema “Por unha CTA de millóns que volva cotián o extraordinario”. Na realidade habería que falar do seu 9º Congreso Nacional, pero cambios estatutarios introducidos no congreso anterior produciron unha modificación na nomenclatura congresual.

11-03-29 Congreso Federal CTA Arxentina

Ao congreso asistiron arredor de 9.000 delegadas e delegados que encheron o polideportivo “Illas Malvinas” da cidade de Mar del Plata. Estiveron presentes organizacións sindicais de África do Sur, Brasil, Chile, Colombia, Corea do Sur, Cuba, Euskal Herria, Franza, Galiza, Haití, México, Panamá, Paraguai, Perú, Portugal, Trinidade-Tobago, Uruguai e Venezuela. Foron tamén convidadas as organizacións rexionais americanas das dúas internacionais sindicais, CSI e FSM, ao igual que o “Encuentro Sindical Nuestra América”.

Previo ao congreso realizouse un Seminario sindical internacional co tema “Desafíos globais na axenda da Clase Traballadora” que se desenvolveu en tres mesas redondas con participación de algunhas das organizacións sindicais nacionais e internacionais presentes no congreso.

O congreso realizouse en momentos difíciles para a CTA, por mor do proceso electoral interno realizado no mes de setembro pasado que deixou fondas feridas na organización. A nova dirección da CTA, encabezada por Pablo Michelli como Secretario Xeral e Ricardo Peidro  e José Rigane como Secretarios Adxuntos fixo a súa presentación “social” neste congreso, no que se reafirmaron nas bandeiras clásicas da CTA: dar cabida na central a sindicatos, movementos veciñais e sociais; mobilización social no centro da actividade sindical; independencia fronte ao poder; autonomía política.

A primeira gran mobilización nacional quedou fixada para o 8 de xuño, data na que confluirán en Buenos Aires diversas marchas reivindicativas procedentes do interior protagonizadas polos xubilados e os movementos sociais de protección da infancia contra a fame e o abandono institucional.

1