Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Opinion 4/5/2011
A era post-nuclear
Ignacio Ramonet
Publicado en Le Monde Diplomatique ()
20110504_non.nucleares-protesta.jpg

Fukushima marca, en materia de enerxía atómica, a fin dunha ilusión e o comezo de a era post-nuclear. Clasificado agora de nivel 7, ou sexa o máis alto na escala internacional dos incidentes nucleares (INES), o desastre xaponés xa é comparábel ao de Chernóbil (ocorrido en Ucraína en 1986) polos seus “efectos radioactivos considerábeis na saúde das persoas e no medio ambiente”.

 O sismo de magnitude 9 e o descomunal maremoto que, o pasado 11 de marzo, con inaudita brutalidade, castigaron o nordés de Xapón, non só orixinaron a actual catástrofe na central de Fukushima senón que dinamitaron todas as certezas dos partidarios da enerxía nuclear civil.

 Con ducias de construcións de centrais atómicas previstas en innumerábeis países, a industria nuclear, curiosamente, estaba vivindo a súa época máis idílica. Esencialmente por dúas razóns. Primeiro, porque a perspectiva do “esgotamento do petróleo” antes de finais deste século, e o crecemento exponencial da demanda enerxética por parte dos “xigantes emerxentes” (China, a India, Brasil) convertíana na enerxía de substitución por excelencia (1). E segundo, porque a toma de conciencia colectiva ante os perigos do cambio climático, causado polos gases de efecto invernadoiro, conducía paradoxalmente a optar tamén por unha enerxía nuclear considerada como “limpa”, non xeradora de CO2.

 A estes dous argumentos recentes, sumábanse os xa coñecidos: o da soberanía enerxética e menor dependencia respecto dos países produtores de hidrocarburos; o baixo custo da electricidade así creada; e, aínda que pareza insólito no contexto actual, o da seguridade, co pretexto de que as 441 centrais nucleares que hai no mundo (a metade delas en Europa occidental), só padeceron, nos últimos cincuenta anos, tres accidentes graves...

 Todos estes argumentos -non forzosamente absurdos- quedaron esnaquizados tras a descomunal dimensión do desastre de Fukushima. O novo pánico, de alcance mundial, fundaméntase en varias constatacións. En primeiro lugar, e contrariamente á catástrofe de Chernóbil -atribuída en parte, por razóns ideolóxicas, á desfeita dunha vilipendiada tecnoloxía soviética-, esta calamidade ocorre no miolo hipertecnolóxico do mundo e onde se supón -por ser Xapón, en 1945, o único país vítima do inferno atómico militar- que as súas autoridades e os seus técnicos tomaron todas as precaucións posíbeis para evitar un cataclismo nuclear civil. Daquela, se os máis aptos non conseguiron evitalo, é razoábel que os demais sigan xogando con lume atómico?

 En segundo lugar, as consecuencias temporais e espaciais da deleiba de Fukushima aterran. Por mor da elevada radiactividade, as áreas que circundan a central quedarán inhabitadas durante milenios. As zonas un pouco máis afastadas, durante séculos. Millóns de persoas serán definitivamente desprazadas cara a territorios menos contaminados, tendo que abandonar para sempre as súas propiedades e explotacións industriais, agrícolas ou pesqueiras. Máis aló da propia rexión mártir, os efectos radioactivos repercutirán na saúde de ducias de millóns de xaponeses. E sen dúbida tamén, de numerosos veciños coreanos, rusos e chineses. Sen excluír a outros habitantes do hemisferio boreal (2). O cal confirma que un accidente nuclear nunca é local, sempre é planetario.

 En terceiro lugar, Fukushima demostrou que a cuestión da pretendida “soberanía enerxética” é moi relativa. Xa que a produción de enerxía nuclear supón unha nova supeditación: a “dependencia tecnolóxica”. A pesar do seu enorme avance técnico, Xapón tivo que acudir a expertos estadounidenses, rusos e franceses (ademais dos especialistas da Axencia Internacional da Enerxía Atómica) para tratar de controlar a situación. Por outra banda, os recursos do planeta en uranio (3), combustíbel básico, son moi limitados e calcúlase que, ao ritmo actual de explotación, as reservas mundiais deste mineral se esgotarían en 80 anos. Ou sexa, ao mesmo tempo que as do petróleo...

 Por estas razóns e por outras máis, os defensores da opción nuclear deben admitir que Fukushima modificou radicalmente o enunciado do problema enerxético. Agora impóñense catro imperativos: parar de construír novas centrais; desmantelar as existentes nun prazo máximo de trinta anos; ser extremadamente frugal no consumo de enerxía; e apostar a fondo por todas as enerxías renovábeis. Só así salvaremos, se cadra, o planeta. E a humanidade.

________________________________________________________________________

Notas:

(1) Antes do accidente de Fukushima, estimábase que o número de centrais nucleares no mundo aumentaría un 60% de aquí a 2030. China, por exemplo, ten actualmente 13 centrais atómicas en actividade que producen apenas o 1,8% da electricidade do país; en xaneiro pasado decidiu construír, entre 2011 e 2015, 34 novas centrais ou sexa unha cada dous meses...

(2) Partículas radioactivas procedentes da central de Fukushima caeron sobre Europa occidental uns días despois da catástrofe, e aínda que as autoridades declararon que “non constituían ningún perigo para a saúde”, varios expertos subliñaron que ao téren acumulado nas hortalizas, en particular nas de follas amplas como as leitugas, o consumo destas supuña un risco.

(3) Un reactor nuclear non é máis que un sistema para quentar auga. Para iso utilízase a fisión do átomo de uranio 235 (U235) que, ao romper, ao fisionarse mediante a denominada “desintegración nuclear”, produce unha enorme liberación de enerxía térmica. Hai que saber que 156 toneladas de rocha, achegan unha soa tonelada de mineral de uranio do que se obtén un único quilo de uranio... Dese quilo, só un 0.7% é U235, o que se necesita nas centrais: ou sexa para 7 gramos de U235 hai que remover mil quilos de mineral e 156 toneladas de rochas! Léase Eduard Rodríguez Farré e Salvador López Arnal, Casi todo lo que usted desea saber sobre los efectos de la energía nuclear en la salud y en medio ambiente, El Viejo Topo, Barcelona, 2008; e Paco Puche “Adiós a la energía nuclear”, Rebelión (www.rebelion.org), 18 de abril de 2011..

________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado da edición española de ‘Le Monde Diplomatique’, núm. 187, maio de 2011]