Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 17/6/2011
A central nacionalista realizou a última denuncia pública o pasado mes de abril, sen que até o momento se teñan producido contactos coa empresa nin coa consellería, que tampouco fixeron nada para poñer fin a esta situación. Diante disto, e despois de ter coñecemento da inspección que constatou as deficiencias, os representantes sindicais optaron por remitir un escrito tanto ao departamento autonómico como ao Valedor do Pobo para que corrixan estas anomalías.
No caso de Traballo e Benestar lembran que recentemente se renovou o convenio co centro privado polo que vai percibir 650.000 euros até decembro de 2012. “Isto supón que a residencia vai ingresar uns 30.000 euros ao mes, cantidade que daría para pagar os salarios, pero non para facer fronte ao mantemento do centro nin ao coidado dos usuarios”, critican, ao tempo que lle reclaman á administración fórmulas que permitan garantir unha atención de calidade e o cobro de soldos por parte dos empregados/as.
En canto ás deficiencias que recolle o informe de inspección, salientan algunhas como a ausencia da figura dun responsábel, un elevado grao de pasividade nos residentes pola falta dun programa de actividades ou temperaturas máis baixas do normal. Tamén se cita a existencia de medicación ao alcance dos usuarios e nalgúns casos caducada, así como erros na súa administración. O propio inspector recoñece que moitas destas anomalías están a ser corrixidas por iniciativa das propias traballadoras, sen que a empresa lles teña comunicado ningunha directriz nese sentido. Así mesmo, pon de manifesto a presenza de alimentos caducados e a carencia de persoal profesional axeitado para a realización dos servizos básicos de fisioterapia, ao que hai que sumar que na quenda de noite só traballa unha empregada, número que o propio inspector considera insuficiente.
Finalmente, adiantan que a vindeira semana terá lugar o xuízo no que 13 das 17 traballadoras coas que conta o centro na actualidade reclaman a rescisión de contrato por falta de pagamento dos salarios. A cita será no Xulgado do Social o mércores día 22 de xuño.
1