Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 5/9/2011
Abel Caballero decidiu suspender momentaneamente a sesión pouco antes das dez da mañá despois de que as traballadoras despregasen carteis denunciando a represión sindical que practica a empresa coa complicidade do Goberno local e comezasen a berrar consignas reclamando a readmisión das compañeiras despedidas. Media hora despois optou por levantala definitivamente alegando a “imposibilidade” de continuar debido ás protestas. As traballadoras lembraron entón que o comité de empresa solicitou “en tempo e forma” a palabra para intervir no pleno e criticaron a actitude do rexedor vigués.
A secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo, Transi Fernández, asegurou que os despedimentos producíronse en represalia á participación destas traballadoras na folga de 23 días convocada o curso pasado para protestar polos incumprimentos da empresa e acusou ao Concello de Vigo de “complicidade”. A representante sindical adiantou que acudirán á Inspección de Traballo para denunciar os incumprimentos da empresa e indicou que xa mantiveron xuntanzas cos grupos municipais de BNG e PP. “As persoas despedidas son todas elas son fixas descontinuas, tendo que estar no paro os meses de xullo e agosto; ademais, dáse a circunstancia que moitas delas non teñen nin prestación de desemprego, sendo todas elas mulleres con cargas familiares”, detalla.
1