Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Opinion 22/9/2011
O problema non son os mercados financeiros
Vicenç Navarro
20110920_mercados.financeiros.jpg

O problema non son os mercados, senón a falta de protección dos Estados fronte á especulación dos mercados, vulnerabilidade que foi deseñada para debilitalos e debilitar a protección social, reducir o Estado do Benestar e privatizalo.

 Hoxe estanse a facer no Estado español, tanto polo Goberno español como polos gobernos das Comunidades Autónomas, enormes recortes de dereitos sociais adquiridos pola poboación española (como a conxelación das pensións, así como a redución de fondos públicos para a sanidade, a educación, os servizos sociais e outros servizos do Estado do Benestar, que supoñen unha redución dos dereitos sociais, pois a evidencia mostra que tales recortes están afectando negativamente á calidade de tales servizos), que se están realizando baixo a escusa (non hai outro termo para definir a argumentación que se está utilizando para xustificar tales reducións) de que así o esixen os mercados financeiros.

 A expresión “a presión dos mercados determina a necesidade de facer tales recortes” é a máis utilizada e promovida polos establishments políticos e mediáticos do país. Pero a evidencia mostra que iso non é certo. É doado de ver que os mercados non están pedindo que se fagan os recortes nestas transferencias e servizos públicos.

 Se lemos os Informes, por exemplo, das axencias de valoración de bonos públicos (que non son necesariamente santos da miña devoción), vemos que o que sinalan é a necesidade de que os Estados reduzan o déficit e a débeda pública. E hai moitos xeitos de reducir o déficit e a débeda pública. A redución do gasto público social non é a única nin a máis eficaz para reducilo. En lugar de conxelar as pensións, por exemplo, a fin de obter unha redución do gasto público de 1.500 millóns de euros, poderíanse alcanzar os mesmos aforros mediante a cancelación, por exemplo, de novos investimentos do Estado en equipamento militar que inclúe, entre outras medidas, a compra de 24 helicópteros de combate chamados Tigre. Ou en lugar de recortar 600 millóns de euros para os servizos ás persoas con dependencia poderíase eliminar o pagamento aos profesores de relixión católica no sistema público de ensino, aforrando a mesma cantidade.

 Ou en lugar de variar a orientación dos recortes dentro do orzamento público, poderíase ter aumentado o ingreso de fondos ao Estado (tanto central, como autonómico), revertendo os recortes de impostos que beneficiaron predominantemente ás rendas superiores. Se se recuperase, por exemplo, o nivel de imposición que tiña o imposto de sociedades das grandes empresas (que facturan máis de 150 millóns de euros ao ano e que representan só o 0,12% de todas as empresas do Estado español), volvendo ao nivel impositivo que tiñan antes de que Aznar e Zapatero lles reducisen tal nivel, o Estado ingresaría 5.300 millóns de euros máis dos que recibe. Se o imposto sobre as grandes riquezas (que ingresan máis de 120.000 euros ao ano) recuperase o mesmo nivel que tiña antes de que Aznar e Zapatero o reducisen, o Estado tamén recollería 2.500 millóns de euros máis. E se se recuperase o imposto de sucesións obteríanse 2.552 millóns de euros máis.

 Outra alternativa podería ser eliminar a fraude fiscal das grandes familias, as grandes empresas e a banca, que representa o 71% de todo a fraude fiscal existente no O Estado español. Con iso, o Estado ingresaría 44.000 millóns de euros máis. E outra alternativa podería ser corrixir a gran regresividade na imposición das empresas en que estas teñen un nivel impositivo efectivo do 17%, moito máis baixo que o nivel impositivo das medianas e pequenas empresas, e moito máis baixo que o nivel impositivo dos empregados e traballadores en nómina, 37% (para o salario medio de 22.802 euros  no Estado español).

 Todos estes datos, procedentes na súa maioría do Sindicato de Técnicos do Ministerio de Facenda do Estado español, mostran que hai alternativas sobre como reducir o déficit que nin sequera están sendo consideradas nos establishments políticos e mediáticos do país. O feito de que se estean reducindo as transferencias e servizos públicos do Estado do Benestar en lugar de recortar outros ítems menos populares ou aumentar os ingresos ao Estado (sen que afecte ao que paga en impostos a gran maioría da poboación), non ten nada que ver (repito, nada que ver) coa presión dos mercados financeiros. Ten que ver única e exclusivamente co distinto grao de influencia sobre o Estado español de distintos colectivos e clases sociais que existen no Estado español.

POR QUE SE FAN OS RECORTES EN LUGAR DE APLICAR OUTRAS ALTERNATIVAS?

 Por que, pois, se fan estes recortes? E a resposta é fácil de ver, aínda que raramente o lector a verá nos maiores medios. É o enorme dominio das dereitas neoliberais existentes nas institucións europeas, o Consello Europeo, a Comisión Europea e o Banco Central Europeo (BCE) que, coa complicidade dos partidos socialdemócratas gobernantes, construíron o euro segundo o dogma neoliberal que intentaba reducir ao máximo o papel do Estado. Por iso é polo que se eliminaron as medidas máis importantes que os Estados (do que pasou a ser a Eurozona) tiñan para se protexer da especulación dos mercados financeiros.

 Estas medidas consistían en ter bancos centrais que imprimisen diñeiro co cal comprar débeda pública do Estado, forzando así a baixada dos xuros de tal débeda. Pero agora os Estados da Eurozona non poden facer nin o un nin o outro. Están totalmente desprotexidos. E por iso é polo que a débeda pública de tales Estados (incluíndo agora Francia e pasadomañá a mesma Alemaña, e se non llo cre, espere uns meses) estea suxeita continuamente á especulación. E para reforzar esta vulnerabilidade, ao Banco Central Europeo tamén se lle prohibiu que transferise moeda aos Estados e/ou comprase a súa débeda pública. Fíxoo recentemente de mala gana no caso do Estado español e Italia, e os xuros da débeda pública española e italiana baixaron. Pero houbo unha protesta que forzou a interrupción de tal media. O BCE pode só axudar á Banca privada, pero non aos Estados.

O PROBLEMA É A FALTA DE PROTECCIÓN DOS ESTADOS FRONTE Á ESPECULACIÓN DOS MERCADOS

 E por que as dereitas neoliberais desexan tal vulnerabilidade dos Estados? Porque, en realidade, tales dereitas desexan debilitar o Estado do Benestar, eliminar a protección social e abaratar os salarios. Os intereses financeiros e a gran patronal queren a privatización das transferencias como pensións públicas, e dos servizos públicos do Estado do Benestar, como a Sanidade, prohibíndolles aos Estados que se endebeden, forzándoos a ter o déficit cero ou próximo a cero. De novo, podería reducirse o déficit subindo os impostos. Pero isto non ocorrerá, pois o capital ten moito máis poder que o mundo do traballo.

 E os datos falan por si mesmos. As rendas do capital foron aumentando á conta de que as rendas do traballo foron diminuíndo. Nada menos que Nouriel Roubini, o economista ao que se lle atribúe o ter predicido a crise financeira, recoñeceuno nas páxinas do Wall Street Journal (15.09.11). Dicía tal economista que o fenómeno máis rechamante do que estivo ocorrendo foi “unha radical redistribución do ingreso desde o traballo ao capital, desde os salarios cara aos beneficios”. E engadía este autor que esta redistribución era unha das maiores causas do enorme problema de falta de demanda, causa da Gran Recesión.

 As medidas adoptadas polos gobernos da Eurozona (e da UE-15), incluíndo o goberno español, encamiñadas a reducir os salarios e a protección social, co debilitamento e redución tan notable do estado do benestar, seguen este obxectivo, utilizándose como escusa (de novo, non hai outro xeito de definir a argumentación utilizada para definir tales medidas) que tales medidas son necesarias para incrementar a competitividade (...) e para acougar os mercados, argumentos que carecen de evidencia que os avale. Os mercados financeiros non son acougábeis, pois son especulativos por definición. O problema non son os mercados, senón a falta de protección dos Estados fronte á especulación dos mercados, vulnerabilidade que foi deseñada para debilitalos e debilitar a protección social, reducir o Estado do Benestar e privatizalo.

O PAPEL DOS MEDIOS DE INFORMACIÓN

 Tal promoción dos intereses do capital á conta dos intereses do mundo do traballo esixe unha complicidade mediática, que presenta ás políticas que se están desenvolvendo (que inclúe recortes sociais e prohibición aos estados de que se endebeden) como inevitables e necesarias. A presentación da reforma da Constitución e da Lei Orgánica que a complementa  no O Estado español seguen esta liña. As dúas presentáronse como inevitables e necesarias, cando a evidencia é contundente e fonda de que non só son innecesarias, senón que son mesmo contraproducentes, pois serán utilizadas para reducir aínda máis ao Estado do Benestar español, o máis pouco financiado da Eurozona e da UE-15. O Estado español ten o gasto público social por habitante máis baixo de ambas as comunidades. E esta redución do gasto público, incluíndo o gasto público social, contribúe a diminuír a demanda, causa da gran recesión.

 O argumento que teimudamente se utiliza por voces favorables a tales medidas é que a redución do déficit a niveis tan baixos como as Cortes Españolas aprobaron hai uns días non ten porque significar a redución do gasto público social. O candidato do PSOE á Presidencia do Goberno, o Sr. Rubalcaba estivo subliñando este punto repetidamente. Tal postura ignora que o único xeito de que tal medida non signifique unha redución do gasto público (do cal, o gasto público social é a maior porcentaxe) sería mediante un enorme aumento dos ingresos ao Estado (equivalente a un 7% do PIB), o cal é difícil que ocorra, debido ao enorme poder dos colectivos que non están contribuíndo ao Estado na medida que o fan os seus homólogos noutros países. É este enorme poder que explica como, durante o período de goberno socialista, non se levou a cabo o desenvolvemento das políticas alternativas aos recortes, detallada na primeira parte do artigo. E este mesmo poder é o que causou que a entrada do Estado español ao euro (que esixía a redución do déficit do Estado por baixo dun 3% do PIB) se fixese a base de reducir (primeiro en termos absolutos e despois en termos relativos) o gasto público social, de maneira que o déficit social do Estado español (que se mide pola diferenza de gasto público social por habitante entre o Estado español e a media da UE-15) era maior en 2007 que en 1993, ano no que se empezaron as políticas de austeridade conducentes á entrada de O Estado español no euro.

 Unha última observación referente ao papel dos medios de información e o seu rol en promocionar as políticas que se están aplicando. El País acaba de publicar unha enquisa de Metroscopia (12.09.11) na que sinala que hai máis españois (56%) que favorecen os recortes de gasto público social que a subida de impostos (31%), feito que El País parece interpretar como o apoio das políticas de recortes que se estivo facendo. Tal dato é tendencioso e sesgado, carente de credibilidade, pois non ten a especificidade que require. O termo impostos é demasiado xenérico, pois non sinala quen paga estes impostos. Se se preguntase no Estado español a pregunta que favorecería vostede para reducir o déficit do Estado, reducir os fondos públicos para as pensións, para a sanidade pública, para a escola pública, para os servizos domiciliarios para as persoas con dependencia, para as escolas de infancia (entre outras transferencias e servizos públicos) ou que se reverteron as baixadas de impostos das grandes familias, grandes empresas e da banca que foron ocorrendo nos últimos quince anos?, a resposta sería abafadora a favor da segunda alternativa. Tal pregunta non se fixo no Estado español. Fíxose en EE.UU. e a porcentaxe favorábel a esta última alternativa foi de 82% (si, repito 82%). E iso en EE.UU. Coido que no Estado español sería mesmo maior.

O PROBLEMA NON É NIN FINANCEIRO NIN ECONÓMICO. É POLÍTICO

 É un profundo erro o que o PSOE, que xogou un papel determinante (apoiado polos partidos á súa esquerda) no establecemento do Estado do Benestar no Estado español, aprobe a reforma constitucional e a Lei Orgánica que a complementa e que afectará negativamente ao Estado do Benestar, dificultando a corrección do enorme déficit social do Estado español. E é mesmo peor cando se opón a que tal reforma se someta a referendo. escribín cumpridamente o por que ambas as decisións son ademais de profundamente equivocadas, antidemocráticas. E teño que admitir que me sorprendeu a falta de voces críticas a tales medidas dentro de tal partido. Tal situación está reforzando a impresión de que o PSOE é un partido de cargos políticos, xunto con outros membros que están esperando ocupar cargos políticos. Esta percepción poida que sexa errónea, pero estase xeneralizando e está facendo un enorme dano ao socialismo español. A ausencia de voces críticas dentro de tal partido fará moi difícil a necesaria renovación e cambio profundo que o socialismo español necesita.

 Estes últimos anos estivemos vendo o enorme descenso do apoio electoral e da militancia dos partidos socialdemócratas na Unión Europea como resultado, non da falta de atracción do socialismo en democracia, como as dereitas maliciosamente interpretan o descenso electoral de tales partidos, senón do distanciamento de tales partidos do socialismo, levando a cabo políticas, como as realizadas polo Goberno Zapatero en resposta á crise, que significan unha rotura con aquel proxecto, un proxecto que continua sendo tan válido hoxe como onte. Segundo a última enquisa de valores da Unión Europea, nada menos que o 68% da poboación dos países da UE estarían de acordo en vivir en sociedades en que os recursos se distribuísen segundo a necesidade dos cidadáns, e que estes se financiasen segundo a habilidade de cada un. O distanciamento das elites gobernantes destes partidos socialdemócratas gobernantes cara aos principios do socialismo explica o seu descenso electoral. O feito real de que o goberno do PP sexa mesmo peor non é causa mobilizadora suficiente para moitos electores socialistas que están indignados coas políticas levadas a cabo por un partido ao cal depositaron o seu voto. Esta é a realidade que as elites dirixentes ignoran a un custo elevadísimo para o socialismo no Estado español. Os partidos socialdemócratas están perdendo rapidamente a súa capacidade de estimular cambios a favor das clases populares. E o Estado español é, por desgraza, un exemplo máis do que está ocorrendo na Unión Europea. En lugar de ser parte da solución, convertéronse en parte do problema. Así de claro.

 

[Artigo tirado do blog do autor, do 16 de setembro de 2011]