Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 3/10/2011
A CIG-Ensino vai promover que todos os centros públicos de Galiza aproben resolucións nas que, alén de explicitar o seu rexeitamento á política educativa e os recortes aprobados pola consellaría de Educación, se plasmen as deficiencias dos propios centros canto a profesorado, persoal administrativo e recursos. Xunto a isto, convocará actos simultáneos de protesta contra estas medidas, en todos os centros do país, o día 11 de outubro, durante o recreo.
Para o día 18 de outubro, facendo extensivo o chamamento a toda a comunidade escolar, incluídas nais e pais, convoca concentracións nas sete cidades e en vilas como Foz, A Garda e Vilagarcía.
As mobilizacións culminarán coa convocatoria dun referendo, o día 25, para constatar o masivo rexeitamento do profesorado á ampliación da xornada lectiva e á imposición da obriga de vixiar o transporte escolar.
O secretario nacional de CIG-Ensino alcumou de “deplorable” a actitude do conselleiro de Educación por intentar “desvalorizar, desacreditar e desprestixiar” ao profesorado.
Fronte á acusación demagóxica da consellaría de que as mobilizacións convocadas até o de agora son “políticas”, sinalou que son resposta á actuación “dun goberno, cunhas directrices e unha ideoloxía moi clara de ataque aos servizos públicos”. Neste sentido, lembrou como durante o franquismo tamén se trataba de disuadir á poboación cos mesmos argumentos para que non se opuxeran ao réxime. “As directrices que emanan da consellaría son políticas e calquera rexeitamento que se faga a elas tamén o é”, afirmou.
Do mesmo xeito, canto ás acusacións de que son “mobilizacións sindicais”, Louzao considerou que o que subxace detrás desta afirmación “é unha visión reaccionaria da sociedade. As organizacións sindicais representamos aos traballadores de ensino, somos elixidos/as como delegados/as cada catro anos e canalizamos as súas propostas e reclamacións, polo tanto estamos actuando con total lexitimidade. Estas mobilizacións están protagonizadas polo profesorado, que é quen as está a levar a cabo, e os que facemos a acción sindical máis directa somos tamén profesores/as”.
Xunto a iso, acusouno de “mentir descaradamente” ao infravalorar o seguimento da folga “e así se demostrará cando nos fagan os descontos” e interpretou como unha “barbaridade” que afirmara que o profesorado no fora á folga porque estaba de acordo coa ampliación do horario e coa responsabilidade de vixiar o transporte escolar.
Unidade sindical
A preguntas dos xornalistas, respecto da unidade sindical, Louzao lembrou que a CIG-Ensino convocou ás organizacións sindicais para o pasado venres a unha xuntanza na que se acordaron estas mobilizacións de forma unánime, coa única dúbida expresada por algunha organización respecto da convocatoria do referendo.
En todo caso, a respecto da mobilización convocada en Madrid para o vindeiro día 22 de novembro, sinalou que as outras organizacións sindicais, de carácter estatal “supeditan a súa actividade sindical á decidida nas súas estruturas en Madrid” e engadiu que “a nós non nos parece moi acertado, porque Galiza ten competencias plenas, e toda a problemática que temos neste intre só pode resolvela a consellaría de Educación, que foi quen nos levou aquí e é a que nos pode sacar”.
Por iso considerou que non se pode desviar a atención porque “quen levou a cabo estas medidas regresivas foi o goberno galego que é quen ten potestade para facer un xiro de 180 graos nas políticas educativas. Por iso non podemos despistarnos nin orientar as nosas reivindicacións cara Madrid”.
Neste sentido subliñou que foi a consellaría de Educación quen recortou no 6,7% os orzamentos, “non o Ministerio de Educación nin outra comunidade autónoma” e lembrou que “é en Galiza onde se están desviando 150 millóns de euros ao ensino privado; é exclusivamente en Galiza, onde se concertan nove unidades no ensino privado concertado; é en Galiza, onde se nos amplía en catro horas o noso horario lectivo; é en Galiza, onde temos que facer vixilancia do transporte escolar; é en Galiza, onde temos mil profesores menos e é en Galiza onde temos que resolver o problema, porque é a consellaría de Educación a quen as competencias para facelo”.
1