Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 5/10/2011
A CIG considera un “verdadeiro escándalo” que tres ex directivos de Novacaixagalicia ingresasen máis de 23 millóns de euros en indemnizacións ao abandonar a entidade. A federación de Banca reclama a apertura dun expediente sancionador e dunha investigación para depurar responsabilidades, tanto polos “excesivos cobros” como pola xestión da caixa e a valoración da mesma pactada entre o Banco de España e os fondos de investimento estadounidenses.
Dende a central nacionalista entenden que Partido Popular e PSOE, partidos con responsabilidades na Xunta de Galiza, no Ministerio de Economía e no Banco de España, tiñan coñecemento da mala xestión e da blindaxe da cúpula directiva, así como da minoración do valor da entidade. “Se coñecían a situación e nada fixeron sería especialmente grave a súa actuación, pero se non eran coñecedores da situación demostrarían a máis absoluta incompetencia”, sosteñen.
Fronte a isto, a Confederación Intersindical Galega adoptou as seguintes medidas:
-Apoiar a solicitude de creación dunha Comisión de Investigación no Parlamento Galego, polo que solicitará unha reunión cos distintos grupos parlamentarios.
-Solicitar do Banco de España que abra un expediente sancionador á cúpula directiva da entidade, así como ás persoas que integraron os órganos de goberno e que avalaron a xestión.
-Reclamar á Fiscalía Xeral do Estado que inste á Fiscalía Anticorrupción para que abra unha investigación sobre o acontecido.
Finalmente, dende a central nacionalista aclaran que non se trata só de investigar os cobros millonarios dos ex altos cargos, “senón tamén a súa xestión e, sobre todo, a venda pactada entre o Banco de España e os fondos norteamericanos rebaixando o valor da caixa”.
1