Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 14/10/2011
A CIG-Ensino denuncia que se reforza un colexio vinculado ao Opus Dei, mentres recorta no ensino público
Educación pretende concertar novas unidades nun centro que segrega alumnado por razón de xénero
No DOG do pasado 11 de outubro, a Consellaría de Educación publicou a autorización de novas unidades para o colexio Montespiño da Coruña. En concreto 2 de Infantil e 6 de Primaria, acadando así 12 de Infantil e 12 de Primaria. Esta autorización significa que este centro vai poder solicitar un novo concerto educativo de cara ao curso que vén. Un concerto que podería significar que este centro duplique o número de unidades de Educación Primaria, que xa ten concertadas na actualidade, é así pasar de 313490,28€ a 627000€ de dotación de fondos públicos.

11-09-27 folga e mani ensino 132

Para a CIG-Ensino, é escandaloso que, mentres o Conselleiro non ten máis remedio que admitir que reduciu o profesorado no ensino público, coas conseguintes consecuencias, entre outras, de redución de unidades, ao mesmo tempo autorice, pola calada, pois nada di publicamente nos medios de comunicación, a posibilidade de incrementar os orzamentos para a privada.

A CIG-Ensino pregúntase como é posíbel que soamente haxa que “optimizar os recursos”, como di o Conselleiro, no ensino público e a que obedece que si se poidan seguir incrementando os concertos na privada. “Evidentemente a que esa é a directriz desta Consellaría, isto é, favorecer o privado en detrimento do público, e así, no breve espazo de tempo que vai entre o final do curso pasado e este mes de outubro, meteron a tesoira en profundidade na pública, mais incrementaron o número de concertos en agosto, logo enviaron unha subvención de 220.000 euros para 66 centros privados xa concertados e agora autorizan novas unidades nun centro que segrega o alumnado, que é o paso previo á solicitude de concerto por parte dese centro”.

A que tipo de centros lle autoriza a ampliación de unidades ou os concertos a Consellaría? Na orde de agosto, explica a CIG-Ensino, “comprobabamos como se concertaba un centro en Ourense, claramente innecesario, que supuxo que non se crease a unidade de Infantil comprometida co colexio Ben-Cho-Sei. Un concerto nun centro en que, segundo a Directora afirmaba publicamente, sen pórse rubia, non se admite calquera alumno/a, pois teñen un ideario moral e relixioso moi claro”.

Agora, na Coruña, o colexio Montespiño, un centro que segrega o alumnado por xénero e que está vinculado ao Opus Dei, vese premiado con novas unidades autorizadas. É un centro que recibiu fondos públicos a través do programa Abalar e tamén do de centros Plurilingües, sendo un deses centros en que se imparte a materia de coñecemento do medio en inglés, sen que nos conste que a Consellaría comprobase se o seu Proxecto Lingüístico de Centro prevé a impartición en galego doutras materias. “Un exemplo ideolóxico do que defende o PP: ensino segregado, confesional e antigalego”.

A autorización de unidades que posteriormente serán concertadas en centros con idearios segregacionistas, mentres non se cobren substitucións nos centros públicos e non se atende a necesidade de profesorado que demandan os centros públicos –hai máis 1.000 profesores/as menos que o curso pasado-, evidencia que a única preocupación seria que ten esta Consellaría é fornecer a privada e destruír o ensino público. “Este é o modelo educativo do PP e a CIG-Ensino vaino seguir denunciando e desenmascarando”.

1