Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 14/10/2011
O persoal, que se concentrou ás portas da Consellaría na Coruña, demanda da administración galega que denegue o ERE
O Comité de Emesa entrega na Delegación de Traballo as alegacións ao cuarto expediente de suspensión
O Comité de Emesa fixo entrega na mañá deste venres, na Delegación da Consellaría de Traballo da Coruña, das alegacións contra o cuarto ERE de suspensión presentado pola dirección, que en quince días deberá resolver a administración. Aproveitando a ocasión, traballadores da factoría de Coirós desenvolveron unha nova concentración ás portas das dependencias da administración provincial para reclamar á Xunta que denegue o expediente por falta de xustificación e documentación.

11-10-14_Alegacions_ComiteEmesa_016

O Presidente do Comité, Andrés Rodríguez, explicaba ás portas da Delegación de Traballo que o período de consultas do ERE rematou o pasado día 11 sen acordo, xa que a empresa non se comprometeu a manter o total dos empregos durante o próximo ano, tal e como se demandaba pola parte social.

Dende o Comité sosteñen que, a día de hoxe, a empresa aínda non presentou toda a documentación requirida, nomeadamente o volume de carga de traballo real que o Grupo Isolux Corsán ten no ramo do metal e o número de traballos externalizados. De feito, cómpre lembrar que a propia Consellaría de Traballo demandara da dirección información relativa a estes puntos, mais conformouse cos datos incompletos achegados por Emesa. “Non obstante, denuncian, a Consellaría deu por reiniciado o período de consultas sen ningún tipo de notificación ao Comité de Empresa”.

Outros das eivas na documentación presentada pola filial de Isolux Corsán, explica Rodríguez, refírese ao Plan de Acompañamento Social do ERE, cunhas condicións moi inferiores ao acordado no terceiro expediente de suspensión e que non vai enmarcado nun Plano de Viabilidade que inclúa un Plano Industrial e de Emprego capaz de garantir carga de traballo e o nivel de emprego na factoría ao longo do próximo ano.

Os despedimentos seguen adiante

Para a representación do persoal resultan intolerábeis os 14 despedimentos executados pola empresa durante o período de consultas. Neste senso, lembran que os traballadores/as reclamaron á Xunta que paralizase a tramitación do ERE, xa que o propio Estatuto dos Traballadores/as, no seu artigo 51.3 recoñece a potestade da autoridade laboral para paralizar calquera decisión que poida afectar ás resolucións administrativas sobre un expediente de regulación.

Sen resposta da Consellaría

Rodríguez tamén censurou as palabras da Conselleira de Traballo o pasado martes no Parlamento Galego, onde “recomendou” aos traballadores despedidos acudir ao xulgado, desentendéndose así totalmente da súa situación e da problemática laboral que o persoal de Emesa está a padecer dende hai máis de dous anos. Ademais, abunda, “cando o deputado do BNG, Carlos Aymerich, instou á conselleira para que saíse falar cos representantes do Comité que asistimos á sesión plenaria, a súa resposta foi que nin de coña. Entón, que podemos esperar?”.

Agora, a administración ten quince días para resolver o expediente de regulación que, dende o Comité, agardan sexa desestimado.

1