Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 13/12/2011
Atribúe a situación á ineficacia e neglixencia da consellaría de Educación
A CIG-ENSINO denuncia que hai 118 baixas sen cubrir, 34 delas desde antes do inicio de decembro
A CIG-Ensino denuncia a “ineficacia” e “neglixencia” da Consellaría na cobertura das baixas do profesorado. A día 13 de decembro, segundo datos da propia consellaría, eran 118 as baixas sen cubrir, un número que se incrementa cada hora que pasa, con novas peticións de centros, mentres a Consellaría apenas fixo chamamentos desde o día 1, en concreto 15 en Primaria e 7 en Secundaria. Mentres 34 prazas anteriores a esa data non recibiron o profesorado substituto necesario.

Alumnos nas aulas

A CIG-Ensino vén denunciado reiteradamente desde o curso pasado a redución nos días de chamamento e o incremento alarmante de prazas que nunca se chegan cubrir, tendo os centros que realizar verdadeiros equilibrios de organización e estando o alumnado sen o profesorado especialista necesario por períodos de tempo inxustificados. “Neste momento a Consellaría soamente está a cubrir as baixas para as que resten 15 días no momento de realizar o chamamento, independentemente de que a súa duración total sexa de 15 ou máis días. En ningún caso cobren baixas de menos de 15 días. Os chamamentos reducíronse este curso a dous días, os martes e os venres”, asegura.

Recentemente a CIG-Ensino denunciou e demostrou unha práctica fraudulenta da Consellaría: a eliminación das peticións dos centros que a Administración non atende. Afirma, unha vez realizados os chamamentos a Consellaría procede a borrar da web as vacantes para as que falten menos de quince días, para eliminar as probas das súa neglixencia.

As 118 baixas que esta mañá estaban sen cubrir repártense do seguinte xeito (achegamos cadro coa distribución por especialidades):

Secundaria

55

FP

6

Escolas Oficiais de Idiomas

2

Conservatorios

7

Infantil e Primaria

48

Total de baixas sen cubrir

118

 

Destas 118 baixas 52 teñen unha duración superior a 20 días, 15 delas teñen unha duración de 30 días, 6 van dos 30 aos 63 días e 8 teñen unha duración superior a tres meses.

Especialmente grave é o caso da baixa de percusión, reclamada polo CMUS Superior da Coruña, que segue sen estar cuberta desde o día 20 de outubro, cando na listaxe desta especialidade hai dous profesores sen traballo.

Para a CIG-Ensino estes datos poñen en evidencia a mala xestión da Consellaría e a súa despreocupación pola boa marcha do ensino público, ademais do seu profundo talante antidemocrático. Insiste en que esta neglixencia é “unha falta de respecto para o profesorado que ten que ser substituído, para o alumnado e os seus pais e para tantas persoas demandantes de emprego que día a día seguen a web e comproban con estupefacción como desaparecen prazas que deben ser substituídas sen que se contrate a ninguén”.

1