Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 22/12/2011
Dende a CIG explican que esta emblemática empresa do Porriño está a pasar por unha grave situación froito do abandono que sistematicamente ten sufrido por parte dos propietarios, pertencentes ao grupo Pérez Leirós.
Hai un ano comezou o declive de Castelo e todas as empresas vinculadas ao mesmo sector do cemento, onde ficaron enterrados moitos millóns de euros. Parte dese capital procedía dos Establecementos Pérez Leirós, que nunca recibiu a atención necesaria para adaptarse aos tempos actuais, nun sector tan competitivo como é o do comercio.
Agora, cunha débeda salarial que até o 2010 ía pagándose con compras a quen desexaba facelo, a empresa, símbolo noutros tempos do comercio no Porriño, está nunha situación límite, mentres os seus propietarios ollan para outra parte, como se con eles non fora o asunto.
Non é pouco o que debe ao seu persoal, tendo en conta que no convenio do comercio do metal, polo que se rexen, o salario anual é dividido en 16 pagas (catro extraordinarias). Por iso a débeda das pagas extraordinarias desde outubro 2009 supón o 25% do salario anual, “e nin así se manteñen ao día o salario mensual”.
Os traballadores e traballadoras concentráronse a partir das 9.30 horas fronte á entrada do bazar, fronte ao Concello do Porriño. Despois destas dúas xornadas de protesta (días 14 e 21 de decembro), o persoal debaterá en próximas datas a posibilidade de novas protestas.
1