Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 26/12/2011
Denuncia a adxudicación dun novo contrato por máis de 150.000€ á multinacional, que se suma aos case 5 millóns de € por renovación de licenzas
CIG-Administración exixe ao goberno galego que implante o software libre na administración autonómica como comprometeu
A CIG-Administración, sector da autonómica, vén de denunciar a adxudicación dun contrato, negociado sen publicidade, por valor de 151.038 euros á corporación norteamericana Microsoft. Unha adxudicación que consideran que supón “seguir esgotando os cartos públicos”, en lugar de “apostar por unha austeridade que non dane os servizos públicos nin agrida ao persoal que os desenvolve” e que supón o incumprimento do compromiso do goberno galego de implantar o software libre.

ordenador portátil

O obxecto do contrato é dotar dun ‘soporte altamente especializado en tecnoloxías Microsoft para a resolución de problemas que xurdan no desenvolvemento de proxectos baseados nas tecnoloxías de produtos Microsoft”.

Para a CIG-Administración é consecuencia da dependencia de programas propietarios, porque explican, “se hai algún problema hai que pagarlle tamén a Microsoft porque ninguén máis pode modificalos”.

Denuncian ademais, que son contratos que “nacen da pedra que se atou ao pescozo a Xunta coa renovación das licenzas Microsoft”, por case 5 millóns de euros, e que foron defendidos pola propia administración como austeros, xa que unificaban os pagamentos a través dun órgano único: a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. Porén, aseguran que hai consellarías da propia Xunta, coma Mar, que seguen sacando os seus propios concursos para licenzas de Microsoft.

A CIG-Administración defende que a verdadeira austeridade tería sido apostar de forma decidida polo sofware libre, de acceso universal e cun mantemento e mellora que pode ser desenvolto de xeito local cun custo máis reducido. “Este tipo de contratos van claramente na dirección contraria ás intencións do Presidente da Xunta de apostar pola austeridade no apartado informático e, especificamente, na implantación do software libre.

Aseguran ademais que outras administracións públicas xa substituíron o software propietario por software libre sen que supuxera problema algún. Por iso, exixen que se cumpra o compromiso de implantalo en toda a administración.

1