Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 10/7/2008
Delegada sindical da CIG no Servizo de Atención a Emerxencias, 112
Isabel Moares: “O 112 é produto dun mal deseño político da Xunta gobernada polo PP que o novo goberno se nega a solucionar”
Isabel Moares
O 112 é un servizo cidadán de atención a emerxencias da Xunta de Galiza que dependen da Dirección Xeral de Protección Civil pero que está xestionado por unha empresa privada. Hai máis dun ano as traballadoras e traballadores iniciaron mobilizacións en demanda de melloras nas súas condicións laborais e salariais. Isabel Moares, delegada sindical da CIG, explica cales son esas condicións laborais e reclama que a administración pública asuma a súa responsabilidade. “Como non vai ser asunto da administración se traballamos para eles!!” afirma.

Como é a vosa xornada laboral?

Temos unha xornada laboral de sete horas de mañá, sete horas de tarde e dez horas de noite. O noso traballo consiste en atender as chamadas de emerxencia que recibimos de toda Galiza. A partir de aí xestionámolas e mobilizamos os medios necesarios, en función do tipo de emerxencia ao que nos esteamos enfrontando. Hai que ter en conta que atendemos chamadas de todo tipo, desde accidentes até incendios roubos, agresións ou malos tratos. Calquera tipo de emerxencia, tanto terrestre, como aérea ou marítima.

En tempo de descanso tamén vos poden chamar. Como está regulado?

Temos o que nós chamamos un “busca”, que supón que varios días ao mes debemos estar localizábeis as 24 horas do día. Poden chamar en calquera momento e tes un tempo de resposta máximo dunha hora para estar no centro de traballo. No son gardas retribuídas, son gardas localizadas pero sen retribución. Non están recollidas en convenio aínda que si que se nos obriga polo que eles denomina ‘exixencias do servizo’. Alén diso, en moitas ocasións tamén ocorre que nos chaman en días libres para cubrir postos e sempre estás pendente de que, ao mellor recibas unha chamada e teñas que subir a traballar.

Demandades mellores condicións laborais. En que se concretan?

Resumindo moito concrétanse en tres bloques. Por unha banda o relacionado cos horarios, “buscas” e a xornada anual; por outra o incremento salarial, que inclúa a retribución de todas aquelas condicións que a empresa nos exixe e que non veñen recollidas en convenio; e finalmente melloras sociais entre as que están a subrogación, a regulación da xubilación, ou a limitación do traballo nocturno a partir dunha determinada idade.

Chagouse a negociar coa empresa ou coa administración?

Haberá dous anos, tras da convocatoria de eleccións sindicais nas que se elixiron as delegadas, celebráronse varias asembleas nas que acordamos iniciar un proceso de negociación coa empresa para intentar mellorar as nosas condicións laborais. O primeiro intento foi antes das eleccións municipais. Atopámonos cunha actitude sorprendente por parte da empresa, que amosaba un estrano interese por que paráramos as mobilizacións prometendo que se ían a acadar melloras. A nosa sorpresa foi que logo das eleccións houbo outra xuntanza e mudara completamente a súa actitude, cunha resposta negativa a acceder a calquera das nosas demandas. A seguinte xuntanza foi coa Dirección Xeral de Protección Civil, logo do verán pasado, alí accederon a incluír unha serie de melloras nas plicas e cando estas se fixeron públicas comprobamos que nada do acordado estaba incluída. Tras eses dous intentos de negociación e dados os resultados acadados comezaron as primeiras mobilizacións. Con todo, grazas á presión e ás mobilizacións, fomos conseguindo pequenas cousas e non deixamos de traballar para que, de verdade, se produzan avances reais.

Agora retomastes as mobilizacións mesmo cunha recollida de sinaturas Como percibides a actitude da xente cara ás vosas demandas?

As mobilizacións estanse facendo por toda Galiza, estanse colocando pancartas e poñendo mesas informativas. No cara a cara coa xente estámonos decatando de que unha vez que lle falamos de que se trata dun servizo de emerxencias, que é moi sensíbel, a xente apóianos e amosa interese en saber cal é a nosa situación e sorpresa cando comproba como traballamos. Estanse recollendo sinaturas cun resultado moi positivo, xa que a día de hoxe van máis de 2500 en apenas un mes.

Cal é o obxectivo prioritario destas mobilizacións?

Por unha banda queremos dar a coñecer a toda a cidadanía galega cal é a situación das traballadoras e traballadores do 112, que saiban cales son as nosas condicións laborais, como traballamos e pola outra banda presionar á administración para conseguir que nos tome en serio, que nos faga caso e que saiban que non imos parar até acadar as melloras que demandamos. Sabemos que van ser mobilizacións que se poden prolongar. En todo caso estamos dispostas/os a continuar até acadar os nosos obxectivos e sabemos que á volta da esquina hai unhas eleccións autonómicas. Neses períodos os representantes políticos son especialmente sensíbeis e queren que todo sexan sorrisos e boas caras. Se isto non se soluciona antes, aí estaremos nós, para lembrarlles que hai merda debaixo da moqueta. Pediremos o pronunciamento de todas as organizacións políticos e se pode ser, compromisos concretos.

Este é un servizo moi sensíbel para a atención ao cidadán, porén está privatizado. Considerades que debería ser público?

Consideramos que debería ser un servizo público xa que imos estar dentro da Axencia Galega de Emerxencias. O resultado de sermos un servizo público privatizado, é que o noso traballo está marcado por grandes exixencias por parte da empresa e moi poucas contrapartidas para os traballadores. Aplícasenos o convenio colectivo de telemarketing (agora chamado Contact Center), tremendamente precario e con salarios moi baixos. Porén, ao depender dunha administración exíxesenos ‘por necesidades do servizo’ unha dedicación especial e recórdasenos continuamente a importancia do 112. Aínda así, non pedimos entrar na administración “pola porta de atrás” senón que as nosas condicións laborais se equiparen ás do persoal laboral da administración autonómica.

Cal pensades que debe ser a implicación por parte da adminstración.

Como mínimo teñen a obriga de facilitar o acordo. Recentemente, nunha xuntanza co Xerente da Axencia Galega de Emerxencias, se lle recordaba que hipocritamente a administración sempre dicía que as condicións laborais das traballadoras e traballadores das contratas non eran cousa deles. Pero como non vai ser asunto da administración se traballamos para eles!! Nunca imos a aceptar que a administración non se molle e por iso é a eles a quen lle imos a sacar as cores, á Axencia Galega de Emerxencias, ao Conselleiro e se é necesario ao Presidente da Xunta. Porque somos un produto dun mal deseño político da Xunta gobernada polo PP pero que o novo goberno se nega a solucionar.