Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 27/1/2012
No que respecta ao Plan Integral, a Xunta pon en marcha un proxecto que concibe ás mulleres como un colectivo que debe ser protexido e dirixido, en vez de garantir que poidan decidir libremente sobre o exercicio dos seus dereitos reprodutivos e á súa sexualidade.
Este Plan enmárcase dentro da Lei 5/2010 do 23 de xuño, polo que se estabelece e regula unha rede de apoio á muller embarazada, froito da cal subvencionaron con cartos públicos a asociacións antiabortistas para disuadir ás mulleres de que poidan exercer o seu dereito a decidir libremente sobre a maternidade, reforzando así os discursos que cimentan o patriarcado.
Esta norma vai na mesma liña ca Lei de apoio á Familia e á convivencia de Galiza aprobada en xullo do ano pasado; un texto que incide na retórica da familia heterosexual tradicional e que tamén pretende limitar o control da muller sobre a súa vida sexual, concibindo á maternidade como papel e función vital das mulleres.
Desde a Secretaría da Muller da CIG denúnciase, unha vez máis, que desde os poderes públicos se están a recortar dereitos conseguidos polas mulleres, logo de séculos de activismo e resistencia.
Os poderes públicos, matiza a Secretaria da Muller, deben poñer a disposición das mulleres o sistema sanitario para que sexa capaz de dispensar os métodos anticonceptivos para evitar embarazos non desexados (incluíndo ás solucións de urxencia como a pílula poscoital), para facer un seguimento do embarazo e o parto, humanizando este, e tamén para que atenda ás interrupcións voluntarias do embarazo, sendo preciso contemplar na rede educativa unha verdadeira materia de educación sexual que poida orientar á mocidade a vivir a sexualidade sen tabús e limitacións, pero cun maior coñecemento que poida evitar embarazos non desexados.
A Secretaria da Muller da CIG lamenta que no canto de favorecer a maternidade como unha escolla libre, de abrir as escolas pechadas no rural, de construír novas unidades con horario ampliado e adaptado aos horarios laborais, de ampliar a rede pública de escolas infantís e centros de día, de estabelecer unha liña de axudas á conciliación e á natalidade, de evitar e perseguir as discriminacións relacionadas coa conciliación da vida familiar e laboral, de protexer ás mulleres da pasividade das mutuas na protección do embarazo e da lactación; a administración destine cartos públicos a crear unha rede paralela que duplicará os servizos públicos entregando ás asociacións antiabortistas o labor de apoiar ás mulleres para culpabilizar ás que deciden abortar.
“E como colofón a esta situación, anúnciase agora unha reforma da lei do aborto, poñendo en práctica o seu retrógrado programa electoral, propoñendo a esixencia do consentimento paterno/materno, nos casos das menores de idade que queiran abortar, concibindo de novo ás mulleres como un suxeito que non pode decidir libremente”, critica a Secretaria Confederal, Margarida Corral.
Resulta curioso que non teñan reparos en propor facer cambios na Lei do Menor de xeito que se lles aplique o código penal, concibíndoos como adultos que deben ser xulgados como tales, e non obstante, tutelen ás mozas e se lles denegue a súa capacidade de decisión.
Desde a Secretaría da Muller denúnciase que “se está a impedir desde os poderes públicos facer posíbel unha conquista histórica das mulleres: o dereito a decidirmos libremente sobre os nosos corpos”.
1