Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 27/2/2008
Con bo ánimo, os traballadores de Ramsa, concesionaria da explotación da mina de Serrabal e de Ferroatlántica de Cee e Sabón, aseguran que non marcharán de San Caetano até que remate a campaña electoral ou até que o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, cumpra os seus compromisos.
Cunha grande dose de paciencia e para evitar os riscos que puidera provocar o mal tempo, dedicaron as últimas xornadas a reforzar as tendas de campaña, ler os xornais, charlar sobre o divino e o humano e tamén a matar o tempo xogando ás cartas.
Os compromisos de Touriño
A estas alturas e transcorridos meses desde a celebración da primeira xuntanza co presidente da Xunta –abril de 2007- tampouco é que teñan moita confianza nas posíbeis promesas que lles poida facer. Ademais, Touriño ten demostrado que é lento á hora de atender aos traballadores. De feito, a entrevista celebrada en abril de 2007 fora solicitada xa en xuño de 2006.
Nesa xuntanza, Touriño comprometérase a demandar do Ministerio de Fomento un informe no que se avaliara o posíbel atraso que provocaría nas obras do TAV un cambio do trazado ao seu paso pola mina e comparar os datos co atraso que provocará o cambio do trazado, xa pactado co Ministerio, ao seu paso por Lalín, onde de manterse arrasaría con dous castros (agora xa hai outros moitos cambios de trazado comprometidos ou solicitados, mesmo por alcaldes do PSOE, ao seu paso polos seus concellos).
Claro que os traballadores xa temían, nese momento, que se tratara dunha manobra de distracción, ou mellor dito, de dilación, para frear as súas mobilizacións e garantir unha campaña electoral tranquila, daquela para as municipais. E como proba da súa lentitude á hora de atender as demandas dos traballadores, aínda hoxe están á espera dos resultados do informe de Fomento e da valoración deste polo Parlamento de Galiza.
Os postos de traballo
Para os traballadores, alén da explotación mineira, o que preocupa é a garantía de mantemento dos postos de traballo actuais e dos que se poderían xerar no futuro, ao quedar afectada a explotación polo paso do Tren de Alta Velocidade.
A empresa Ramsa ocupa directamente a 36 traballadores, a empresa de Cuarzos Industrias a 8 e as diferentes contratas que desenvolven o seu traballo exclusivamente nesta mina a 60.
A maiores hai que ter en conta as repercusións derivadas da diminución de actividade na mina de Serrabal nas industrias dependentes da materia prima que aquí se extrae, nomeadamente as plantas de Ferroatlántica en Sabón e Cee, que ocupan a 500 traballadores/as directos.
A afectación da mina
O trazado defendido por Fomento afecta de maneira directa aos bancos 0 e 1, que son os que contan coas maiores reservas de silicio solar, estimadas en 100 millóns de toneladas. A esta afección directa hai que lle engadir que, se ben a lonxitude da mina é duns 3 quilómetros, o trazado, durante case un quilómetro e medio non se aparta da mina nin sequera en 100 metros (en concreto 80 metros). Iso implicaría, segundo os propios informes oficiais –aos que a CIG tivo acceso xa o ano pasado- que máis do 50% da explotación podería verse afectada, en función das distancias de seguridade que se determinen, a efectos de poder facer explosións preto dunha infraestrutura ferroviaria. Eses mesmos informes estiman a afección directa en preto dun 40% das reservas existentes.
O desenvolvemento industrial de Galiza
Máis alá do grao de afectación total á explotación mineira, para os traballadores/as é especialmente preocupante a afección dos filóns dos que se está a extraer silicio solar. Un mineral de grandísima pureza que constitúe a materia prima fundamental de Sabón e que é practicamente imposíbel de atopar no resto de Europa. Tal é así que mesmo Noruega, no ano 1999, condicionou a construción dunhas fragatas en IZAR a asegurarse uns mínimos da produción deste mineral procedente de Serrabal.
A CIG ten chamado a atención, en numerosas ocasións sobre este feito, xa que de manter a explotación e a extracción deste mineral poderíase desenvolver unha industria punteira a nivel mundial: a industria fotovoltaica.
O atraso das obras
A procura dunha variante sobre o trazado actual podería supor un certo atraso na culminación desta infraestrutura ferroviaria, “mais antes de darlle a esta premisa valor de verdade absoluta”, tal e como explica Anxo Noceda, secretario comarcal da CIG de Compostela, “deberiamos reflexionar que o propio Ministerio de Fomento está a recoñecer un atraso duns 3 anos (2012-2014) no trazado Lubián-Ourense, o cal xa imposibilitaría que o AVE Santiago-Ourense estivese en funcionamento antes desa data”, quen engade que “pórlle máis ou menos fin a unha explotación mineira non ten volta atrás, non é algo que nun futuro podamos recuperar, mais desviar o actual trazado do AVE non implica que este desapareza, senón que estaría activo nun ou outro momento”.
Para Noceda o que máis inquedanza produce, en todo caso é que “todo este proceso de destrución dunha riqueza do noso país conlevaría ademais, o aboamento a Villar Mir dunha indemnización que, cando menos en principio, en nada redundaría nin para o país nin para os traballadores, ademais de multiplicar os custos económicos do trazado”.
O secretario comarcal da CIG advirte tamén que “de non acadarse acordo coa empresa, o propio proceso xudicial podería implicar aínda máis atraso que estudar e levar a cabo a variante”.
1