Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Opinion 22/3/2012
Exilio laboral?
Xurxo Martiz Crespo
Me voy de España, cartaz en Madrid. Xurxo Martiz-CIG-Migración.jpg

Me voy de España, cartaz en Madrid (Foto: Xurxo Martiz-CIG-Migración).

É falso que pola crise económica, no Estado español, a emigración superara en número a inmigración. A bautizada «xeración mellor preparada» da historia dos españois non fala nin inglés nin alemán; proba diso é que bilingües no Estado só son aqueles que falan catalán, galego ou éuscaro.

 Isto non é obstáculo para que algún español falante fale algunha outra lingua, distinta do español, que si hai quen fale inglés e alemán, pero non na cantidade suficiente como para falar de éxodo masivo, porque para atopar traballo de enxeñeiro en Alemaña (ou en Alaska) fai falta, ademais de ser enxeñeiro e falar alemán, ser un bo enxeñeiro, falar ben alemán e ter sorte, que en Alemaña tamén hai enxeñeiros que, ademais, falan alemán.

 Con moita superficialidade os medios de comunicación disparan cifras de vertixe sobre a emigración que deben ser tomadas con cautela. A revista Eroski Consumer (Carlos Astorelli, 12 de marzo de 2012) aseguraba que 15.000 españois emigraran a Cuba durante a crise. Imposíbel. Cousa moi distinta é que 200.000 cubanos agora sexan cidadáns españois, que non emigrantes.

 Segundo as últimas estatísticas do INE, ao rematar 2011 case 100.000 persoas no estranxeiro entraron no censo electoral de residentes ausentes (CERA). Deles o 99% non naceu (se cadra nin estiveron) en España. Pero ese mesmo ano o número de estranxeiros no Estado español aumentou en 324.000 persoas, sen contar coas máis de 500.000 que adquiriron a cidadanía española por residencia nestes derradeiros anos e pasan á lista de «españois».

 Porén, na década «boa» para os españois, 1998-2008, Galiza non deixou de perder poboación por emigración a Canarias, ao resto do Estado e lixeiramente a Europa, e por unha medra vexetativa negativa endémica da poboación. Os distintos gobernos da Xunta e do Estado nada fixeron verbo disto e coido que nada van facer.

 O Estado español posúe a maior porcentaxe de estranxeiros de Europa e a situación non vai cambiar en moito tempo. O empresariado e as administracións, que pedían e facilitaban a entrada masiva de inmigrantes, agora queren facernos crer que todo o mundo volveu para a súa casa e que todos os mozos universitarios españois están en Berlín, Oslo e Londres. A realidade di outra cousa moi distinta.

 

 

[A Coruña, 22 de marzo de 2012]