Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Opinion 9/4/2012
Eleccións en Francia
Ignacio Ramonet
Publicado en Le Monde Diplomatique ()
20120409_francia_melenchon-bastille.jpg

Co 14% das intencións de voto, Jean-Luc Mélenchon (da Fronte de Esquerda - Front de Gauche) está a resultar a gran revelación destas eleccións. Os seus mitins son os que reúnen o meirande número de persoas, e os seus discursos, verdadeiros modelos de educación popular, os que levantan o maior entusiasmo.

 A elección presidencial é, en Francia, “a nai de todas as votacións” e o punto incandescente do debate político. Ten lugar cada cinco anos. É un sufraxio universal directo a dúas voltas. En principio, calquera cidadán francés pode presentarse á primeira volta, que ten lugar esta vez o 22 de abril. Aínda que debe cumprir unha serie de requisitos. Entre eles, contar co apoio de 500 cargos electos de polo menos 30 departamentos (provincias) distintos (1). Se ningún candidato obtén maioría absoluta (máis do 50% dos votos), imponse unha segunda volta dúas semanas despois. Desde a instauración da Quinta República en 1958, sempre houbo unha segunda volta. A ela acceden soamente os dous candidados que encabezan a primeira quenda. Ou sexa, haberá que esperar até o próximo 6 de maio para coñecer o resultado. Entre tanto, toda a vida política vira arredor dese acontecemento central.

 Polo momento, ninguén ten a partida gañada, aínda que -segundo todas as enquisas- a final parece que vai estar entre dous candidatos: o presidente conservador saínte Nicolas Sarkozy, e o líder socialista, François Hollande. Pero quedan aínda varias semanas de campaña nas que moitas cousas poden ocorrer (2). E ademais, un terzo dos electores non decidiu aínda por quen votará...

 Os debates desenvólvense nun contexto marcado por dous fenómenos principais: 1) a maior crise económica e social que Francia coñeceu nos últimos decenios (3); 2) unha crecente desconfianza cara ao funcionamento da democracia representativa.

 A Constitución só autoriza dous mandatos consecutivos. O presidente Sarkozy declarouse oficialmente o 15 de febreiro pasado candidato á súa propia sucesión. Desde aquela a poderosa maquinaria do seu partido, a Unión por un Movemento Popular (UMP), púxose en marcha con forza. E conseguiu que todos os demais candidatos da dereita (excepto o soberanista Nicolas ­Dupont-Aignan) se retiren da contenda para o deixar como único representante da corrente conservadora (4). A batalla, porén, non será doado. Todas as enquisas dano por derrotado na segunda volta fronte ao candidato socialdemócrata François Hollande.

 Sarkozy volveuse moi impopular. No estranxeiro, moitas persoas non o conciben porque unicamente perciben a súa imaxe de líder internacional enérxico dirixindo, xunto con Angela Merkel, os Cumijos europeos ou as do G-20. Ademais, en 2011, asumiu tamén unha postura de xefe militar e conseguiu gañar dúas guerras, en Costa do Marfil e en Libia. Por outra banda, no aspecto do “glamour”, o seu matrimonio coa coñecida ex modelo Carla Bruni, con quen acaba de ter unha nena, contribúe a facer del un actor permanente da prensa do corazón. De aí a perplexidade da opinión pública estranxeira ante a súa eventual derrota electoral.

 Pero hai que ter en conta, en primeiro lugar, un principio político case universal: non se gañan unhas eleccións grazas a un bo balance de política exterior, por excelente que sexa. O exemplo histórico máis coñecido é o de Winston Churchill, o “vello león” británico vencedor da Segunda Guerra Mundial e derrotado nas eleccións de 1945... Ou o de Richard Nixon, o presidente estadounidense que puxo fin á guerra de Vietnam e recoñeceu a China popular, pero que se viu obrigado a dimitir para non ser destituído... Hai que engadir que outra lei parece terse establecido en Europa estes últimos anos no contexto da crise: ningún goberno saínte foi reelixido.

 En segundo lugar, está o balance do seu mandato, que é execrábel. Ademais dos numerosos escándalos nos que se viu envolto, Sarkozy foi o “presidente dos ricos”, aos que fixo agasallos fiscais inauditos, mentres sacrificaba as clases medias e desmantelaba o Estado do benestar. Esa actitude alimentou as críticas dos cidadáns que, aos poucos, víronse engulidos polas dificultades: perda de emprego, redución do número de funcionarios, atraso da idade de xubilación, aumento do custo da vida... Non cumpriu as súas promesas. E a decepción dos franceses amplificouse.

 Sarkozy cometeu tamén importantes erros de comunicación. A noite mesma da súa elección en 2007 exhibiuse nun coñecido restaurante parisiense dos Campos Elíseos festexándoo sen complexos en compañía dun feixe de multimillonarios. Aquela interminábel esmorga no Fouquet’s quedou como o símbolo da vulgaridade e a ostentación do seu mandato. Os franceses non o esqueceron e moitos dos seus propios electores modestos endexamais llo perdoaron.

 Co seu hiperactivismo, a súa vontade de estar presente en todas partes e de decidilo todo, Sarkozy esqueceu unha regra fundamental da Quinta República: o Presidente -que posúe máis poder que calquera outro xefe de Executivo das grandes democracias mundiais- debe saber gardar as distancias. Dosificar con prudencia as súas intervencións públicas. Ser o señor da sombra. Non se queimar por exceso de sobreexposición. E é o que lle pasou. A súa hipervisibilidade desgastou axiña a súa autoridade, e converteuno na súa propia caricatura, a dun dirixente permanentemente acalorado, impetuoso, excitado...

 Nin unha soa enquisa, até o de agora, dáo como vencedor destas eleccións. Pero Sarkozy é un guerreiro disposto a todo. E tamén, ás veces, un golfante sen escrúpulos, capaz de actuar como un auténtico aventureiro. De tal xeito que, desde que se lanzou á campaña o mes pasado, cun descaro monumental non dubidou en se presentarse -el, que foi o “presidente dos ricos”- como “o candidato do pobo” esgrimindo argumentos próximos á xenofobia para roubarlle votos á extrema dereita. Non sen eficacia electoral. E nas intencións de voto, inmediatamente gañou varios puntos até conseguir situarse por riba do candidato socialista...

 Este, François Hollande, é polo momento, o claro favorito das sondaxes. Todos, sen excepción, dano vencedor o 6 de maio próximo. Pouco coñecido no estranxeiro, Hollande é considerado polos seus propios electores como un burócrata por ser durante máis de once anos (1997-2008) Primeiro secretario do Partido socialista (5). Contrariamente ao seu ex compañeira Ségolène Royal, nunca foi ministro. E o seu nomeamento como candidato dos socialistas non resultou evidente. Só foi designado logo dunhas durísimas eleccións primarias no seo do seu partido (ás que, por razóns farto coñecidas (6), Dominique Strauss-Kahn, o preferido dos electores socialistas, non puido competir).

François Hollande é un social-liberal de centro, coñecido polas súas habilidades de negociador e a súa dificultade para tomar decisións. Repróchaselle ser demasiado apoucado e manterse en permanencia a confusión. O seu programa económico non se distingue netamente, no fondo, do dos conservadores. Despois de afirmar nun discurso electoral que “o inimigo principal” eran as finanzas, apresurouse a ir a Londres a acougar os mercados lembrándolles que ninguén privatizara máis e liberalizara máis que os socialistas franceses (7). No que respecta ao euro, á débeda soberana ou aos déficits orzamentarios, Hollande -que afirma agora querer renegociar o Pacto fiscal (8)- está na mesma liña que outros dirixentes socialdemócratas, como Yorgos Papandreu (Grecia), José Sócrates (Portugal) e José Luís Rodríguez Zapatero (España), os cales, logo de abxuraren dos seus principios e aceptaren as forcas caudinas de Bruxelas, foron electoralmente expulsados do poder.

 A molicie política de François Hollande aparece aínda máis flagrante cando se compara co candidato da Fronte de Esquerda, Jean-Luc Mélenchon. Co 14% das intencións de voto, este está resultando a gran revelación destas eleccións. Os seus mitins son os que reúnen o meirande número de persoas, e os seus discursos, verdadeiros modelos de educación popular, os que levantan o maior entusiasmo. O domingo 18 de marzo, aniversario da revolución da Comuna de París, conseguiu mobilizar a unhas 120.000 persoas na praza da Bastilla, cousa endexamais vista nos últimos cincuenta anos. Todo iso debería favorecer certo xiro á esquerda dos socialistas e de François Hollande. Aínda que as diferenzas de liñas son abismais.

 O programa de Jean-Luc Mélenchon, resumido nun librito titulado L’Humain d’abord! (9) (Primeiro o humano!) do que xa se venderon centenares de miles de exemplares, propón, entre outras medidas: repartir a riqueza e abolir a inseguridade social; arrebatarlle o poder aos bancos e aos mercados financeiros; unha planificación ecolóxica; convocar unha Asemblea Constituínte para unha nova República; liberarse do Tratado de Lisboa e construír outra Europa; iniciar a desmundialización...

 O entusiasmo popular que está levantando Jean-Luc Mélenchon dá unha nova esperanza ás clases traballadoras, aos militantes veteranos e á multitude dos mozos indignados. É tamén unha resposta a unha democracia en crise onde moitos cidadáns xa non cren na política nin no ritual das eleccións.

 Mentres se desinfla a extrema dereita e fracasa a tentativa de revivila mediante o experimento de Marine Le Pen, estas eleccións presidenciais francesas poderían demostrar que, nunha Europa desorientada e en crise, sigue viva a esperanza de construír un mundo mellor.

________________________________________________________________

(1) Esta esixencia revelouse insuperábel para polo menos dous pretendentes importantes: Dominique de Villepin, gaullista, ex primeiro ministro, e Corinne Lepage, ecoloxista, ex ministra, excluídos da competición.

(2) Por exemplo, o asasinato de tres militares no sur de Francia e a odiosa matanza de nenos xudeus en Toulouse o 19 de marzo pasado, cometidos por un novo yihadista relacionado con Al Qaeda, impactaron con forza na campaña, dándolle naturalmente un protagonismo particular ao presidente saínte Nicolas Sarkozy.

(3) Taxa de desemprego: 9,8%. Desemprego dos mozos de menos de 25 anos: 24%. Número total de desempregados: 4,5 millóns.

(4) En favor de Sarkozy, retiráronse da competición: Christine Boutin (Partido cristián-demócrata), Hervé Morin (Novo Centro) e Frédéric Nihous (Caza, Pesca, Natureza e Tradicións). Por idéntico motivo, o centrista Jean-Louis Borloo non presentou a súa candidatura. E a eliminación de Dominique de Villepin e de Corinne Lepage terá tamén como consecuencia que a maioría dos seus electores apoiarán o presidente saínte.

(5) Nas enquisas, os dous terzos dos votantes de Hollande declaran que o fan por “rexeitamento a Sarkozy”; unicamente un terzo di que se adhire ás ideas de Hollande.

(6) Léase, Ignacio Ramonet, “Una izquierda descarriada”, Le Monde diplomatique en español, xuño de 2011.

(7) The Guardian, Londres, 14 de febreiro de 2012.

(8) Léase, Ignacio Ramonet, “Nuevos protectorados”, Le Monde diplomatique en español, marzo de 2012.

(9) http://www.lhumaindabord2012.fr

________________________________________________________________

 

 

[Artigo tirado da edición española de ‘Le Monde Diplomatique’, do mes de abril de 2012]