Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Opinion 13/4/2012
Estado español: Orzamentos Xerais, un conto para non durmir
Albert Recio Andreu
20120413_orzamentos.xerais.estado.jpg

A contrarreforma laboral en marcha constitúe unha clara autoestrada á servidume, pois, máis aló de medidas concretas, o que realiza é unha doazón masiva de poder aos empresarios. Un poder que reduce os dereitos individuais, fracciona a acción colectiva, acala mecanismos de voz e impide a actuación de árbitros externos. Ao final, reduce a relación laboral a unha dependencia persoal na que unicamente prima a vontade do empresario...

I

 Non era de agardar outra cousa deste Goberno e neste contexto. O orzamento de 2012 constitúe un plan de axuste en toda regra: reduce drasticamente o gasto público e contén unha clara deriva reaccionaria na composición deste. O efecto final será máis grave por canto ao recorte do orzamento estatal hai que sumar o que aplicarán as Comunidades Autónomas e as corporacións locais. Dado que estas concentran unha parte importante dos gastos sociais -sanidade, educación, servizos sociais-, cómpre esperar que o impacto social final sexa moito máis radical.

 Á hora de xulgar esta política convén diferenciarmos dous planos: o macroeconómico -o seu impacto sobre o conxunto da actividade económica- e o da súa composición -os seus efectos particulares sobre grupos sociais, actividades, etc.-.

 No primeiro plano, o macro, o diagnóstico parece sinxelo. A curto prazo, os recortes orzamentarios van deprimir aínda máis a vida económica e o emprego. De feito, pode xa constatarse que nos últimos trimestres os recortes das actividades públicas afectaron ao emprego en sectores relacionados co sector público e que o seu efecto multiplicador se estende ao conxunto da economía. É ata dubidoso que o orzamento poida conseguir o que se presenta como a súa única xustificación -a redución do déficit público-, posto que a caída da actividade xera dúbidas sobre a capacidade recadatoria real nos próximos meses. Ademais, pode agravar os problemas de endebedamento privado.

 Isto sábeno os promotores da política actual, mais o seu dogmatismo e a súa confianza cega lévaos a pensar que a diminución dos salarios, a redución da actividade pública e a orientación pro empresarial do Goberno xerarán por si soas tal dinamismo privado que -a longo prazo- a economía retomará a súa irrefreábel tendencia á expansión. Abonda con que sexamos dóciles, obedientes e austeros, e o capital recompensaranos cun futuro brillante de creación de emprego e prosperidade. Máis ou menos unha versión sofisticada do conto da leiteira que elude explicar como soportaremos o tránsito, como poderemos aturar cifras insoportábeis de paro, con ausencia de verdadeiras políticas de reorientación produtiva, de apoio de rendas básicas. Os orzamentos elabóranos contábeis que seguen as ordes de xenerais que hai tempo que perderon a folla de ruta, e aos que non lles treme a man á hora de esixiren sacrificios aos demais porque eles non os padecen (por exemplo, os directivos das empresas que cotizan no Ibex, que, a pesar de veren reducidas ostensibelmente as súas ganancias, da orde do 30%, viron recompensados os seus esforzos cun modesto aumento do 1,5% dos seus ingresos), sen poder explicar as características, a duración e os efectos dos devanditos sacrificios. De tanto dicirnos que vivimos por riba das nosas posibilidades, están traballando para que esteamos moito peor do que nos merecemos.

II

 Se o impacto global é máis que discutíbel, a análise polo miúdo induce ao terror. Os únicos ministerios que afrontan recortes moderados son os que teñen que ver coa actividade represiva do Estado -Interior, Xustiza e Defensa-, prefigurando se cadra que unha sociedade con máis desigualdades e inxustizas só se sostén con medidas autoritarias.

 Os recortes amosan unha clara orientación antisocial: desaparecen por completo as partidas de dependencia e o fondo de integración de inmigrantes, e experimentan recortes significativos as axudas ao acceso á vivenda (o cal contrasta coa reintrodución da desgravación por compra no IRPF), os gastos en cultura, os de cooperación ao desenvolvemento, as subvencións á televisión pública... E é difícil atopar políticas orientadas a promover un cambio de modelo económico, posto que tamén padecen recortes máis que significativos as políticas activas de emprego, a promoción da investigación, Renfe (quizais o preludio doutra privatización), etc.

 O que semella ter claro a dereita é o seu enfoque social. Non é estraño que, á calor dos recortes, as políticas sociais se inchen a promover o papel do voluntariado e da familia como alternativas. É a volta ao reseso modelo da caridade cristiá e do “sálvese quen poida”. En cambio, non hai ningún indicio de idea acerca de como vai reorganizarse a economía deste país, de que sectores hai que promover, de que cambios nas pautas de consumo hai que incentivar, de como reorientar as habilidades laborais da xente, de como impulsar un desenvolvemento inclusivo. É un simple retroceso ás políticas de toda a vida, as que descargan sobre as familias as tarefas de reprodución social, as que confían na porra para manter a orde pública, as que soñan con que o mercado (un ente tan insubstancial como “Deus” ou a “historia”) resolverá os problemas que non é posible resolver de forma colectiva.

III

 Completa o paquete o axuste fiscal, pois ao xa anunciado aumento do IRPF súmase agora, como medida principal, a revisión do Imposto de Sociedades. Unha necesidade ineludíbel nun imposto que teoricamente grava o 30% dos beneficios empresariais e que, na práctica, só recadaba pouco máis do 10%. E que o ano pasado rexistrou un descenso da recadación que duplicou a diminución de beneficios declarada polas empresas. A situación era tan escandalosa, e as probabilidades de obter bos resultados tan claras, que non tiveron máis remedio que introducir cambios, aínda que pola súa complexidade é posíbel que a reforma inclúa máis dunha trampa en termos de equidade.

 Porén, este compoñente aparentemente progresista dos ingresos vén acompañado doutros anuncios claramente escandalosos. Por unha banda, o novo esquema de taxas xudiciais. No Estado español a xustiza nunca foi gratuíta nin igualitaria. Os pobres saben que ir aos xulgados é cousa de ricos. Agora a barreira é máis alta e está deseñada para evitar que aquel que se sinta maltratado en primeira instancia se atreva a recorrer. Pode argumentarse que iso desalenta as prácticas obstrucionistas de empresarios e poderosos, pero, en vista da contía e o deseño das taxas, a barreira afecta especialmente aos litigantes de baixos recursos. Especialmente significativa é a introdución de taxas nos xulgados sociais, quizais porque a reforma laboral prefigura unha maior xudicialización das relacións laborais e o que se pretende é desalentar a xente a que use esta posibilidade de último recurso. E é que xa o explicou Dickens hai máis de 150 anos en Bleak House [Casa sombría]: o sistema xudicial non é recomendábel para a xente común.

 E, como colofón, a nova amnistía fiscal aos poderosos posuidores de diñeiro negro. Unha medida que sempre se presenta como unha operación de limpeza a fondo e que, na práctica, adoita ser unha simple actuación cosmética que deixa intactas as raíces da fraude fiscal. Máxime nun país que acaba de desmantelar a cúpula da inspección tributaria, que puxo na súa dirección a unha persoa, Pilar Valiente, que resultou máis que queimada no affaire Gescartera, e onde tampouco se expón unha mellora substancial da inspección fiscal. Non deixa de ser sospeitoso que a reforma se produza xusto no momento en que a inspección tributaria puxo de manifesto as irregularidades fiscais de poderosas familias como os Botín, os Carulla ou os Cuatrecasas. Ningunha amnistía fiscal anterior serviu para rebaixar significativamente a fraude fiscal, pero si que permitiu a algúns poderosos lavar responsabilidades até novo aviso.

IV

 Se este conto acaba mal -e hai bastantes probabilidades de que así sexa-, Rajoy e a súa “troupe” non van ser os únicos en quedar en evidencia. Á fin e ao cabo, eles poderán esgrimir que foron fieis seguidores das consignas que lles deron os tsares europeos, os políticos e tecnócratas que rexen con man de ferro e con falta de sentido común e sensibilidade social os destinos de Europa. Aínda que seguramente, se as cousas se complican, estes líderes imperiais laven as mans. A complexidade do mundo real sempre permite saídas en falso, como culpar dos problemas a unha mala aplicación da política, á resistencia das vítimas locais ou a calquera perturbación externa imprevista. A preocupación pola situación española que empeza a manifestar algún destes prohomes europeos non é máis que unha expresión de cinismo coa que tentan agochar a súa propia responsabilidade.

 Hai algo máis preocupante aínda, e é que, ademais da súa teima en aplicar políticas que nos achegan ao precipicio e que deixan intactas as causas básicas dos problemas actuais (a excesiva e criminal financeirización, os desequilibrios produtivos, territoriais e sociais xerados pola globalización, as políticas neoliberais, os problemas que vai xerando a crise ecolóxica, etc.), esixen cada vez máis aplicar medidas de urxencia para levalas a cabo, eliminar os atrancos democráticos para imporse a curto prazo. E iso aínda que despois teñan a desvergoña de recoñecer que reformas estruturais como a laboral só xeran resultados a longo prazo (e, xa que logo, que a súa implementación podería agardar un sosegado debate social, pois os seus posíbeis efectos non servían para cubrir ningunha urxencia). Trátase de medidas de urxencia que significan recortes na participación democrática, como a de impor gobernos tecnocráticos, ou a de aprobar reformas da Constitución sen debate, ou a de levar a cabo grandes reformas pola vía do decreto lei. Ou, como é previsíbel, aplicar novos recortes ás liberdades para impedir e coartar a protesta social. Tamén nisto, unha análise do que o novo orzamento recorta e non recorta resulta premonitorio de que nos enfrontamos a algo máis que unha simple apertada de cinto. Están en xogo os dereitos fundamentais.

Autoestrada de servidume

 En 1944 Friedrich Hayek publicaba Camiño de servidume, un libro fundamental para o pensamento antisocialista. O seu argumento básico era que a planificación e a propiedade pública eliminaban as bases da liberdade humana e tendían a converter as persoas en simples servos dalgún tipo de Estado totalitario. Este foi desde sempre un das iconas intelectuais do pensamento neoconservador e neoliberal. En gran parte, a contrarrevolución neoliberal tivo bastante éxito en explotar unha idea reducionista de liberdade humana como base para obter lexitimidade e hexemonía cultural.

 Non vou entrar aquí a discutir todo o razoamento de Hayek, pero a reflexión sobre a actual reforma laboral, e o coñecemento do que tamén está ocorrendo en moitos países con políticas neoliberais, leváronme a repensar o tema. Unha análise das formas de dominación humana nas economías precapitalistas permite recoñecer unha elevada gama de situacións nas que un grupo de individuos coaccionou o resto, impúxolles os seus intereses, obrigounos a unha actividade laboral excesiva, coartoulles as súas accións, vulneroulles a súa dignidade. Algunha destas formas de dominación tomaron a forma dunha relación entre individuos e Estado, como o traballo forzado nos imperios orientais ou nas colonias do século XIX. Noutros, porén, esta relación baseouse fundamentalmente nunha relación persoal, aínda que claramente predeterminada por un marco institucional externo, como é o caso da escravitude (unha relación amo-criado), a servidume feudal (unha especie de “contrato” entre un señor e un vasalo) ou gran parte das relacións patriarcais, sempre mediadas por relacións familiares (nalgúns casos mesmo camufladas por algo que ten tan boa prensa como o amor). Os liberais antisocialistas tenden a confundir a servidume só coas variantes do primeiro tipo, pero adoitan ser insensíbeis ás que existen nas relacións privadas. Posibelmente porque iso os conduciría a recoñecer que tamén nas relacións laborais capitalistas se dá unha nova forma de servidume, camuflada baixo un contrato de traballo estritamente privado.

 O grao de servidume nas economías capitalistas reais variou co tempo en función da loita de clases, das regulacións públicas, das oportunidades de escapar a unha relación indesexábel (o pleno emprego é sempre unha oportunidade para relaxar a dependencia). Por iso as peores condicións laborais, as dependencias máis persoais, prodúcense naqueles contextos locais nos que un patrón controla todos os resortes do poder local (abonda con ler a un novelista conservador como Torrente Ballester para aprendelo).

 Nos últimos anos, as contrarreformas laborais aprobadas en moitos países -nomeadamente nos anglosaxóns pero tamén noutros- baixo a camuflaxe da flexibilidade, a globalización e a competitividade, tenderon a reforzar a dependencia persoal de moitas persoas (no argot económico, algúns autores falan da aparición de mercados “monopsónicos” ou “oligopsónicos”), con sindicatos debilitados ou inexistentes, con leis que dan moita marxe ás decisións empresariais, con empregados sometidos a un temor permanente ao despedimento, co uso de técnicas de chantaxe emocional.

 Vista desde esta perspectiva, a contrarreforma laboral en marcha constitúe unha clara autoestrada á servidume, pois, máis aló de medidas concretas, o que realiza é unha doazón masiva de poder aos empresarios. Un poder que reduce os dereitos individuais, fracciona a acción colectiva, acala mecanismos de voz e impide a actuación de árbitros externos. Ao final, reduce a relación laboral a unha dependencia persoal na que unicamente prima a vontade do empresario, a súa maior ou menor condescendencia e boa fe (sempre houbo amos mellores e peores). E xa sabemos por experiencia que son as persoas sometidas a relacións máis personalizadas as que teñen peores condicións de traballo e son máis remisas a defender os seus dereitos. A nova lei laboral é unha auténtica autoestrada de servidume. E, como tal, debémola recoñecer. Porque están en xogo varios dos elementos básicos do vello programa emancipador: a igualdade, a liberdade e a fraternidade.

O plan de emprendedores

 A Generalitat de Catalunya regálanos todos os meses unha boa mostra de imaxinación. Se o mes pasado era a descuberta de que o futuro da economía catalá pasaba por atraer o modelo de Las Vegas, este mes obsequiáronnos cun plan de emprendedores que, entre outras cousas, prevé incluír a súa promoción nos programas docentes da educación obrigatoria.

 Como non teñen ideas claras sobre como saír da crise, xa só lles queda a baza de esperar a que, por xeración espontánea, xurdan uns líderes económicos que cren emprego e actividade de non se sabe onde. O tema da “emprendedoría” e o liderado forma parte desde hai trinta anos do discurso ideolóxico neoliberal, pensado para reforzar a hexemonía da clase empresarial e minusvalorar a achega do resto da sociedade ao benestar xeral. E agora, coa escusa da crise, volveuse a pór en circulación. E mesmo serviu como coartada para deseñar unha das modalidades máis execrábeis de contratación laboral, combinando subvencións impúdicas con derrogación de dereitos (o período de proba dun ano non é outra cousa).

 Os que nos venden a idea de que toda a solución pasa polos emprendedores, esquecen que foron eles os que nos levaron onde estamos. Ou é que non eran emprendedores os centos de especuladores inmobiliarios que arrasaron o territorio e alimentaron a burbulla inmobiliaria? Ou é que non o son os miles de persoas que todos os anos abren negocios de escasa viabilidade? Ignoran tamén que no mercado real os novos proxectos case nunca saen por xeración espontánea. Persoas ambiciosas hainas en todas as sociedades, pero a maduración de proxectos require a miúdo de fundamentos máis sólidos. Como a existencia de políticas públicas que xeren oportunidades de actividade (está ben estudado que o impulso básico á revolución informática, incluída internet, proveu do impulso das políticas militares estadounidenses). Ou que moitos innovadores saíron de empresas maduras e se limitaron a desenvolver novas aplicacións ou solucións a vellos problemas coñecidos. Agora parece que o que conta é que descenda o Espírito Santo e ilumine a unha nova xeración de individuos que desenvolverán algunha actividade ignota.

 Hai poucos días tiven a oportunidade de asistir a unha conferencia dun destes “gurús” do novo liderado (un coñecido profesor da prestixiosa escola de negocios Esade, aínda que algo “tocada” polas andanzas do seu real alumno). O seu argumento era que o novo liderado xa non pasa por ter unha visión sobre que facer, senón por promover a reflexión entre os seguidores do líder. Ou sexa que, traducido ao mundo económico, un pregúntase como van desenvolverse novas actividades se o que as dirixe non ten unha mínima idea de cales son. Visto así, parece claro que promover emprendedores é só un subterfuxio para seguir subliñando a importancia social dos empresarios, para seguir dicíndolle ao resto da sociedade que debe pregarse aos seus intereses e os seus caprichos, que ceda a súa confianza persoal a cambio de nada.

 É indubidábel que para saír da situación actual faltan iniciativas. E que estas sempre son sostidas por persoas. E que calquera sociedade alternativa debe seguir promovendo a creatividade, a reflexión, a dinamización social. Pero é seguro que o modelo de individuo autista, egotista e socialmente miope que caracteriza á figura do empresario capitalista-tipo non serve para resolver os problemas dun mundo que require sensibilidade ecolóxica, igualitarismo social, traballar coa complexidade dos procesos e cooperación colectiva. E que estes individuos dificilmente se desenvolverán suxeitos a unhas regras do xogo que potencian a competitividade individual e o narcisismo dos triunfadores, nin van aparecer coa simple aplicación de esconxuros como é o de “desenvolver o espírito emprendedor”.

 Os individuos son certamente importantes. Pero o reto está en xerar un marco social onde todo o mundo teña a capacidade de desenvolver as súas capacidades, onde todo o mundo sexa respectado e recoñecido polas súas achegas, onde a cooperación, o diálogo igualitario e a participación permitan atopar solucións que vaian máis aló dos proxectos que permiten enriquecer a uns poucos. É tempo para que os movementos sociais e as experiencias de economía social permitan desenvolver outro modelo de iniciativas e participación, un modelo máis pleno de liberdade e desenvolvemento colectivo.

 

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Mientras Tanto’, núm. 101, de abril de 2012]