Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 13/4/2012
Con esta concentración, as Federacións de Ensino e Administración da CIG queren denunciar a despreocupación absoluta da Conselleira de Traballo e Benestar Social pola situación laboral dos traballadores e traballadoras do Consorcio que perciben un terzo menos de retribucións que os seus homólogos na administración e que sofren unha maior inestabilidade e peores condicións no seu posto de traballo. A CIG lembra que o Consorcio segue sen aplicarlles V Convenio de Persoal Laboral da Xunta e continúa sen abrir unha negociación que permita confluír nun acordo que fixe os prazos para a súa aplicación.
Por outra banda, a prevista integración do Consorcio na Axencia Galega de Servizos Sociais pode traer como consecuencia a privatización dos centros que non teñen persoal fixo. “A esta altura os traballadores e traballadoras seguen sen coñecer as condicións nas que se vai facer a integración e as súas repercusións na estabilidade dos postos de traballo”, explicou Anxo Louzao, Secretario Nacional da CIG-Ensino.
Con esta mobilización a CIG quere denunciar tamén o camiño de privatización das Galescolas que emprendeu a Xunta de Galiza ao outorgarlle a súa xestión “a empresas privadas que teñen como obxectivo final a consecución do beneficio económico e empresarial e non a prestación dun servizo da maior calidade posíbel”. As consecuencias deste modelo liberal pagaranas os usuarios e usuarias do servizo e os traballadores e traballadoras co empeoramento das súas condicións laborais. Chama a atención, ademais, que estas concesións se fagan agora pola vía de urxencia cando a CIG xa advertiu no mes de novembro das intencións dos/as responsábeis do Goberno galego.
1