Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Opinion 18/4/2012
Rajoy Repsol, dúas varas de medir.
Clodomiro Montero M.
20120418_YPF-Repsol.jpg

Cando a empresa rusa Lukoi quixo mercar o 30% do accionariado de Repsol-YPF, Rajoy, daquela líder da “oposición” dixo que poñer o petróleo e a enerxía  “españolas” en mans dunha empresa rusa nos convertería nun país de “quinta división”. Debería entender pois que o goberno do país irmán de Arxentina trate de recuperar o control sobre os seus propios recursos enerxéticos.

 Resulta escandaloso que o Ministro de Asuntos Exteriores do “Reino de España” dixera na súa comparecencia pública que o papel da diplomacia é defender ás empresas españolas. Unha demostración da deturpación do papel dos Estados que dende a súa óptica non deben de defender os intereses da cidadanía, si non das empresas.

 Con todo o PPSOE fan campaña a favor dos intereses das grandes empresas e multinacionais que lles dan de comer, así non é estraño que teimen no libre mercado fronte a xusta decisión do goberno democrático da Arxentina, pero non confiaban no mesmo cando a rusa Lukoi quixo adquirir un paquete accionarial de Repsol. Unha dobre vara de medir.

 Ademais defender a Repsol é defender a súa actuación en América Latina, o que resulta imposible para aqueles que coñecen como traballa esa empresa. Repsol foi denunciada por diferentes organizacións internacionais polo seu comportamento neocolonial, depredador, contaminante e antisocial en América Latina.

 Greenpeace no estudio”Los nuevos conquistadores, multinacionales españolas en América Latina” denunciou os graves casos de contaminación e espolio por parte de Repsol en Arxentina ou Colombia. Non é novo, tamén na Galiza sabemos da contaminación de Repsol, como denunciou o BNG no Parlamento Español a refinería da Coruña virte mais de 6.000 toneladas de residuos anuais ao mar.

 O informe de Greenpeace lembra tamén a política laboral de Repsol, os despedimentos e precarización dende que YPF foi privatizada. Sen ir mais lonxe o coñecido movemento piquetero ten a súa orixe nas protestas contra os recortes laborais por parte da multinacional de orixe español.

 Pero non é só unha cuestión de espolio e contaminación, Amnistía Internacional ten denunciado a colaboración de Repsol con grupos paramilitares en Colombia.

 Non se trata só que sexa nacionalizada, a Dirección de Repsol debería pedir desculpas públicas e debería indemnizar ás poboacións afectadas polas súas políticas en América Latina.

 Aquelas persoas que defendemos outro modelo de sociedade apoiamos os pasos dados polo goberno argentino, coa mesma forza que rexeitamos as políticas privatizadoras e recortes que hoxe sufrimos nos. Agardando que antes que chegue ao poder unha opción política que opte pola nacionalización dos sectores económicos estratéxicos para o noso país.

________________________________________________________________________

Ligazóns:

- Video Rajoy:

http://www.youtube.com/watch?v=mq_KVBvyEAE&feature=player_embedded

- Amnistia Internacional:

http://www.es.amnesty.org/noticias/entrevistas/entrevista/articulo/muchos-han-muerto-por-decir-la-verdad/

- BNG refinería a Coruña

http://terranoticias.terra.es/articulo/html2/av23315273.htm

- Informe Greenpeace

http://www.greenpeace.org/espana/Global/espana/report/other/090930-03.pdf

________________________________________________________________________

 

 

[Galiza, 17 de abril de 2012]