Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 20/4/2012
A CIG de Ferrol esixe á Xunta que abone os atrasos de xeito inmediato e advirte da situación límite que vive o colectivo
Os impagos da Consellaría do Mar deixan ao borde do desafiuzamento a unha familia de mariscadores/as de Barallobre
A Unión Comarcal da CIG de Ferrol, a patroa maior da Confraría de Barallobre e traballadores/as afectados/as, compareceron ante os medios de comunicación este venres para denunciar a crítica situación na que se atopan moitas familias que viven do marisqueo a causa da falta de pagamento por parte da Consellaría do Mar, que adebeda os xornais polas tarefas de limpeza e rexeneración da ría dende o mes de outubro.

12-04-19 Concentracion mariscadores/as

A situación é tan dramática, advirten, que mesmo xa hai unha familia que se atopa ao borde do desafiuzamento xa que avalaron coa súa vivenda a compra dunha embarcación e agora non poden facer fronte ao pago das cotas. A familia, na que todos os seus membros traballan no mar, debe uns 2.500 euros ao banco, que o vindeiro martes comezará os trámites para o embargo. Porén, a Consellaría adebédalle arredor de 5.000 euros.

Esta situación límite, explican dende a CIG de Ferrol, non é exclusiva dunha familia senón que nas próximas semanas poden aparecer outros casos similares, polo que urxiron á administración a facer efectivos os pagos nos próximos días.

A este respecto, durante a comparecencia, a central nacionalista trasladou todo o seu apoio e solidariedade ao colectivo de traballadores e traballadoras afectados e lanzou un chamamento á Xunta para que asuma a súa responsabilidade, e non antepoña “intereses escuros” ás necesidades destas familias. Neste senso, o Secretario Comarcal da FGAMT-CIG, ironicamente apuntou a “todos estes políticos monarcas apoltronados nos seus tronos que nós somos traballadores e traballadoras, non elefantes”.

Ao mesmo tempo, dende a Confraría de Barallobre reiteraron o seu descontento coa actitude da Xunta e advertiron que hai moitos/as traballadores/as con problemas para facer fronte non só ás cotas das hipotecas ou alugueiros, senón mesmo ao pago dos seguros sociais ou facturas der luz ou auga. Por iso, acusan as administracións de “irresponsabilidade”, ao non cumprir cos prazos estabelecidos para o saneamento da ría de Ferrol e a posta en marcha das estacións depuradoras para o tratamento das augas fecais.

Os elevados índices de contaminación da Ría, apuntan, provocan un grave prexuízo sobre o sector da pesca e o marisqueo, dificultando ditas actividades. Á degradación medioambiental sen resolver, engádese a supresión por parte da Consellaría do Mar do Plan de Dinamización da Ría “causando graves prexuízos que fan que non sexa viábel economicamente para as confrarías” o traballo. 

Continúa o peche no Concello de Fene

Os mariscadores e mariscadoras de Barallobre continúan adiante co peche iniciado hai tres semanas nas dependencias do Concello de Fene para esixir á Consellaría de Mar que abone as contías adebedadas e solucións definitivas para o saneamento da ría.

Con tal motivo, o colectivo de traballadores/as tamén está realizando mobilizacións continuadas. Así onte celebraron unha concentración diante do Casa Concello de Fene e esta mesma tarde trasladarán as protestas até o edificio administrativo da Xunta en Ferrol. Alí farase tamén unha asemblea para decidir as próximos actuacións a levar adiante no caso de que a Consellería non abone en breve os atrasos pendentes polas tarefas de limpeza e rexeneración das zonas C.

Dende a Confraría denunciaron novamente que, aínda que de media a administración deba 60 xornais por mariscador/a, a Xunta só teña intención de pagar tres días do mes de outubro ao marisqueo a flote e 11 días ás mariscadoras a pé.

Así as cousas, a Confraría manterá o peche até que non teña certeza do cobro das facturas pendentes e datas concretas de cobro das mesmas, non exista unha solución sobre a viabilidade económica do proceso de reinstalación de moluscos na batea, e non se aborde en termos reais e verificábeis o saneamento da ría.

De igual xeito, se o próximo luns a Consellaría non efectivizou os pagos, o colectivo intensificará o ton das protestas, porque, aseveran, “a situación é desesperada”.  

1