Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Opinion 24/4/2012
Orzamentos: depresión económica e depresión democrática
Xavier Vence
20120424_recortes.educacion.jpg

Os orzamentos xerais do estado para 2012 sintetizan todos os despropósitos do desgoberno que se instalou á fronte da economía española, perdendo o control e o norte no medio dunha crise realmente tormentosa.

 Para empezar, os aspectos procedimentais reflicten a degradación dos principios e das formas de gobernar. Puidera parecer algo secundario pero certamente non o é, e menos no medio dunha crise tan profunda como a actual. Efectivamente, o Goberno presenta os orzamentos no Congreso para a súa tramitación parlamentaria no mes de abril, de xeito que cando se aproben terá transcorrido practicamente a metade do ano, arrastrando nesa interinidade tamén os orzamentos das Comunidades Autónomas. Retrásase extraordinariamente a presentación ao Parlamento e á opinión pública por razóns puramente partidistas para deixar pasar as eleicións andaluzas, prevendo o goberno que o seu coñecemento público ía restarlle apoios en Andalucía, como de feito ocorreu mesmo sen coñecerense os dados do orzamento, simplesmente coas liñas anunciadas e con outras medidas adoptadas nese periodo como a reforma laboral. Pero tanto ou máis grave que iso é que antes de dar a coñecer ao Parlamento o orzamento foi presentado con bastante detalle non só aos funcionarios da Comisión Europea senón tamén ao goberno de Berlín e aos "embaixadores" económicos de Merkel, evidenciando a renuncia explícita á mínima autonomía na definición das liñas mestras, prioridades e intereses vitais da economía española, xusto cando vive un trance delicado en que bordea o abismo. O máis rechamante -ou non tanto- é que esa escenificación de sumisión sexa protagonizada por unha dereita que logo, cara adentro, hincha o peito con ese patrioterismo de rancio españolismo centralista.

 Eses procedimentos e pasos non son só síntomas dunha xestión pouco solvente senón que son suficientemente expresivos da erosión radical dos mecanismos democráticos máis esenciais. A supeditación ás condicións e intereses alleos, a renuncia de facto á soberanía orzamentaria e económica, escenificase cunha laminación práctica do papel do Parlamento no coñcemento e discusión do orzamento xeral do estado.

 Laminación da democracia que adquire o ton dun auténtico despropósito cando, dez dias despois de entregar a proposta de orzamento e antes mesmo de empezar a súa discusión, o goberno anuncia, cunha nota de prensa de dous párrafos un domingo pola tarde, a decisión de reducir 10.000 millóns de euros. Nin máis nin menos que en sanidade e en educación. Coa particularidade de que esa redución non pode máis que executarse no orzamento das Comunidades Autónomas, de xeito que o marco competencial é arrasado e os mecanismos de decisión legalmente establecidos son abertamente vulnerados. Mesmo antes de valorar as consecuencias prácticas dese recorte, o certo é que as competencias das Comunidades Autónomas son claramente violadas de xeito unilateral e sen ningún tipo de consulta ou negociación. Feito este que compre valorar non só no marco dunha atrapallada xestión económica senón no marco dunha estratexia política de alcance para erosionar primeiro de desmantelar despois o marco competencial das autonomías, nesa estratexia cada vez menos disimulada de recentralización.

 Entrando no contido económico do orzamento proposto compre destacar algúns datos xerais que marcan as apostas de alcance, tanto pola magnitude do recorte do gasto público nun ano recesivo como este, como polos conceptos que se ben máis drasticamente afectados, asi como como por aspectos relevantes do lado dos ingresos, particularmente no relativo á amnistía fiscal para os capitais evadidos e no imposto de sociedades que se muda marxinalmente asi como por todas aquelas figuras impositivas que deberian ser revisadas e nin se tocan. Vexamos.

 O obxectivo central do orzamento é situar o déficit no 5,3% do PIB e, de acordo coa previsión de crecemento establecida, o goberno, seguindo as instucións de Bruxelas e Berlin, decide efectuar un drástico recorte no gasto público, acompañado dun certo aumento dos ingresos.

 O recorte do gasto ministerial sitúase, en principio, nuns 13,4 millóns de euros. O que representa unha redución media do 17%, realmente drástica. Pero tan relevante como esa cifra é a forma en que a redución se reparte por ministerios. Efectivamente, en tanto que o Ministerio de Defensa só reduce un 8,8% e Interior un 4,3%, pola contra os ministerios sectoriais reducen arredor dun 30%: Ministerio de Industria un 32%; Agricultura, alimentación e medioambiente un 31,2%; Fomento un 34,6% . O de Economía e competitividade un 19% e o de Educación e Cultura un 21,2%. O programa de axudas á dependencia desaparece completamente.

 Polo tanto, ese volume de caída do gasto vai acrecentar un factor máis de agravamento da recesión prevista, de xeito que as estimacións inicialmente prognosticadas polo FMI ou a Comisión Europea que se situaba nunha caida do PIB do 1,7%, posiblemente alcance valores moi superiores. Co resultado paradoxal de que as medidas de recortes adoptadas coa suposta intención de reducir o déficit acabarán reducindo a actividade, minorando os ingresos públicos e, en consecuencia, aumentando o déficit. A destrución de emprego, a reducción de capacidade produtiva e a desaparición de empresas van ser previsibelmete de grande envergadura. As estimacións feitas falan dunha destrucción de medio millón de empregos no conxunto do estado español ao longo do ano 2012. O certo é que cos recortes de gasto inicialmente anunciados o impacto pode facer que esa caída sexa maior e, dende logo, se engadimos os 10.000 millóns extra de recortes en sanidade e educación esa cifras van ser claramente máis graves aínda.

 Unha recesión tan grave en 2012, coa previsible destrucción de capacidade produtiva e de empresas, que unha vez que pechan, pechan para sempre, o máis probábel é que a economía española continue en recesión tamén en 2013. Trátase, polo tanto, dunha irresponsable aposta por unha senda depresiva.

 As caídas de ingresos das familias, aceleradas cos recortes salariais -brutais en moitos casos- aplicados facendo uso das facilidades introducidas pola nova lexislación laboral, farán o resto. O camiño da depresión está claramente aberto.

 Polo tanto, non só se realiza un recorte brutal do gasto que prolonga a recesión e de facto impide a redución do déficit senón que se recorta especialmente en partidas que ou ben son claves no benestar actual da poboación (sanidade, dependencia e servizos sociais) o ben son claves para a creación de riqueza e benestar futuro (educación, I+D, innovación, apoio a sectores produtivos, etc).

 A cuestión que se plantexa é se iso é inevitábel e se existe realmente alternativa. O primeiro que cabe dicir é que si e que cada vez son máis as voces que insisten na necesidade de virar completamente de orientación na teima dos recortes. Desde os grandes economistas até as máis discretas valoracións de moitos gabinetes de estudos e grandes consultoras ou a opinión hoxe inaudíbel de moitos empresarios da economía produtiva e mesmo da propia opinión pública (véxase, p.e., os resultados da enquisa de opinión de Demoscopia publicada en El País o domingo 15 de abril). Curiosamente esa visión crítica e pragmática que alerta da senda suicida da ultrausteridade española está moito máis presente na prensa internacional, incluída a prensa económica (por exemplo no Financial Times), que na monocorde e propagandística prensa hispana. O propio FMI no seu informe de abril advirte con referencia ao estado español e a Europa que non se pode poñer todo o acento nos recortes senón que compre adoptar medidas de estímulo. Mesmo o FMI, que promove políticas de austeridade, alerta de que o estado español pode estar pasa dose na medicina da austeridade, que poden levar a que, como consecuencia da caída de actividade acaben levando a que a redución do déficit sexa de facto imposíbel (de feito consideran que chegar ao 3% do déficit podería levar até 2018, contradecindo o inverosimil plan de Bruxelas-Berlín e do goberno de impoñelo por decreto en 2013).

 O que está ben claro é que a alternativa é necesaria para non prolongar indefinidaamente esta agonía depresiva, pero, demais, a alternativa existe. Existe e, en particular, empezando polo máis obvio: a elección de en que Ministerios ou áreas se recorta drásticamente e en cales non se fai ou se fai suavemente está claro que é moi discutible. A reducción vertixinosa das partidas en industria, innovación e I+D -que nalgúns caso supera o 30% e mesmo o 60%- non se produce, porén, no gasto militar; sen dúbida, resulta difícil de tolerar que un país que está na situación que está o estado español non decidise aínda retirar as súas tropas de Afganistán, Líbano ou outros conflictos bélicos ou que non cancele programas de gasto millonarios en armamento con pedidos á industria americana ou europea. O mesmo cabe dicir de certos gastos en infraestruturas de urxencia discutíbel e máis aínda actuacións en infraestuturas abertamente impresentábeis (como é o caso do rescate-nacionalización das autopistas privadas madrileñas pertencentes ás grandes construtoras, que reclaman o auxilio do Estado polo feito de que lles estean dando perdas e a Ministra xa se comprometeu a rescatalas). Igualmente revisábeis son outros programas de gasto como as axudas á Igrexa católica, certos gastos en interior, axudas a institucións privadas, etc.

 Sen dúbida, caben moitos axustes nunha administración central sobredimensionada na medida en que se reformen certas estruturas cuxas competencias están hoxe -ou deberían estar- nas comunidades autónomas. Igual que caben aforros eliminando, por exemplo, as deputacións provinciais que son estruturas herdadas dun modelo de administración local dun estado centralista que deberían ter desaparecido ao crear as comunidades autónomas.

 En todo caso, a alternativa a esta aposta depresiva do PP e do eixo Bruxelas-Frankfurt-Berlin está nunha diferente política fiscal, entre outras moitas medidas perentorias como poñer o BCE ao servizos dos gobernos ou a creación dunha nova banca pública. Porque frente ao acento unidirecional do discurso oficial en reducir o déficit mediante o recorte do gasto, compre poñer o acento no outro lado do balance: os ingresos e os instrumentos para financiar o déficit e a débeda. Do que o goberno propón neste eido e do que deixa de tocar falaremos na seguinte entrada.

 

[Artigo tirado do blog do autor, do 16 de abril de 2012]