Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 27/4/2012
Segundo a Lei de Prevención e Riscos Laborais a empresa é responsábel da seguridade das súas traballadoras e traballadores. A actividade da extinción de incendios forestais é un servizo público no que a Xunta de Galiza ten a dirección da actividade, polo que ten a obriga de velar pola seguridade das súas traballadoras/es.
Por desgraza, tal e como indican dende a CIG, o Goberno galego declina esta responsabilidade e non se fai cargo dela “xa que a avaliación de riscos fíxose por unha denuncia desta central e, a día de hoxe, falta a aplicación dun plano preventivo para minimizar os riscos e a aplicación de protocolos de actuación”.
Neste senso, critican tamén que se estea a poñer en perigo a vida e a saúde dos traballadores/as co agravante da rebaixa escandalosa da calidade dos equipos de protección individual e o material de traballo que se lle está a repartir ao cadro de persoal do SPDCIF. “A isto hai que sumarlle a nula cobertura de baixas e xubilacións, o que provoca que as cuadrillas do persoal de extinción se vexan reducidas no número de efectivos, o que acaba poñendo en perigo a traballadores e traballadoras”.
Dende a central nacionalista adiantan que están a estudar a posibilidade de trasladarlle á Fiscalía toda esta información.
1