Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Opinion 9/5/2012
Grecia: a coalición da esquerda radical toma a dianteira en todas as grandes cidades e entre as mozas e mozos de 18 a 35 anos
Éric Toussaint
20110131_grecia.banco.jpg

1.- Os resultados

A coalición da esquerda radical Syriza convértese no segundo «partido» en importancia ao pasar do 4,5 % dos votos nas eleccións pasadas (2009) ao 16,8 %, aumentando os seus deputados de 13 a 52. Ademais de ser o primeiro partido en todas as grandes cidades, é a lista máis votada entre os e as mozas de entre 18 e 35 anos.

O Partido Socialista (PASOK) perdeu 2/3 dos votos obtidos en 2009, pasando do 44 % ao 13,2 %. ¡Perde 119 deputados!, de 160 escanos en 2009 queda en 41 en 2012. O PASOK foi castigado tanto en votos como en escanos e paga moi cara a súa política a prol da austeridade, a súa submisión aos intereses das grandes empresas privadas e da Troika.

Nova Democracia, o principal partido da dereita, que entrou no goberno grego a partir de decembro de 2011, é o partido máis votado destas eleccións, pero perdeu tamén unha enorme cantidade de votos, pasando do 33,5 % dos votos en 2009 ao 18,9 % en 2012. En canto ao número de escanos, ten moitos máis debido a unha disposición escandalosa da lei electoral grega que premia cun suplemento de 50 deputados ao partido que obtén o maior número de votos. Así que, malia perder un 40 % de votos, aumenta en 17 o seu número de deputados (pasa de 91 a 108). Tamén cómpre lembrar que antes das eleccións do 6 de maio quedouse con 71 deputados xa que sufriu numerosas defeccións. Por outra banda, tamén o PASOK perdera 31 deputados, que entre 2010 e 2012 abandonárono en protesta polas súas políticas antipopulares.

Debido a esa particularidade da lei electoral grega, Nova Democracia, que só obtivo un 2,1 % máis de votos que Syriza, obtén máis do dobre de escanos -Nova Democracia terá 108 deputados mentres que Syriza só 52-.

Alba Dourada, grupúsculo neo nazi, que dispón de grupos de choque, entra por primeira vez no Parlamento. Desde practicamente a nada chegou ao 7 % dos votos o que lle confire 21 deputados. E en consecuencia disporá de fondos públicos para consolidarse.

O Partido Comunista KKE progresa moi lixeiramente, pasando do 7,5 % dos votos ao 8,5 % e gana 5 deputados -21 deputados en 2009, 26 en 2012-. A Esquerda democrática –DIMAR- grupo escindido de Syriza en 2010-2011, obtivo o 6% dos votos e 19 deputados.

Os Verdes aínda non alcanzan o 3 % dos votos, limiar necesario para entrar no Parlamento. No mesmo caso está Laos, formación de extrema dereita, que tamén pagou cara a súa participación no goberno, posto que nas anteriores eleccións conseguira 17 deputados. Antarsya (coalición de extrema esquerda) queda cun 1,1 % dos votos.

Á esquerda do PASOK: Syriza + PC (KKE) + DIMAR + Antarsya = 97 escanos en lugar dos 34 obtidos en 2009. Parece que é o resultado máis importante da esquerda que se sitúa á esquerda do PASOK desde 1958.

Na extrema dereita Alba Dourada con 21 escanos excede os 17 obtidos por Laos en 2009. Laos non acadou o limiar do 3 %, e ese é o castigo inflixido polos seus electores debido á súa participación no goberno desde decembro de 2011 a xaneiro de 2012.

2.- Uns comentarios totalmente parciais: o resultado obtido polos neo nazis é moi preocupante (véxase a análise realizada por Yorgos Mitralias dun contexto que evoluciona rapidamente http://www.cadtm.org/spip.php?page=imprimer&id_article=7899 )

O que se debe resaltar neste escrutinio é o resultado moi positivo obtido por Syriza. Esta coalición centrara a súa campaña nalgunhas propostas / reivindicacións como a suspensión inmediata e incondicional do pago da débeda grega durante un período de entre 3 e 5 anos, a anulación das medidas de austeridade impostas desde 2010, a ruptura dos acordos coa Troika, a nacionalización dunha parte importante do sector bancario ou a necesidade de pór en marcha un goberno de esquerda para poder aplicar todas estas medidas. Varios deputados de Syriza apoian activamente a auditoría cidadá da débeda grega e a necesidade de anular as débedas ilexítimas. Trátase especialmente de Sofia Sakorafa, que rompeu co PASOK en 2010 para protestar contra as medidas de austeridade. Veremos se Syriza mantén esta orientación logo do seu gran éxito electoral. É moi alentador que unha parte importante do electorado apoie propostas radicais. O futuro diranos se Syriza estará á altura deste formidable apoio popular. A tarefa non é fácil xa que até o de agora o KKE, partido comunista, co que necesariamente se tería que aliar, rexeita esta alianza categoricamente tratando a Syriza de seudo-revolucionaria, e instalándose nun espléndido illamento.

Véxanse aquí os resultados definitivos das eleccións: http://www.guardian.co.uk/news/datablog/interactive/2012/may/06/greece-elections-results-map

O mapa dos distritos electorais, publicado por The Guardian, é moi útil. Pódese facer clic sobre cada distrito para obter máis resultados. Tamén se pode consultar para ver os resultados de 2009 e 2012:

http://fr.wikipedia.org/wiki/%C3%89lections_l%C3%A9gislatives_grecques_de_2012