Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Opinion 15/5/2012
Banco Central Europeo: un pirómano ao servizo da banca privada
Juan Torres López
20120515_bce.jpg

Cando a historia xulgue dentro duns anos o que agora está pasando en Europa atopará no comportamento do Banco Central Europeo unha causa principal dos males que sufrimos porque foi deseñado para axudar a banca privada e non para defender os intereses públicos e a estabilidade macroeconómica e social.

 Non se lle concedeu capacidade de supervisión para que as entidades financeiras utilizasen con vantaxe a existencia dos 27 réximes nacionais diferentes e impedíuselle financiar aos gobernos. É dicir, Europa dotouse dun banco central que non o era en realidade, o que permitiu que os bancos privados dispuxesen para si, e con toda liberdade de actuación, do negocio do financiamento aos gobernos.

 Cando as cousas ían ben e o paso dos xuros se levaba con certa comodidade, este xeito de funcionar permitía que os bancos atopasen na subscrición da débeda soberana dos distintos países unha abondosa e tranquila fonte de beneficios que non xeraba demasiados problemas, pero cando a crise aumentou e aumentou a necesidade de financiamento (en gran parte para axudar os propios bancos privados) xeráronse algúns moi graves que poden provocar que Europa salte polo aire.

 En primeiro lugar, obrigouse a que os gobernos tivesen que pagar moitísimo máis por financiar a súa débeda. E como esta comezou a multiplicarse en gran parte pola aplicación dos tipos de xuros de mercado, chegáronse a cifras que resultaban literalmente insoportábeis.

 En segundo lugar, e como ocorre sempre, os mercados non se limitaban a financiar senón que financiaban en función da lóxica especulativa dominante, é dicir, vinculando a débeda a produtos financeiros máis complexos, a rendibilidade dos cales aumentaba canto máis difícil se fixese o seu pagamento, de modo que se incentivou así a desestabilización das economías para facer rendíbeis o investimento especulativo: cantas máis caesen, máis ganancias.

 Finalmente, aínda que xa cando a situación apenas tiña arranxo, o Banco Central Europeo foi obrigado a intervir, aínda que pola porta de atrás do mercado secundario e sen deixar de alimentar a cobiza da banca privada. Tratou de aliviar a situación pero o que conseguiu non foi senón mostrar aos investidores e aos bancos que podían xogar mesmo aínda máis forte a especular pois ao final disporían da cobertura que daba o BCE.

 Sabemos que os bancos privados utilizaron esta posición privilexiada como financiadores para extorsionar os gobernos e imporlles reformas orientadas a recortar dereitos sociais (coa escusa de que eran necesarias para saír da crise). E agora decatámonos de que o propio Banco Central Europeo utilizou tamén as súas propias intervencións para influír sobre as decisións dos gobernantes, forzando a súa vontade e deixando que a situación empeorase cando lle conviña para defender os postulados ideolóxicos que guían aos seus directivos. Comportouse como un auténtico pirómano e debería abrirse canto antes unha comisión independente de investigación que depure as responsabilidades de todos eles, así como crear xa os tipos penais que contemplen o dano económico que provocan este tipo de actuacións.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Nueva Tribuna’, do 14 de maio de 2012]