Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 16/5/2012
CIG-Servizos convocou este martes unha concentración en Compostela, para exixir que Inditex cumpra os seus compromisos nesta materia
Zara aplica a reforma laboral para recortar dereitos ás súas traballadoras en materia de conciliación
Traballadoras de Zara e representantes de CIG-Servizos concentrábanse este martes diante da tenda da multinacional da Praza de Galiza, no centro de Compostela. Denuncian as consecuencias que ten a decisión da empresa de aplicar a reforma laboral para fixar horarios nuns casos e reducir xornadas, noutros, para a conciliación da vida laboral e familiar do seu persoal.

12-05-15 Zara

Carme Naveiro, representante da CIG no comité de empresa, lembra que Inditex, alén de presumir de ser unha das poucas empresas que permite a conciliación da vida laboral e familiar, incrementou os seus beneficios, no que vai de 2012, respecto do mesmo período do pasado ano.

Por iso considera inadmisíbel que, recorrendo á reforma laboral, a empresa decida modificar os horarios das súas traballadoras de forma unilateral, pasando por riba dos acordos acadados.

CIG-Servizos denuncia que este tipo de medidas contempladas na reforma laboral, están previstas para as empresas que xustifiquen dificultades económicas, “pero sabemos que no caso de Zara isto non é así”, asegura Naveiro, quen engade que Inditex, o que está facendo é “aproveitar a reforma para precarizar as condicións laborais do persoal e incrementar máis aínda os seus beneficios recortándonos dereitos”.

Conciliación

Son numerosas as traballadoras que veñen desfrutando, desde hai anos, de redución de xornada por coidado de fillas/os menores de oito anos. Porén, “a empresa vén de dirixirse a elas dicíndolles que hai que renovar ese dereito, cando sabemos que iso non é así”, explica a representante no Comité de Empresa.

Asegura que a pretensión da empresa é mudar, de forma unilateral, as condicións contractuais que tiñan recoñecidas, amparándose na reforma laboral para fixar os horarios, sen ter en conta as necesidades de conciliación do persoal que con dereito a redución de xornada.

A CIG-Servizos anuncia que defenderá os dereitos recoñecidos e alerta ao persoal de que non debe asinar ningún documento antes de saber as consecuencias laborais que terá.

Kiddy’s Class

Fronte a isto, Carme Naveiro denuncia que Inditex está reducindo a xornada ao persoal, nas tendas de Cee e Carballo, sob pretexto de que as ganancias do grupo en Europa non poden manter as perdas xeradas no estado español. Isto malia o grupo seguir a obter beneficios e cando estas traballadoras levan anos pelexando por conseguir ter a xornada completa.

O recorte de xornada non se está compensando coa contratación de novo persoal, o que está a provocar un aumento da carga de traballo e da presión sobre as traballadoras, que teñen que cumprir cos mesmos obxectivos de vendas.

Na xuntanza do comité celebrada o pasado 20 de abril, a CIG xa denunciou a pretensión de Inditex de vulnerar o acordo de subida de horas asinado e “meter e sacar a dedo á xente, apoiándose nas categorías”.

Na mesma reunión transmitiuse tamén o malestar do persoal coa xefa de zona, Amparo García Codesido. “Cremos que a súa actitude déspota e prepotente cara as traballadoras e traballadores está provocando un ambiente laboral tenso e nocivo”, explica Naveiro, quen a responsabiliza de mover os calendarios acordados, cando deberían depender das encargadas e encargados.

A representante da CIG no Comité tamén reclama que se efectivicen os calendarios aprobados nas tendas de Compostela de Area Central e da República do Salvador para 2012. “Melloran as propostas da empresa e as condicións das traballadoras e traballadores e mesmo permiten aforrar cartos”.

1