Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 21/5/2012
O persoal, que continúa en folga indefinida, mantivo unha xuntanza coa empresa este luns
O Comité de Einsa consegue que a dirección acepte constituír unha mesa de diálogo aberta
A representación dos traballadores/as de Einsa Print mantiveron este luns unha xuntanza coa dirección para abordar o plan de axustes presentado pola empresa e presentar unhas alternativas que eviten a baixada brutal de salarios e o despedimento de 29 empregados/as.

12-05-18 Concentracion Einsa Delegación1

Aínda que a empresa mantén as súas pretensións iniciais de despedir a case 30 traballadores/as e aplicar o recorte salarial, amosouse disposta a flexibilizar esta rebaixa e aceptou, por fin, sentar a negociar coa representación social nunha mesa de diálogo aberta. Este xesto supón un avance xa que até o momento as negociacións estaban pechadas, posto que a dirección de Einsa se mantiña inmóbil, negándose a estabelecer conversas cos traballadores/as mentres non desconvocasen a folga indefinida iniciada hai case dúas semanas.

Así ás cousas e á espera do que poidan dar de si as negociacións, dende a Sección Sindical da CIG en Einsa mantense que a viabilidade da empresa non pode vir da man dos recortes salariais e os despedimentos, senón que a compañía ten que afrontar as débedas contraídas cos bancos e ás administracións públicas pola vía de mellorar a produtividade ou a través dunha ampliación de capital e a entrada de novos socios.

De feito, a propia empresa ten recoñecido ao persoal que este brutal plan de axustes –de aplicarse suporía unha caída media dos salarios de 4.500 euros anuais por traballador/a- nin sequera garante o mantemento da actividade máis alá de 2013.

Neste senso, lembran que as instalacións das Pontes son punteiras no seu sector –artes gráficas- tanto a nivel estatal como europeo e que Einsa conta cun produción estábel. Así mesmo, reiteraron o chamamento á Xunta de Galiza e ao Goberno estatal para que intermedien  no conflito, posto que a empresa recibiu case 50 millóns de euros de axudas públicas durante dez anos.

Novas anteriores

1