Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Opinion 20/8/2008
A guerra pra manter hexemonías
Manuel Mera
Publicado en La Region ()
Tropas xeorxianas
Tropas de Xeorxia con destino a Iraq (2.000 homes), nun desfile.

A mini guerra polo control de Osetia do Sul rematou cunha derrota de Xeorxia, despois da decisión suicida do seu presidente, o pro norteamericano Saakashvili, de invadir a rexión autónoma. As secuelas son varios miles de mortos, especialmente de civís osetas no ataque por sorpresa xeorxiano, edificios derrubados a ambos lados da fronteira, vinganzas, roubos. Resulta evidente que unha decisión militar tan atrevida foi alentada ¿polo Governo dos Estados Unidos ou só algunha das súas axencias?... As afirmacións de Bush e Ángela Merkel confirman estas responsabilidades. Fai anos que Xeorxia se militariza, e conseguiu armamento tanto norteamericano, como da OTAN e dalgúns países ex-sovieticos. En xullo mil soldados dos Estados Unidos treinaron especialmente forzas militares ao servizo de Saakashvili, días antes do ataque contra Osetia do Sul (casualmente?). O certo é que con esta ación Xeorxia afasta calquera proceso de integración dos dous territorios arredistas.

Quero chamar a atención sobre o caracter de ambas áreas en disputa nos tempos da Unión Soviética: unha República e unha Rexión autónoma. Hai quen argumenta, con razón, que se os kosovares teñen dereito á autodeterminación e decidir o seu destino iguais condicións debésenlle outorgar a absajos e osetos. Agora ben, seria de necios ou parvos non saber que nas últimas décadas estas argumentacións son funcionais aos intereses das potencias hexemónicas, moi especialmente aos Estados Unidos, e que dá como valido nun territorio e nun tempo histórico o que despois nega noutra zona e situación, aínda que concorran idénticas realidades. Todo é funcional aos seus intereses tácticos ou estratéxicos, e sen ningún rubor emprega os argumentos que máis lle benefician, sen ter en conta que respondan a criterios homoxéneos. Todo é cuestión de bos e malos, eles son por definición os bos e todo o que lles é submiso fica santificado, homologado, e democratizado.

En realidade o contexto internacional hoxe non podemos velo en función de criterios de clase, nen de defensores ou negadores do dereito de autodeterminación dos povos e da democracia. Estamos diante de potencias que defenden sobre todo intereses económicos e de influencia. No caso do Cáucaso ligados cos hidrocarburos, mais tamén nunha zona vital pra o control de oleoductos, rica en auga e asomada ao próximo Oriente. Importante desde o punto de vista militar. Asemade quen a controle ameaza ao mesmo tempo a rica área do Kuban ruso. A crise actual, que amosa as limitacións de materias primas, agrava a loita pola hexemonía, tanto por parte dos Estados Unidos, co apoio da Unión Europea, que ven como perden o control económico, militar e político do mundo; mentres que Rusia e China agroman como novas potencias, e buscan seu espazo vital nun marco máis plural, cuestionando especialmente o dominio norteamericano. Neste escenario hai que entender (que non aceitar) que a OTAN estexa rodeando con bases Rusia e China; e que estes dous países procuren rachar os atrancos (que a cotío se tecen polo imperio) a través de alianzas económicas e comerciais, aproveitando nun caso as grandes riquezas enerxéticas e noutro ser o taller do mundo (porén ademais a oposición de moitos países ás imposicións ocidentais).

A guerra do Cáucaso é seguramente un anticipo de novos escenarios de violencia nas raias de Rusia e China, alentados pola OTAN. Conflitos que seria positivo pra todos e todas se resolvan en paz e abrindo camiño a un mundo máis plural, con novas potencias en escena, que permita un maior xogo aos pequenos países. Unha pluralidade que nas súas contradicións terá (de novo) fendas polas que se insiran as vellas arelas da sociedade, de: xustiza, liberdade, democracia, igualdade. Unha pluralidade de poder que deixe espazo pra culturas e linguas diversas. Esta lóxica é a que nos debe servir de referencia pra saber que é o que permite en cada momento avanzar á humanidade, nun mundo tan complexo, onde a mentira soborda arreo a verdade, e a tolura duns poucos dirixentes pode estragalo todo.

Artigo publicado o 19 de agosto de 2008 en La Región