Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Opinion 4/6/2012
Os retos de Rio +20
Ignacio Ramonet
Publicado en Le Monde Diplomatique ()
20120604_Rio 20 copia.jpg

Os países ricos acoden a Rio de Janeiro coa proposta principal da “economía verde”. Un concepto-trampa que se limita a designar, a maioría das veces, unha simple camuflaxe verde da economía pura e dura de sempre. Un “enverdecemento”, en suma, do capitalismo especulativo. Eses países desexan que a Conferencia Rio +20 lles outorgue un mandato das Nacións Unidas para empezar a definir, a escala planetaria, unha serie de indicadores de medición para avaliar economicamente as diferentes funcións da natureza, e crear dese xeito as bases para un mercado mundial de servizos ambientais.

 Brasil acolle en Rio de Janeiro, do 20 ao 22 de xuño, a Conferencia das Nacións Unidas para o Desenvolvemento Sustentábel, chamada tamén “Rio +20” porque se celebra dúas décadas despois do primeira gran Cimeira da Terra de 1992. Asistirán a ela máis de 80 xefes de Estado. As discusións centraranse na volta de dous temas principais: 1) unha “economía verde” no contexto do desenvolvemento sustentábel e a erradicación da pobreza; e 2) o marco institucional para o desenvolvemento sustentábel. En paralelo ao evento oficial, tamén se celebra a Cimeira dos Pobos que congrega os movementos sociais e ecoloxistas do mundo.

 As cuestións ambientais e os desafíos do cambio climático seguen constituíndo urxencias maiores da axenda internacional (1). Pero esta realidade está a ser agochada, no Estado español e en Europa, pola gravidade da crise económica e financeira. Normal.

 A eurozona atravesa un dos seus momentos máis difíciles a causa do fracaso manifesto das políticas de “austeridade sen concesións”. A recesión instalouse en varias economías, cun desemprego en alza e dramáticas ­tensións financeiras. o Estado español, en particular, vive os seus momentos máis preocupantes desde 2008; peores que cando crebou o banco Lehman Brothers. A economía debeu someterse á auditoría dos inspectores de Bruxelas. A prima de risco disparouse entrando en zona de intervención, e volveron aparecer todas as dúbidas sobre a solvencia do sistema bancario español, arrastrado pola escandalosa creba de Bankia.

 Ante o fracaso do Banco de España, e as dúbidas sobre a credibilidade do sistema financeiro, tívose que recorrer a un grupo de firmas “independentes” estranxeiras para analizar a morosidade oculta dos bancos españois (2). Entre os cidadáns esténdese a idea de que o Estado español vai necesitar, de xeito máis ou menos inmediato, o apoio do Fondo de Rescate Europeo, como xa lle ocorreu a Irlanda, Grecia e Portugal. O 62% dos españois témeo.

 Reina pois o pesimismo. O premio Nobel de economía Paul Krugman botou leña ao lume cando, o mes pasado (3), avisou de que é “moi posíbel” que Grecia abandone o euro no curso deste mes de xuño... Unha saída de Atenas da moeda única europea tería como consecuencia inmediata a fuga de capitais cara aos países veciños e a retirada en masa dos depósitos bancarios. Fenómenos que se contaxiarían inevitabelmente a Portugal e Irlanda e, sen dúbida, a España e Italia. Krugman vaticinou por certo que non desbotaba que, despois, chegase ao Estado español e a Italia un corralito bancario (4)...

 Nesas preocupacións estamos. E por iso os cidadáns europeos seguen con tanta atención a axenda electoral europea: eleccións lexislativas francesas o 10 e o 17 de xuño; novas eleccións gregas ese mesmo día 17 de xuño. E a cimeira de Bruxelas do 28 e 29 de xuño que decidirá por fin se a Unión Europea segue o vieiro alemán da austeridade até a morte, ou se adopta a vía francesa do crecemento e do rexurdimento. Dilema vital.

 Pero iso, a pesar do seu dramatismo, non debe facernos esquecer que, a escala do planeta, hai outros dilemas vitais non menos decisivos. E o principal deles é a desfeita climática da que falará tamén este mes, en Rio de Janeiro. Lembremos que, en 2010, o cambio climático foi a causa do 90% dos desastres naturais que ocasionaron a morte dunhas 300.000 persoas, cun quebranto económico estimado en máis de 100.000 millóns de euros...

 Outra contradición: en Europa, os cidadáns reclaman, con razón, máis crecemento para saír da crise; pero en Río, os ecoloxistas advertirán que o crecemento -se non é sustentábel- significa sempre maior deterioración do medio ambiente e maior perigo de esgotamento dos limitados recursos do planeta...

 Os líderes mundiais, xunto con miles de representantes de gobernos, empresas privadas, organizacións non gobernamentais, movementos sociais e outros grupos da sociedade civil, reúnense pois en Rio de Janeiro para definiren precisamente unha axenda global a fin de garantir a sustentabilidade ambiental e tamén reducir a pobreza e promover a igualdade social. O debate central estará entre o concepto de “economía verde” que defenden os voceiros do neoliberalismo, e o de “economía solidaria”, promovido polos movementos que cren que sen a superación do modelo actual de “desenvolvemento predatorio”, baseado na acumulación privada de riqueza, non haberá preservación ambiental.

 Os países ricos acoden a Rio con esa proposta principal da “economía verde”. Un concepto-trampa que se limita a designar, a maioría das veces, unha simple camuflaxe verde da economía pura e dura de sempre. Un “enverdecemento”, en suma, do capitalismo especulativo. Eses países desexan que a Conferencia Rio +20 lles outorgue un mandato das Nacións Unidas para empezar a definir, a escala planetaria, unha serie de indicadores de medición para avaliar economicamente as diferentes funcións da natureza, e crear dese xeito as bases para un mercado mundial de servizos ambientais.

 Esa “economía verde” desexa non só a mercantilización da parte material da natureza senón a mercantilización dos procesos e funcións da natureza. Noutras palabras, a “economía verde”, como afirma o activista boliviano Pablo Solón, busca non só mercantilizar a madeira dos bosques senón mercantilizar tamén a capacidade de absorción de dióxido de carbono deses mesmos bosques (5).

 O obxectivo central desa “economía verde” é crear, para o investimento privado, un mercado da auga, do medio ambiente, dos océanos, da biodiversidade, etc. Asignando prezo a cada elemento do medio ambiente, co obxectivo de garantir as ganancias dos investidores privados. De tal xeito que a “economía verde”, no canto de crear produtos reais, organizará un novo mercado inmaterial de bonos e instrumentos financeiros que se negociarán a través dos bancos. O mesmo sistema bancario culpábel da crise financeira do 2008, que recibiu miles de millóns de euros dos gobernos, disporá así, ao seu antollo, da Nai Natureza para seguir especulando e realizando de novo cuantiosas ganancias.

 Fronte a estas posicións, paralelamente á Conferencia da ONU, a sociedade civil organiza en Rio a Cimeira dos Pobos. Neste foro preséntanse alternativas en defensa dos “bens comúns da humanidade”. Producidos pola natureza ou por grupos humanos, a nivel local, nacional ou global, estes bens deben ser de propiedade colectiva. Entre eles están o aire e a atmosfera, a auga, os acuíferos -ríos, océanos e lagos-, as terras comunais ou ancestrais, as sementes, a biodiversidade, os parques naturais, a linguaxe, a paisaxe, a memoria, o coñecemento, Internet, os produtos distribuídos con licenza libre, a información xenética, etc. A auga doce empeza a ser vista como o ben común por excelencia, e as loitas contra a súa privatización -en varios Estados- tiveron importante éxito.

 Outra idea que preconiza a Cimeira dos Pobos é a dunha transición gradual entre unha civilización antropocéntrica e unha “civilización biocéntrica”, centrada na vida, o que implica o recoñecemento dos dereitos da Natureza e a redefinición do bo vivir e da prosperidade de xeito que non dependan do crecemento económico infinito. Tamén defende a soberanía alimentaria. Cada comunidade debe poder controlar os alimentos que produce e consome, achegando consumidores e produtores, defendendo unha agricultura campesiña e prohibindo a especulación financeira cos alimentos.

 En fin, a Cimeira dos Pobos reclama un amplo programa de “consumo responsábel” que inclúa unha nova ética do coidado e do compartir; unha preocupación contra a obsolescencia artificial dos produtos; unha preferencia polos bens producidos pola economía social e solidaria baseada no traballo e non no capital; e un rexeitamento do consumo de produtos realizados a custa do traballo escravo (6).

 A Conferencia Rio +20 ofrece así a ocasión aos movementos sociais, a escala internacional, de reafirmaren a súa loita por unha xustiza ambiental en oposición ao modelo de desenvolvemento especulativo. E o seu rexeitamento do intento de “enverdecemento” do capitalismo. Segundo eses movementos, a “economía verde” non constitúe unha solución á crise ambiental e alimentaria. Ao contrario, trátase dunha “falsa solución” que agravará o problema da mercantilización da vida (7). En suma, un novo disfrace do sistema. E os cidadáns están cada vez máis cheos dos disfraces. E do sistema.

________________________________________________________________________

Notas:

(1) Léase Ignacio Ramonet,  “Urgencias climáticas”, Le Monde diplomatique en español, xaneiro de 2012.

(2) El País, Madrid, 21 de maio de 2012.

(3) The New York Times, Nueva York, 13 de maio de 2012. http://krugman.blogs.nytimes.com/2012/05/13/eurodammerung-2/?smid=tw-Nyt...

(4) “Corralito” é unha palabra xurdida durante a crise económica arxentina de 2001, cando ante a enxurrada de clientes aos bancos para retirar os seus aforros, o ministro Domingo Cavallo decidiu que cada titular de conta só podería retirar un máximo de 250 pesos por semana. O ministro español de Facenda, Cristóbal Montoro, fixo declaracións, tras o balbordo causado pola palabras de Krugman, asegurando que un corralito no Estado español é unha posibilidade tecnicamente imposíbel.

(5) Pablo Solón, “¿Qué pasa en la negociación  para Rio+20?”, 4 de abril de 2012. http://rio20.net/documentos/que-pasa-en-la-negociacion-para-rio20

(6) http://rio20.net/en-camino-a-rio

(7) Léase, “Declaración de la Asamblea de movimientos sociales”, Porto Alegre, 28 de xaneiro de 2012. http://redconvergenciasocial.org/?p=160

________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado da edición española de ‘Le Monde Diplomatique’, núm. 200, xuño de 2012]