Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Opinion 14/6/2012
Vivir por encima das nosas posibilidades
María do Carme García-Negro
20120614_ricos.crise.jpg

É impensábel reencontrar a senda do crecemento económico reducindo até a extenuación o gasto público. Pode ser -tamén podemos discutilo- que se vaia reducindo o déficit pero coa redución queda un rastro de empobrecemento real, unha economía depauperada e con tal estrés que será incapaz por si mesma de se recuperar...

 É probábel que non haxa frase máis repetida que esta [vivir por encima das nosas posibilidades] e que desde o seu significado en análise de economía política poida provocarme un, máis grande tamén, anoxamento.

 Imos polo miúdo: suponse que se refire (o/a que pronuncia esa alocución) ao conxunto da sociedade: é dicer, o conxunto de habitantes do Estado Español viviron por encima das suas posibilidades durante anos e agora deben pagar a diferenza entre o que se ingresaba e o que se gastaba: refórzase co recurso da comparación cunha economía doméstica para, vulgarizando a proposta, buscar un exemplo que ilustre e explique a supradita proposta.

 É dicer, comparamos unha economia desenvolvida industrial en crecemento, cun Estado complexo acaído ao degrau de desenvolvimento económico avanzado, cunha economía doméstica que é unha unidade de consumo, non de produción. A administración do gasto nunha economía doméstica está directamente vinculada cos ingresos que a unidade recibe máis o crédito conseguido para mellorar o consumo presente, en espera dunha corrente de ingresos igual ou superior no futuro. A economía dun país en situación de crecemento produce anualmente tanto bens económicos para distribuír como capacidade de endebedamento para financiar proxectos de investimento (dos que se tirará mayor crecemento) como bens de consumo social para disfrutar no presente e ir pagando paseniñamente cara ao futuro.

 A economía doméstica non ten -por definición- capacidade para modificar a estrutura económica onde se insire. A economía dun país dun Estado europeo, por definición tamén, é quen, no medio e no longo prazo, de modificar cuantitativamente e cualitativamente as condicións en que viven os seus cidadáns. Así se fixo en España e así recordamos os que non somos agora adolescentes. Ou acaso non pasamos de ser unha economía subdesenvolvida e dependente (ano 1959, por dar unha data) a unha economía potencia industrial no mundo e de nível de renda per capita entre as 18 primeiras da OCDE (2011)?. E como se pasou? Gastando xusto o que se ingresaba ou facéndoo por riba das nosas posibilidades? Non cabe ningunha dúbida: gastamos por riba das nosa posibildades e logramos un crecemento económico veloz que á sua vez foi utilizado -grazas á descentralización autonómica- en investimento público e en gasto público reequilibrante de enormes diferenzas territoriais dos tempos pasados. Así mesmo, o gasto público conseguiu rebaixar as diferenzas de renda disponíbel entre os distintos segmentos de traballadores procurando un acceso gratuito a unha serie de bens sociais de imposíbel alcance cos salarios medios españois. Ter educación e sanidade gratuíta non só é bon para os cidadáns que acceden a elas, senón para o conxunto da sociedade dentro dela, para os que considerándose ricos pensan que poden pagala, xa que por unha parte é mellor non convivir con quen sendo pobre además pode contaxiar, con quen sendo pobre non pode render no traballo, e sendo pobre ademais non pode ocupar postos especializados porque non estivo escolarizado, en fin sendo rico non se pode pagar privadamente a excelencia da sanidade pública española.

 O Estado non é nesta fase da nosa economía un abrigo de quita e pon, non é nin sequera unha prenda de vestir interior: é orgánico á economia: Nada do que se faga desde o Estado é neutro: se deixa de gastar, deixa a economía de medrar, se deixa de investir os investidores privados de menor entidade falecen na sua actividade: hai caída de crecemento económico. Se deixa de proporcionar subsidios aos pasivos e/ou empobrecidos cae o consumo corriente. Se se adelgaza até a extenuación, leva con el unha boa parte da actividade económica. O problema presente non se soluciona facendo desaparecer o papel do Estado. Seguiremos discutindo.

 

*************************************************************

 Diciamos que o Estado é orgánico á economía nesta fase de desenvolvemento da economía capitalista: queremos dicir que cumpre un papel na economía dun país semellante ao do sistema circulatorio nun mamífero. Non hai economía viva e en crecemento na que estea ausente ou teña un papel menor o Estado. Por iso pódese afirmar que nada do que faga o Estado é neutro. É impensabel reencontrar a senda do crecemento económico reducindo até a extenuación o gasto público. Pode ser -tamén podemos discutilo- que se vaia reducindo o déficit pero coa redución queda un rastro de empobrecimento real, unha economía depauperada e con tal estress que será incapaz por si mesma de se recuperar.

 O Estado gasta en inversións públicas de infraestruturas. Este investimento ten un efecto multiplicador na economía real que non se logra coa actividade privada. O Estado gasta en investimentos en actividades directamente produtivas en sectores que non son emprendidos pola iniciativa privada pero que son imprescindíbeis para o funcionamento dun país: por exemplo, proporcionando auga potábel e/ou depurando augas residuais, ou sendo socio capitalista dunha fábrica de automóbeis, de avións ou de buques, ou nunha empresa de transportes (mesmo metropolitano)...

 O Estado gasta en actividades de servizos públicos imprescindíbeis para que o conxunto da sociedade goce de boa saúde e acceda ao ensino. Estes bens repartidos polo Estado de forma gratuíta teñen varios efectos ‘secundarios’: o conxunto da poboación goza de atención e curación gratuítas, mellora da súa saúde e polo tanto capacidade de traballo en boas condicións físicas: requisitos para unha mellor produtividade. O ensino, pola súa parte, capacita (desexamos que así o faga) para un funcionamento adecuado do mercado de traballo proporcionando unha mellora da calidade da oferta que se realiza por parte dos traballadores: mellor cualificación é condición para maior produtividade. Isto só na perspectiva do traballo como mercadoría: é coñecido e, non o citamos até agora, o aspecto remunerador da dignidade persoal que supón o coñecimento adquirido e asimilado.

 Estes gastos públicos son un contributo neto a unha presión salarial menor porque unha parte da cobertura das necesidades dos asalariados está sendo proporcionada polo gasto público.

 Ademais poderíamos seguir cunha longa listaxe de efectos positivos ao proceso de acumulación e crecemento: o gasto público pode promover un aumento do gasto privado en consumo que, a súa vez, é o alento do incremento da demanda privada, alabanca fundamental do mantemento dunha oferta en crecemento. Así os subsidios de todo tipo, mesmo aqueles que poderían ser cualificados como destrago, teñen o efecto beneficioso para o proceso económico en crecemento de aumentar a demanda efectiva: os perceptores pasan de vivir dos residuos da caridade, a realizar actos de compra grazas aos cartos do subsidio. Outros tipos de prestacións en diñeiro ou en especie orixinadas nas transferencias de renda que realiza o Estado tamén contribúen de forma positiva ao mantemento do proceso económico de produción e crecemento: o feito de existiren escolas infantís públicas que cubran as necesidades de coidado dos nenos facilita que os pais (de feito as nais) podan traballar en horario completo.

 Por todo isto, a qué obedece que a política de axuste duro, de redución do gasto se realice da forma que estamos vendo e sufrindo? Só a gardar as formas dunha ortodoxia ao servizo do mantenimento dos intreses do capital dominante que é o financeiro. Porque hai unha pregunta fundamental para a cal non hai resposta na ortodoxia fundamentalista que están implementando: qué hai dos ingresos?

*************************************************************

 É unha evidencia primaria dicer que o déficit depende tanto dos ingresos como dos gastos: enrubia ter que reseñalo coma argumento, e, porén, de xeito teimudo (repetido até convertelo en único tema de discusión política, e logo en realidade económica) forma parte da ocultación que o actual goberno realiza e constituíu tamén contido na política económica do anterior.

 Como se pode pretender que exista suficiencia no ingreso público con 5.639.500 parados? Onde estarán os recursos fiscais aportados por 5.639.500 traballadores? Cómo se substituirán as achegas que os parados non fan á seguridade social ? Onde se atopará o IVE que poderían pagar coas súas compras 5.639.500 parados que non poden consumir igual que os ocupados?????.

 Se anteriormente demostramos que nunha economía capitalista como a española a redución da participación estatal conleva máis desemprego, canto máis reduzamos o gasto público, sen tocar os ingresos, máis paro será xerado; canto máis paro haxa máis decae o ingreso- con idéntica estrutura fiscal- e menos capacidade de superar a diferenza entre gastos e ingresos que tanto preocupa na Europa do euro.

 Cando nunha economía en crise, como a presente, non se utilizan mecanismos capaces de provocar crecemento económico (de nova factura ou do vello, por exemplo, novas exportacións ou máis turismo) non hai maneira, só coa redución do gasto, de garantir a mellora do déficit público. Porque a redución do gasto sen conseguir a súa racionalización, non é suficiente para modificar a tendencia á alza do déficit.

 Aínda así, sen propor unha reforma fiscal, existen fontes de recadación sen efectos mortais sobre a actividade económica.

 En primeiro lugar, a derrota da fraude fiscal: só é preciso aplicar a mesma dilixencia que se aplica aos traballadores con nómina, que teñen como única fonte de ingresos os rendementos do seu traballo, aos perceptores doutras rendas, por exemplo de rendas do capital. Pois ben, non só non se acometeu esta loita, senón que semella abandonada: non interesa. Segundo dados do Mº de Facenda ascende a 88.000 millóns de euros anuais: cifra de escándalo en calquera situación e máis nestes momentos.

 Por que non se aborda esta senda de recadación? Razóns técnicas aparte, non forma parte da axenda política dos gobernos españois mudar as relacións intra–Estado do poder económico: é como se existise un pacto, neste caso entre non cabaleiros, para non tocar ingresos e rendas detentadas por un pequeno grupo (un moi pequeno grupo) que non desexa abandonar os seus privilexios e o Estado non lle obriga, antes ben, cumpre os seus desexos.O poder económico é superior ao do Estado.

 En segundo lugar, poderíase acometer un cambio das relacións Igrexa Católica-Estado para redefinir o status das propiedades da Igrexa no súa consideración fiscal: non é entendibel que en pleno século XXI e con tanta necesidade de ingresos (e case 5,7 millóns de parados) os bens da Igrexa teñan privilexio fiscal a respeito dos restantes titulares de propiedades rurais e urbanas, así como noutros impostos.

 En terceiro lugar, poderíanse acometer de inmediato algunhas reformas da administración realmente redutoras do gasto e cun pequeno efecto no paro: por exemplo, adecuando as administracións locais e provinciais aos tempos presentes: provincias e deputacións naceron nunha época en que non existían nen estradas nen ferrocarril nen automóbeis, nen teléfono, nen AVE, nen telecomunicacións inarámicas nen Estado das autonomías. Poderían ser suprimidas Deputacións provinciais, incorporar orzamentos e funcionarios (con función) aos entes autonómicos e non decrecerían os servizos prestados nen o emprego público (agás os cargos eleitos que cobran, pequena cantidade de parados, asumibel, dadas as cifras que estamos barallando). Poderían suprimirse os representantes da Administración central, pois xa non é a época do “bandoleirismo”decimonónico. Poderían suprimirse moitos concellos agregándoos territorialmente en comarcas dotados de servizos integrados. Mesmo algunhas autonomías, cuxos dirixentes opinan que sobran, poderían ser obxecto de supresión.

*************************************************************

 Avogar polo establecemento dunha política económica radicalmente contraria á de axuste duro neoliberal que realiza o goberno español (coa desculpa do espazo monetario europeu) non quer dicer estar a favor do gasto destragador, de non subir impostos, e de non modificar o papel do Estado a favor do enriquecemento dun grupo social a costa dos outros todos.

 O gasto do Estado no seu conxunto, así como o gasto social xerado por actividades económicas directamente produtivas pode e debe ser racionalizado: na maioría dos casos reducido e noutros puntualmente haberá que gastar máis: xusto o que se precise.

 Os impostos deberán garantir, na súa contía e na  distribución da carga a suficiencia para realizar o gasto.

 E o Estado está obrigado a redistribuir - en forma de renda- por medio dunha política de transferencias públicas de todo tipo:servizos gratuítos,renda en especie,subsidios, bolsas de estudo....

 A racionalización do gasto público debe realizarse mediante criterios de redución daqueles capítulos que non comprometan a corto prazo a prestación da actividade encomendada: non é polo tanto cuestión de cantidade nin de accións cortopracistas: quérese dicer que a estrutura do gasto responde á estrutura da organización e sen modificala,  reducir gasto de calquer sitio pode ter o efecto perverso de aumentalo ou de simplemente colapsar os servizos prestados ou a realización do produto encomendado. Así por exemplo, se nun servizo de sanidade pública, o redutor encargado da eliminación de gastos que poden parecer prescindibeis,elimina postos de auxiliar administrativo que aparentemente son redundantes pode xerar unha cadea de despropósitos que boten abaixo a eficacia pretendida e a prestación do servizo: o problema non está no número de persoas que realizan unha tarefa senón na capacidade organizacional de quen ten a responsabilidade de xestionar servizos e grandes centros integrados adecuados ás necesidades sociais que deben cumprir. Un hospital ou un centro de ensino poden prestar servizos magníficos en edificios restaurados do século XVIII sempre que se adecúen ás necesidades que socialmente nese momento están definidas. E podemos ter un hospital último modelo en New York que resulte totalmente inadecuado para o lugar e atención sanitaria que debe levar a cabo. Dáse o caso que cando de realizar un edificio público se trata non só non se miraron os gastos(é máis, o orgullo demostrado é que cantos máis millóns de euros custe, pensase que é mellor) senón que non se mediu a sostenibilidade económica nen ecolóxica nen social da súa estrutura: todo gasto en distribución e transporte interno de todo tipo de materiais e persoas pode e debe ser calculado antes de realizar o plano do edificio:xa se constrúen no mundo mesmo na empresa privada edificios intelixentes -non soamente domóticos- para asegurar un funcionamento aforrador de gastos inútiles.Eliminar postos de administrativos –simplemente- pode conlevar que o personal  sanitario teña que desempeñar tarefas no mesmo tempo de traballo que antes non facía e decae a calidade e a cantidade do servizo sanitario sen reducir nen un sanitario: reiteramos o núcleo da solución está na capacidade xerencial (organizacional, dependente da mesma capacidade administrativa dos servizos que forman parte da administración pública)e non da suposta eficacia do recorte de gastos que semellan suntuarios.

 A racionalización do gasto público é precisa. Xa o era na época de crecimento económico e agora non é o momento de prescindir daquelas partidas que afectan á saúde do corpo social (non á das persoas): agora si é momento de emprender reformas e reducións pendentes desde a época da segunda guerra mundial ou si se prefire desde a transición: unha reforma administrativa para adecuar á administración pública ás necesidades actuais: ás necesidades dunha sociedade que chegou a dispoñer de servizos públicos e gratuítos universalizados: un logro social non renunciábel.

 

[Galiza, 14 de xuño de 2012]