Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 18/6/2012
Os delegados da CIG destacaron o éxito de participación da primeira xornada de paros convocada para esta semana, xa que practicamente a totalidade do cadro de persoal (unhas 30 persoas) secundou a folga.
Neste senso, quixeron denunciar novamente a prepotencia e o absoluto desinterese do empresario, pois a pesar do calendario de mobilizacións continúa sen atender as demandas do persoal nin se avén a manter unha xuntanza coa representación legal para explicar a situación económica da empresa e as intencións que ten de cara ao futuro.
Diante desta actitude inmobilista e antidialogante, os traballadores subliñaron continuarán adiante coa folga e coas mobilizacións, e mañá, martes, volveranse concentrar diante da empresa (no horario no que está convocado o paro) para visibilizar o conflito.
Débedas salariais cos traballadores
Cómpre lembrar que Industrias Caamaño adebeda aos traballadores/as as nóminas de abril e maio, a paga extraordinaria de nadal e os atrasos salariais dos anos 2010 e 2011. En total, uns 4.000 euros por operario. Ademais, denuncian os delegados de persoal da CIG, ao longo do último ano o atraso nos pagos das nóminas xa se converteron nunha práctica habitual na empresa, que mesmo chega a facer ingresos fraccionados dos salarios.
Sobre este punto, hai que subliñar que o propietario de Industrias Caamaño segue sen acatar as sentenzas xudiciais firmes que o obrigan a pagar as contías económicas adebedadas.
Coa folga, os traballadores tamén queren denunciar o incumprimento das medidas de seguridade e saúde laboral en moitos postos e vehículos de traballo. De feito, explican, hai dous anos que a empresa non entrega aos operarios os Equipos de Protección Básicos necesarios para poder traballar.
1