Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 22/6/2012
A CIG rexeita que a dirección non valore alternativas aos despedimentos, polo que entende que o único obxectivo da empresa é deslocalizar á produción
A dirección de Mafecco pon en evidencia as contradicións dos motivos nos que pretende xustificar o ERE de extinción
A dirección de Mafecco demostrou ás claras, durante a reunión do período de consultas que hoxe tivo lugar, a falta de motivos que xustifiquen o expediente de regulación de emprego para 42 traballadoras, pondo en evidencia as contradicións dos seus argumentos, tanto económicos, como produtivos ou organizativos. Esta febleza vén demostrar que o obxectivo da medida non é outro que a deslocalización da cadea de produción.

12-06-21 Concentracion Mafecco2

En canto ás causas económicas, na xuntanza, a empresa achegou, tal e como se pedira dende o Comité e a CIG, a relación de marcas para as que estivo cosendo Mafecco nos dous últimos anos. Entre elas figuran Caramelo (con toda a facturación pagada); Carolina Herrera (que non contraeu débeda porque aínda non venceu o prazo para pagar); e Hakei Europa (que só ten pendente de pago unha pequena cantidade do total, pero aínda está no prazo previsto). Porén, a empresa aclarou que nestes dous últimos casos xa ten cobrado a totalidade das contías, porque os bancos lle adiantaron os pagarés.

Casualmente, denuncia a responsábel do téxtil da CIG, Dores Martínez, a empresa esquécese de incluír neste listado á marca Ainhoa & Martina. Esta firma factura en exclusiva para a compañía Conchi Quintero que, á súa vez, pertence ao Grupo Mafecco. A este respecto, hai que puntualizar que toda a colección de Ainhoa & Martina confeccionase integramente polo persoal contratado en Mafecco, e dende o Comité destacan que desde que se sacou esta marca de moda ao mercado, incrementouse considerabelmente o volume de fabricación na factoría.

Neste senso, a CIG entende que este feito evidencia que o custe do persoal que a empresa, a efectos do ERE, coloca íntegro na Sociedade Mafecco S.A. é un erro, porque unha parte do cadro de persoal tería que asumila a sociedade Choni Quintero. “Para maior abundancia nesta afirmación baste dicir que Choni Quintero só ten contratados patronistas, polo que podemos afirmar que o gasto de persoal non corresponde en exclusiva a Mafecco”.

Aínda que a empresa quedou en entregar á parte social na seguinte reunión o volume total de confección para esta marca, xa adiantou que Choni Quintero ten pagadas todos os pedidos. “Isto evidencia que o argumento de Mafecco de que non tiña liquidez para pagar os salarios en tempo era totalmente falso”, sinala. A este respecto, a responsábel do téxtil da CIG lembra que as traballadoras só percibiron 450 euros da nómina de maio, que nin sequera se abonaron nun só pago, porque destes cartos 150 euros aínda os percibiron no día de onte.

Ante a evidencia das súas propias contradicións e falta de argumentos, a empresa deu unha nova volta, e agora afirma que teñen unha débeda que supera os 200.000 euros contraída polos impagos de compañías ás que lle vende a marca propia. Esta débeda, segundo a empresa, está repartida entre uns 500 clientes, algúns dos cales denunciou por vía xudicial por impagamento.

Cambios nas vacacións e realización de horas extras

Durante a reunión, a CIG e o Comité puxeron enriba tamén outra das contradicións nas que incorre a dirección neste caso no tocante á carga de traballo. A empresa obrigou a todo o persoal que non está afectado polo ERE de extinción a cambiar o calendario de vacacións e entrar a traballar. Entre este persoal atópanse 13 persoas da sección de fabricación.

Esta situación pon en evidencia que a empresa segue a ter carga de traballo e vese obrigada a facer estes cambios irregulares. Cómpre destacar que o calendario de vacacións se estabeleceu nas datas propostas pola empresa, e non no período que viña sendo habitual, para poder facer fronte aos pedidos.

A empresa non quere negociar as alternativas aos despedimentos

Pola súa banda, a empresa insiste en que non atopa outra alternativa máis alá da extinción de 42 contratos, para o que se basea en dous argumentos falsos, matiza Martínez Castelo. Dunha banda di que ten un cadro de persoal moi ríxido e que necesita máis flexibilidade para poder pasar en cada momento ao persoal ao posto que sexa necesario.  “Este argumento é falso porque no convenio colectivo xa está regulada a mobilidade funcional e a propia reforma laboral estabelece mecanismos para esta mobilidade, polo que non pode ser considerado un problema pola empresa”.

Así mesmo, a empresa asegura que ten un exceso de persoal para atender o actual volume de produción. Unha afirmación que tamén é falsa, matiza a representante da CIG, como así o demostra a modificación do calendario de vacacións e a petición de realización de horas extraordinarias, “aínda que estas non figuren como tal porque a empresa as compensa con tempo de descanso ou directamente non as compensa de ningún xeito”.

Para Martínez Castelo, outra cuestión que evidencia que non hai exceso de persoal está en que a empresa propón a extinción dos contratos das traballadoras da cadea de produción porque aposta por un modelo de negocio que pivota sobre a confección para outras marcas e especialmente pola distribución de prendas confeccionadas fóra da fábrica. “É dicir, aposta claramente pola externalización da produción e por iso só queda co persoal de deseño e patronaxe”.

O Comité e a CIG entenden que, ante posicións como a vista na xuntanza deste venres, a empresa só pretende facer do período de consultas un mero trámite, pero non está disposta a valorar sequera outras medidas alternativas aos despedimentos. Neste senso, Dores Martínez advirte que, lamentabelmente, a diferenza do anterior ERE, Mafecco si agarda levar a adiante a extinción dos contratos grazas as facilidades introducidas pola lesiva reforma laboral do Goberno do PP.

1