Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 2/7/2012
A Plataforma advirte que o RD 16/2012 suprime o dereito á asistencia sanitaria como dereito cidadán, elimina a universalidade das prestacións e introduce barreiras económicas
Mobilizacións de SOS Sanidade Pública en varias cidades en rexeitamento ao copago e os recortes no sistema sanitario
Diversas Plataformas para a Defensa da Sanidade Pública ,integradas en SOS Sanidade Pública, realizaron este luns actos de repulsa en vilas e cidades en contra dos copagos e recortes do sistema sanitario impulsados polo Goberno español a través do Real Decreto Lei 16/2012, "que ironicamente se di destinado a garantir a sustentabilidade e a calidade do sistema".

12-07-02 Concentracion SOS Sanidade A Corunha

As accións de protesta desenvolvidas tiveron distintos formatos que abarcaron desde as concentracións ante os centros sanitarios e as direccións provinciais do Sergas, até a repartición de folletos informativos sobre a repercusión desta medida na cidadanía, especialmente entre as/os pensionistas e os máis enfermos ou discapacitados.

Nun comunicado emitido pola Plataforma da Coruña, sublíñase que o decreto 16/2012, de 20 de abril, posto en marcha o domingo 1 de xullo en marcha, deseña un novo sistema sanitario, dividido entre as persoas que poidan pagar unha boa asistencia e aquelas que terán que ser atendidas por unha sanidade pública de beneficencia.

De feito, o colectivo lembra que os orzamentos galegos acumulan xa unha redución de máis de mil millóns de euros destinados á sanidade desde que chegou Alberto Núñez Feijoo á Xunta. “Hoxe aínda non temos unha sanidade de beneficencia pero o Partido Popular decidiu coller esa autoestrada , a que nos leva directos ao desguace da sanidade e do ensino públicos e a incentivar a oferta privada de todo tipo. Parece que o importante para o Partido Popular é o negocio, e que o de menos son as persoas!”, denúnciase nun comunicado da Plataforma.

O decreto suprime o dereito á asistencia sanitaria como dereito cidadán, elimina a universalidade das prestacións sanitarias, introduce barreiras económicas para o acceso aos servizos sanitarios a quen máis o necesita e, por último, acaba co carácter solidario e redistributivo do Sistema Sanitario.

Fronte a estes recortes, a Plataforma SOS Sanidade Pública advertiu que non vai parar nas mobilizacións até que se garanta por parte dos gobernos “unha sanidade  pública digna para toda a poboación”.

1