Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 12/7/2012
A protesta dá continuidade ao intenso calendario de mobilizacións realizado pola central en contra deste caso de represión sindical
Delegados/as da CIG ocupan a sede da concesionaria das ITV para reclamar a readmisión do compañeiro despedido
Continuando coa campaña que a CIG está a facer en contra do despedimento do compañeiro Antonio Rosales, traballador e delegado da CIG na ITV da localidade pontevedresa de Bueu, a central sindical realizou este xoves unha ocupación simbólica das oficinas centrais da empresa concesionaria do servizo, Supervisión y Control (SyC), na cidade da Coruña, esixindo a readmisión inmediata do traballador despedido e contra a represión sindical.

12-07-12 Ocupación SyC

Varios centos de delegados e delegadas da CIG chegados/as de todas as comarcas do país ocuparon este mércores durante aproximadamente unha hora a oficina central de SyC na Coruña para esixir a readmisión do delegado da CIG despedido por, supostamente, facer un uso abusivo das horas sindicais.

Ao berro de “Rosales readmisión” e “ITV represión” e co son acompasado dos golpes dos paus das bandeiras no chan, os delegados/as mantiveron a protesta dentro das oficinas entre as 11 e as 12 horas, momento no que acordaron abandonar voluntariamente o edificio, xa que a policía ameazou con identificar ás persoas alí presentes. No exterior das oficinas a mobilización aínda se prolongou durante unha media hora máis.

A loita continúa

O delegado despedido explicaba ao remate da protesta que non deixará de loitar até conseguir ser readmitido, “porque a min os cartos non me solucionan nada, eu o que quero é traballar”. A este respecto Rosales indicou que no acto de conciliación celebrado no SMAC polo despedimento non foi posíbel chegar a ningún acordo, xa que a empresa non estaba disposta a falar da súa readmisión, senón só a ofrecer cartos.

“Isto é unha loita sindical e imos dar a batalla até as últimas consecuencias” advertiu Rosales. Neste senso, puntualizou que coa protesta deste xoves quérese amosar á empresa que “detrás deste despedimento existe toda unha organización sindical que non vai permitir estas represións”, lembrando que o seu despedimento foi comunicado xusto despois de que a CIG se negase a asinar o convenio de empresa “porque discrimina aos traballadores/as que teñen discapacidade”.

Rosales aseverou que a CIG non podía ter asinado un convenio que discrimina a un colectivo xa de por si con dificultades para acceder ao mundo laboral, polo que lamentou que CCOO e UGT si desen o seu apoio ao texto normativo. A CIG tomou a decisión de rexeitar o preacordo de convenio ao comprobar que eliminaba a categoría laboral dos/as ordenanzas, un posto creado en teoría para integrar na empresa a persoas con discapacidade intelectual.

Negociación do convenio

Este caso de represión sindical que ten a súa orixe no proceso de negociación iniciado en novembro de 2011, cando se constitúe a mesa negociadora do convenio. Nese momento Rosales, como delegado da CIG no comité, comunica á concesionaria da ITV, SyC, que vai facer uso das horas sindicais para informar aos traballadores e traballadoras de toda Galiza do convenio, que era a primeira vez que se negociaba.

A empresa respóndelle que non ten dereito, pero entendendo que cumpriu escrupulosamente co requisito de remitir a comunicación cunha semana de antelación, Rosales decide collelas, facendo uso dun dereito recoñecido por lei.

Porén, unha vez celebrado o referendo no que se aproba o preacordo de convenio e tras regresar ao seu posto, a empresa acaba por despedilo, logo de abrirlle expediente disciplinario, por considerar que as súas ausencias constitúen unha infracción moi grave.

Antonio Rosales asegura que é moi doado comprobar que, cada un dos días que a compañía di que faltou ao traballo, estaba nalgunha das estación da ITV do país. Para a central nacionalista esta medida trátase dunha manobra para desfacerse dunha persoa “combativa, coherente e respectuosa cos dereitos dos seus compañeiros/as”.

Dende a Federación do Metal xa se adiantou que nas vindeiras semanas haberá novas mobilizacións para denunciar publicamente esta situación e reclamar a readmisión do delegado despedido.

1