Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 9/9/2008
Reclaman que a Administración asume a súa responsabilidade
Os traballadores/as do 112 entregan máis de 4.000 sinaturas á Xunta para que se escoiten as súas demandas
112 entregasinaturasmarcha I
Un numeroso grupo de traballadores e traballadoras do servizo de emerxencias 112 de Galiza acudía o 9 de setembro a unha nova marcha para reclamar que se escoiten as súas demandas, así como para facer entrega no edificio administrativo da Xunta das máis de 4.000 sinaturas de apoio que teñen recollido ao longo dos últimos meses.

O berro de "112 solución" volveu escoitarse nas rúas de Compostela o martes 9 de setembro desde ás 11.30 da mañá, cando os primeiros traballadores e traballadoras do servizo de emerxencias 112 de Galiza comezaban a chegar á mobilización convocada fronte ao Parlamento Galego.

No Hórreo, Isabel Moares, presidenta do Comité de Empresa do 112 de Galiza, portaba as 4.163 sinaturas recollidas ao longo dos últimos meses e informaba que estes apoios "se foron recollendo ao longo destes últimos meses por diferentes pobos e cidades de Galiza. Tamén penduramos faixas por distintas zonas do país coa intención de explicar á cidadanía de explicar cal era a situación coa que nos atopamos, para presionar á Administración para que tome cartas no asunto e solucione dunha vez o problema".

Marcha polas rúas de Compostela

Pouco despois das once e media comezaba esta marcha polo centro de Compostela, onde os berros de "A solución negociación", "112 equiparación" ou "Xunta culpábel" foron continuos, asi como o reparto de información á cidadanía para dar a coñecer este conflito laboral, no que se veñen mobilizando desde hai máis dun ano.

Entrega de sinaturas

A manifestación rematou fronte ás portas de San Caetano, o edificio administrativo da Xunta de Galiza, onde se fixeron entrega destas máis de 4.000 sinaturas. 

Á saíde, Isabel Moares, presidenta do Comité de Empresa do 112 de Galiza, ofreceu unha rolda de prensa na que sinalou que "nós o que queremos é a subrogación, unha consolidación dunhas cantidades económicas, e que se regulen dalgún xeito os buscas, que son unhas gardas non retribuidas, nas que temos que estar localizábeis a menos dunha hora do centro de traballo".

Continuarán as mobilizacións

Moares subliñou que "está claro que nós non imos parar as mobilizacións até conseguir as nosas reivindicacións, e como estamos nun ano moi sensíbel para os políticos, xa que estamos en período electoral, iremos intensificando as nosas accións".

A presidenta do Comité manifestou que "cremos que para un servizo tan sensíbel como o 112 a experiencia é un grao moi importante polo que a subrogación sería o básico, para poder asegurar o noso traballo e para ter un servizo o máis eficiente e útil para todos e todas".

Demandan retribucións máis xustas e máis persoal

Moares explicou que "a nós se nos aplica o convenio de telemarketing, e non é o axustado para o noso traballo porque nas nosas máns está unha responsabilidade moi grande, chegando a ter a vida de moitas persoas doutro lado do teléfono, e iso dalgunha maneira haino que compensar, polo que reclamamos algún tipo de cantidade económica, xa que o convenio que se nos aplica é moi precario".

Por último, esta traballadora do 112 demandou que "se aumente o persoal, para poder ter quendas completas, en caso de que xurda algunha emerxencia imprevista que se poda solucionar sen problemas; que a cuestión é que se soluciona igual pero sobre o sobreesforzo dos compañeiros e compañeiras que traballamos neste servizo".