Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Opinion 18/7/2012
Estado español: Neoliberalismo a ritmo acelerado
Miren Etxezarreta
20120718_PP-que.se.jodan.jpg

Desde maio de 2010 a economía española, debido ao seu importante problema de endebedamento, está sometida a fortes presións externas, formadas polos mercados, o FMI e a UE. Un endebedamento privado, pois o endebedamento público do Estado español está aínda hoxe, entre os máis baixos dos 17 países da eurozona.

 A partir daquela, a economía española está tutelada principalmente pola UE, que se converteu no eixo central e dominante na xestión da economía española. Desde entón, a UE esixe a implantación dunha serie de duras medidas de austeridade e axuste que, aínda que empeoraron seriamente as condicións de traballo e de vida da maioría da poboación, non resolveron ningún dos problemas da economía do país, senón que esta deteriorouse: o paro medra por riba dos 5,6 millóns de desempregados, a atonía da actividade económica intensifícase e a débeda pública aumenta.

 Hai moi pouco -os acontecementos sucédense a tal velocidade que dous meses parecen un longo período-, o caso Bankia fixo imposíbel disimular por máis tempo a deterioración da situación dos bancos e caixas españois. Xunto á desastrosa xestión da súa crise, levaron a destruír toda confianza, se existía algunha, na capacidade do Goberno español para xestionar a crise e da economía española para enfrontala. O Goberno viuse presionado pola UE para que promovese un rescate financeiro que foi presentado á opinión pública da forma do engano máis amplo que se poida imaxinar, pretendendo facer crer que o dito rescate non ía ter consecuencias negativas para a poboación. Ademais, tras o cumio europeo do 28 e 29 de xuño presentouse como un gran triunfo que o rescate concedido para os bancos levará a cabo por un fondo europeo (MEDE) que irá directamente aos bancos e estes serán os responsábeis deste, polo que non suporá un aumento da débeda do Estado.

 A UE, tras conceder a liña de rescate até 100.000 millóns de euros para auxiliar ás finanzas privadas deste país, amplía nun ano o prazo para cumprir coas cifras de redución do déficit. Pero precisa que de momento o rescate cargarase á débeda do país, até que se cre na Unión un supercontrol financeiro, non antes de fins de 2013, e que a execución do rescate está sometida ao estrito cumprimento das recomendacións que a Unión xa fixera ao Goberno español. Ademais, o 10 de xullo presenta o Memorando que esixe ao Goberno para proceder á entrega dunha parte do rescate con 32 condicións ben detalladas para o ámbito financeiro e algunhas máis de tipo fiscal. E queda claro que a partir de agora a troika controlará moi estreitamente a actuación do sector público e as finanzas deste país.

 A deterioración da situación, a prima de risco que non para de aumentar, e a imposibilidade de ocultar a situación, obrigaron a Rajoy a presentar no Parlamento, o 11de xullo, as medidas que se ve obrigado a tomar para cumprir as condicións impostas pola troika formada polos mercados, o FMI e a UE, e que esta última lidera. Até o punto de que é lícito preguntarse canta autonomía lle queda ao Goberno español (agora PP) para xestionar os asuntos do país.

 Todos estes acontecementos, e especialmente os que están tendo lugar desde que saíu á luz a crise de Bankia, están xerando unha sucesión de medidas e noticias que motivaron na poboación unha situación de desconcerto, preocupación e temor moi acusados. Non me dedicarei aquí a apuntar cales son estas medidas, pois os medios de comunicación transmitíronas amplamente. Limitareime só a algúns comentarios sobre todo este proceso:

 Moitas e moi variadas medidas que chegan a un recorte de 65.000 millóns en dous anos: desde a diminución do número de funcionarios, dos seus salarios e dunha das súas pagas extras, pasando pola redución do número de concelleiros, a subida do IVE e dos impostos ambientais, a rebaixa do subsidio de desemprego... Porén, todas elas, sen excepción, seguen fielmente o modelo neoliberal de xestión da economía: liberalización, desregulación, privatización, impostos a pagar pola maioría da poboación indiscriminadamente, redución de salarios e deterioración das condicións de traballo. Non nos enganemos. Que as árbores non nos impidan ver a fraga. Que a profusión de medidas non nos impida ver a liña fundamental da súa orientación. Todas elas van dirixidas esencialmente a mellorar o mundo dos negocios e a apertar, a asfixiar á poboación nas súas condicións de vida: máis despedimentos, menos salarios, máis e máis privatizacións, menos dereitos sociais, uns impostos indirectos totalmente inxustos mentres non se tocan de ningún xeito os ingresos dos máis ricos, aos que se acaba de conceder unha escandalosa amnistía fiscal case total. E un aspecto particularmente preocupante: a diminución das cotizacións sociais que só favorece aos empresarios e que conducirá directamente a que axiña nos digan que os dereitos sociais son insostíbeis porque non hai diñeiro, probabelmente preparando un novo golpe, esta vez aos pensionistas... Estas orientacións sinalan claramente cal é a liña das políticas da UE: todas elas constitúen a estrita continuidade coa esencia do neoliberalismo, que están impondo en todos os países membros, estreitando aínda máis as opcións posibles para estes e converténdose, de paso, na vangarda do neoliberalismo mundial.

 Pero non hai que considerar que, dentro do estreito marco de sometemento ao control da UE, o Goberno non ten ningunha marxe. Bruxelas manda, é verdade, pero dentro das súas esixencias hai algunha, aínda que pequena, opción diferente: a redución do gasto podería facerse diminuíndo o de Defensa, ou a axuda á Igrexa católica, eliminando moitas sedes diplomáticas ou doutros xeitos, mentres que o aumento dos ingresos podería consistir nunha verdadeira reforma fiscal que gravase a quen realmente concentra o diñeiro deste país. As esixencias da troika transcorren pola mesma estratexia das formulacións dos gobernos sucesivos deste país, que acollen aquelas con docilidade (ou simpatía?) e a quen lles vén moi ben insistir nos requirimentos externos para levar a cabo moitas medidas que integran os seus propios plans.

 O peor de todo isto é que estas medidas non serven para resolver os problemas do país. É dubidoso que se poida reducir o déficit nos prazos sinalados; de feito, a propia Unión vese obrigada a ampliar os prazos orixinais ante a percepción de que non é posíbel cumprilos, mostrando así, ademais, que as esixencias de prazos sobre o déficit son totalmente arbitrarias e non existe razón económica ningunha que obrigue a eliminalos en prazos tan curtos. E a débeda é impagábel. A banca europea e os investidores institucionais que son os nosos principais acredores e probabelmente instigadores das medidas esixidas, terán que aceptar esta realidade nalgún momento. É dicir, os dous obxectivos supostamente chave para esixir as medidas non se poden cumprir. Pero, ademais, estas medidas empeoran a situación económica do país ao facer máis difícil aínda o crecemento (o programa futuro de 120.000 millóns de euros para estimular o crecemento de toda a Unión mentres se manteñen os duros programas de axuste é patético e sería cómico se as situacións non fosen tan graves). Entre todas as políticas ditadas non hai unha soa medida que impulse o crecemento e a mellora da situación produtiva nin comercial do país. Ao contrario, caerá aínda máis a demanda, diminúe o investimento e a investigación, desmotívase totalmente a man de obra, excepto polo medo ao paro. Concéntrase todo o estímulo ao aumento de competitividade na deterioración dos salarios e a situación laboral baixo o eufemismo da depreciación interna. As medidas que se impoñen son contraditorias, levan ao colapso da economía e conducen a unha situación irresolúbel. A opción de pagar pola débeda privada leva ao caos ao país, por que a cidadanía ten que ser responsábel da débeda privada? A onde imos con estas propostas?

 Un pequeno comentario marxinal: escoitando a sesión parlamentaria de presentación das medidas que se proporán para a súa aprobación no Consello de Ministros do próximo venres, impresionoume unha vez máis (non é nada novo, pero nunha situación tan tensa e difícil como a actual é máis grave) a linguaxe que se utiliza nos foros políticos, cheo de sobreentendidos e eufemismos, e abundando nunha retórica que moitísima xente non entende e se se entende é absolutamente gratuíta e falsa. O intentar embelecer a natureza das medidas que se están tomando, o pretender xustificalas cando se saben inxustificábeis, o floreo das referencias... “Rebaixarase o subsidio de paro para non desincentivar a procura de emprego”, nun país con máis de cinco millóns de parados que buscan desesperadamente un traballo, ou “despediremos funcionarios para facer máis eficiente o sector público”, despedindo médicos, mestres, bombeiros, e así continuamente. Até onde o eufemismo non se converte en insulto? Non é estraño o afastamento da poboación da escena política. Mesmo para os profesionais obrigados á súa escoita, o ambiente e a linguaxe fanse difíciles de soportar. Non se podería lograr un ambiente de certa sinceridade no hemiciclo? É verdade que é un detalle menor, pero é todo un símbolo da vida política dun país.

 É obrigado concluír que nesta estratexia existen outros obxectivos máis profundos, ademais dos sinalados. E estes non poden ser máis que utilizar a crise e a débeda como unha valiosa escusa para lograr destruír a maior parte dos dereitos laborais, sociais e mesmo políticos, que as sociedades europeas lograron con grandes sacrificios e loitas desde o final da II Guerra Mundial. Non poden entenderse estas estratexias baixo outro prisma, pois aínda que para nada importe o benestar da maioría da poboación, están supondo a destrución da capacidade produtiva dos países e unha enorme concentración da actividade económica en certas zonas e baixo a propiedade de moi poucos capitais. Non se podería entender o entusiasmo da patronal e os grandes empresarios por estas medidas doutro xeito. Unha estratexia que conduce ao desorbitado freo á actividade económica e á consecuente caída brutal da demanda interna, que está levando ao peche de miles de pequenas e algunhas medias empresas, ao baleirado paulatino da capacidade de produción deste país, que camiña ao endurecemento desta situación, non pode ser vista máis que no contexto dunha permanente loita de clases, neste caso de ámbito continental; a cal, segundo Warren Buffet (un dos maiores millonarios estadounidenses), están a gañar os propietarios do capital.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Público’, do 13 de xullo de 2012]