Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 19/7/2012
O encerro comezou ás 22:00 horas do mércores e remata ás 19:30 horas deste xoves
O Comité de Emesa Trefilería péchase nas instalacións de Sabón para reclamar a continuidade da factoría
O Comité de Emesa Trefilería, dentro do calendario de mobilizacións en contra do peche da factoría, iniciou un encerro no interior das instalacións de Sabón na noite do mércores para esixir do grupo Previdente a paralización ou retirada do ERE de extinción e reclamar unha venda da empresa en condicións asumíbeis para os posíbeis compradores.

12-07-13_Concentracion Emesa_037

O peche prolongarase até ás 19:30 horas deste xoves, momento no que os membros do Comité sairán da factoría para sumarse á manifestación da Coruña convocada por CCOO, UGT e CIG en contra das últimas e agresivas medidas aprobadas polo Goberno español.

Dende o Comité reiteraron que Emesa Trefilería (que dá emprego directo a 71 persoas) continúa a ser a máis rendíbel do grupo e que o único obxectivo de Previdente é pechar a fábrica coruñesa para deslocalizar a produción á outras instalacións de Portugal. Neste senso, critican a mala fe coa que está a actuar a dirección, xa que as condicións que estabelece para a venda da fábrica de Sabón dificultan enormemente a conclusión dunha operación destas características.

Mañá venres, o persoal ten convocada unha nova concentración diante do Hotel AC de Matogrande, de 09:30 a 10:30 horas, coincidindo coa xuntanza entre empresa e representación social.

1