Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 19/7/2012
CIG-Saúde chama á mobilización ao persoal de SERGAS e a substitutos e interinos
A redución de días de libre disposición provocará a perda de, como mínimo, 517 postos de traballo no SERGAS
No Real Decreto-Lei de RECORTES publicado o pasado sábado, unha das medidas que se adoptan é a diminución para empregados e empregadas públicas de días de libre disposición ata 3 días. Isto súmase ao recorte anterior, no que xa se reduciran ata 6 días. A consecuencia será, segundo denuncia CIG-Saúde, no SERGAS, prescindir de 517 postos de traballo.

12-07-19 cartaz mobilizacions SERGAS

Até este ano, calquera persoa que traballara na administración pública tiña dereito a dispoñer de 9 días de libre disposición, é dicir, 9 libranzas que, no caso das xornadas especiais, nin sequera moitas veces eran de libre disposición, senón que eran as xerencias as que "indicaban" cando había que coller eses días. A partir do ano que ven eses días de libre disposición quedan reducidos a 3. Son 6 días menos que o persoal de cadro vai librar, mais son tamén moitas menos horas a substituír, e, polo tanto, menos contratación.

Estes son os cálculos realizados pola CIG-Saúde:

* Para o ano 2012, os orzamentos de Galiza contemplaban no capítulo I orzamento para 34.723 persoas empregadas no cadro de persoal do SERGAS, entre fixas e interinas.

* Se pasamos os 6 días de libre disposición que se perden a horas, saen 42 horas de media que o persoal vai ter que facer a maiores da súa xornada.

* Tendo en conta que non se ven substituíndo a todo o persoal, senón aproximadamente a un 57%, serían 20.000 persoas que deixarían de ser substituídas.

* É dicir, 20.000 persoas por 42 hs de xornada que van facer a maiores, e, polo tanto, que non van ser substituídas, fan un total de 840.000 horas de xornada que van deixar de facer persoas contratadas das listas de vinculacións temporais.

* Tendo en conta a xornada máxima establecida no SERGAS, 1.624 hs anuais, son un total de 517 postos de traballo que se perden, xa que non se van contratar polas listas de contratación. Se tiveramos en conta a xornada de quenda rotatoria (1.449 hs no caso da quenda fixa nocturna) aínda sairían máis postos de traballo perdidos por esta medida que o señor Rajoy impón coa pasividade e o beneplácito de Feijoo e a Conselleira.

E isto sen ter en conta os días adicionais de vacacións e libre disposición por antigüidade, que tamén son eliminados no Decretazo de Rajoy, e que suporían case o dobre de postos de traballo perdidos.

1