Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 19/7/2012
A CIG anima a intensificar a resposta social diante da dureza das medidas aprobadas e aposta por convocar canto antes unha nova folga xeral
Máis de 350.000 persoas maniféstanse en toda Galiza contra os recortes impostos polo PP e o masivo saqueo á clase traballadora
Baixo a consigna “Non ao saqueo do pobo. Hai que impedir que nos arruínen” e ao berro de “folga xeral”, máis de 350.000 persoas saíron na tarde deste xoves ás rúas de todo o País para rexeitar as gravísimas medidas que vén de aprobar o Goberno de Mariano Rajoy, co obxectivo de profundar no recorte dereitos e a precarización das condicións de vida e de traballo da maioría social, mentres se protexen e benefician os intereses de banqueiros, especuladores e defraudadores. A CIG anima a dar unha resposta social con igual dureza que as políticas do PP e aposta por preparar xa un calendario de folgas xerais, cuxa primeira data de referencia podería ser o vindeiro mes de setembro.

19-07-12 Manifestacion recortes A Coruña

As dez mobilizacións, convocadas conxuntamente por CIG, CCOO e UGT, marcan o inicio dun calendario de protestas que se prevé longo e intenso, á vista da gravidade das políticas antisociais aplicadas polos gobernos do PP. As manifestacións foron un éxito e conseguiron destacatos niveis de participación. Así en Vigo saíron á rúa máis de 100.000 persoas; na Coruña foron máis de 70.000; en Ferrol unhas 55.000; Compostela superou as 40.000; ao igual que en Pontevedra; en Ourense manifestáronse unhas 25.000 persoas; en Lugo e Vilgarcía máis de 10.000; e no Barco unhas 800 persoas.

O Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, que iniciou a súa intervención ao remate da manifestación celebrada na Coruña agradecendo a masiva participación cidadá, asegurou que o último paquete de medidas imposto polo Executivo de Mariano Rajoy “son a primeira consecuencia” do multimillonario rescate á banca.

Seixo criticou non só a dureza das medidas aprobadas polo PP, senón tamén a forma -vía decreto-lei- e os argumentos utilizados para xustificalas, que manifestan un xeito de enteder o goberno baseada “na mentira, na demagoxia, no elitismo e no desprezo máis absoluto cara ás clases traballadoras e os sectores da sociedade máis desfavorecidos”. A este respecto, censurou os aplausos dedicados á Mariano Rajoy dende as bancadas populares o día no que este anunciou o recorte de 65.000 millóns de euros no Congreso dos deputados/as, así como o reiterado  e falso discurso de que estas son as únicas políticas posíbeis.

Neste senso, o Secretario Xeral da CIG advertiu que estas políticas non son a solución á crise, “nin están pensadas para iso”, senón que, pola contra, provocarán máis recesión, máis paro e máis empobrecemento da poboación. “A dereita herdeira do franquismo quere aproveitar a crise económica para impornos o seu modelo económico e social e o seu modelo de estado centralista, provocando unha enorme involución nos dereitos sociais e laborais, pero tamén no relacionado coas liberdades públicas e co pluralismo político”, alertou. 

Chamada á convocatoria dunha folga xeral

Por iso, a central nacionalista chama a continuar na mobilización e na contestación social para parar este saqueo masivo ao pobo, dando unha resposta con igual dureza e intensidade que as políticas do PP  e preparando xa un calendario de folgas xerais de aquí a finais de ano. “A próxima, adiantou, temos que facela canto antes e o mes de setembro pode ser un bo mes de referencia”. “Non podemos permitir que continúen con esta política de desmontar todo un sistema de servizos públicos, de protección social e de calidade de vida que conseguimos tras moitos anos de loita e sacrificio das clases traballadoras”.

Dende a CIG demandouse, unha vez máis, a adopción de medidas alternativas, porque existen, que permitirían realmente encamiñar unha saída á crise económica. Medidas que inevitabelmente teñen que incluír unha suba dos impostos para as grandes fortunas e empresas; perseguir a fraude fiscal (e non premiar cunha amnistía aos defraudadores/as); reducir o gasto militar; retirar as axudas millonarias á igrexa e obrigala a pagar os impostos; investir en educación, sanidade e protección social; garantir uns salarios dignos a toda a clase traballadora, tamén para o persoal das administracións públicas; garantir prestacións dignas ás persoas sen emprego; facilitar o crédito aos autónomos/as e pequenas empresas; e un apoio decidido ao tecido produtivo, xa que este “é o que realmente crea emprego e non os especuladores”.

Porén, aseverou Seixo, aplicar estas medidas precisaría dun cambio de rumbo radical no PP   e que este estea disposto a “gobernar en función dos intereses da maioría social e non en función dos intereses de banqueiros, especuladores, grandes empresas, que é para quen gobernan o Sr. Rajoy e o Sr. Feijoo, co amparo e baixo as directrices da CE, o BCE e o FMI”, concluíu.

Galería de imaxes das manifestacións

> Video da manifestación da Coruña

> Video da manifestación de Vigo

> Video da manifestación de Lugo

> Video da manifestación de Ferrol - Canto do himno galego

> Video da manifestación de Ourense

> Video da manifestación de Pontevedra

> Video da manifestación de Compostela

1