Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 23/7/2012
A actual regulación da interrupción do embarazo estabelece a posibilidade de facelo ate a semana 22 en caso de risco da vida ou a saúde da muller ou graves anomalías no feto.
Con esta iniciativa, afirma Corral “está a darse un novo paso na política retrógrada e ultraconservadora do Partido Popular, non só no que ten que ver co recorte ao dereito das mulleres a decidiren libremente sobre os seus corpos, senón polo que supón a criminalización das mulleres que decidan abortar, tipificando este acto como delicto, e por tanto abocando ás mulleres á clandestinidade e á inseguridade sanitaria e xurídica”.
Denuncia que o goberno cualifica de “éticamente inconcebíbel” a actual lexislación sobre o aborto, “mais non ten reparos en deixar en situación de abandono e desamparo a miles de persoas en situación de dependencia”, logo dos continuos recortes en materia de asistencia social e sanitaria.
Considera que o PP pretende, unha vez máis, que “sexamos as mulleres as que asumamos en solitario os coidados das persoas dependentes, desde o seu nacemento, sen ter en conta a libre decisión das mulleres sobre a súa maternidade, e sen procurarlles os servizos e a atención que requiren durante toda a súa vida”.
Para a secretaria confederal de Muller, o anuncio é un “ataque frontal” contra a liberdade das mulleres, xa que supón “obrigalas contra a súa vontade a manter o embarazo”, apesares de que as probas médicas e os diagnósticos que lles realicen amosen que os fetos teñen graves problemas de saúde, “condicionando non só a vida destes, senón a propia vida das mulleres. E fomentando, que tal e como viñan facendo en Galiza nos anos 70, teñan que facelo, ben de xeito clandestino, e por tanto, sen garantías sanitarias, ben no extranxeiro, de xeito privado, e por tanto, só para aquelas mulleres con recursos socioeconómicos. Esa é a verdadeira hipocresía do Partido Popular”.
Todo parece indicar que a reforma da Lei orgánica de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, vai ser moito máis restritiva que a norma de 1985, e que vai converter ao goberno de Rajoy “no mellor valedor do fundamentalismo relixioso”, explica a secretaria confederal de Muller, quen advirte que irá aínda máis alá que na época máis dura da dereita gobernada por Jose María Aznar, “posicionando o marco normativo, moi lonxe da lexislación de prazos vixente na maior parte dos países europeos, e mesmo achegándose á situación de moitos países en vías de desenvolvemento, onde a posibilidade de poder interromper o embarazo, son practicamente inexistentes”.
1