Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Opinion 27/7/2012
Non é a crise, é o capitalismo
Antolín Alcántara
20120727_capìtalismo.vs.socialismo.jpg

O capitalismo financeiro non é un invento do neoliberalismo, é a actualidade da fase máis brutal e agresiva do sistema. O capital financeiro representa hoxe o 80% da mobilización diaria de capital no mundo. Falamos por tanto dun volume incontrolado de capital que necesita revalorizarse; canta máis cantidade o resultado de rendibilidade debe ser maior.

 Necesitamos simplificar as cousas para entender o momento; ou mellor aínda, todo o que estamos vivindo é enormemente sinxelo de entender, por tanto debemos simplificar a resposta.

 O capitalismo é un sistema dinámico de organización económica. Científica e matematicamente ten un metabolismo invariable no que se sucede con perfecta lóxica e unha finalidade impecable e única; crear e acumular riqueza para concentrala e apropiala xerarquicamente nunha parte diminuta e menor da sociedade, na elite. Apenas dous millóns de persoas no mundo que dirixen preto de 800 transnacionais en complexos e cruzados circuítos produtivos, agroalimentarios, farmacéuticos e principalmente financeiros, gobernando apenas unha décima parte das nacións do planeta en tres latitudes distintas; América do Norte, Europa Central e unha porción do leste de Asia. Son estes os tres centros de poder que manexan os destinos do mundo.

 Non podemos descoñecer que entre estes tres bloques de poder prodúcese unha dialéctica de confrontación inevitable, unha disputa por conquistar, colonizar e permanecer nos maiores espazos posibles de produción de riqueza do planeta, porque en definitiva trátase do propio código xenético do capitalismo, acumular unha maior parte de riqueza, sempre maior e nunca menor, porque esta é a lóxica que non se pode subverter nin modificar. Por tanto, o mundo faise cada vez máis pequeno para saciar esa constante voracidade na que unha parte cada vez máis insignificante da sociedade se fai inmensamente máis rica, necesitando para isto desaloxar no reparto da riqueza a unha crecente e maior parte da humanidade. Trátase, e non o esquezamos, de acumulación dun pequeno grupo de persoas mediante a desposesión material do resto da poboación.

 Temos que recoñecelo, o capitalismo é un sistema superior; logra sobrevivir devastando a natureza, sacrificando a millóns de persoas en guerras mundiais e locais, condenando a tres quintas partes da humanidade a vivir na extrema pobreza, a morrer por inanición cada ano a millóns de persoas xusto no momento de maior capacidade produtiva e tecnolóxica da humanidade , que logrou extinguir culturas, hábitats e especies; e aínda así, ten a adhesión inquebrantable dunha gran parte da sociedade, dunha gran parte dos intelectuais, da maior parte das organizacións políticas e sociais. En definitiva, o capitalismo é superior porque subordina o pensamento, a creatividade, a vontade, a iniciativa, a empatía, a misericordia non entendida por caridade, a solidariedade e todo o mellor das persoas á propia inercia e desenvolvemento do sistema. Resulta curioso ver como, a pesar da historia destrutiva do capitalismo, da barbarie que crea, do sufrimento que causa, a pesar de todo isto, as respostas, as alternativas da sociedade a este momento, seguen a ser máis capitalismo pero nunha versión máis humana.

 Sosteño que esta é a equivocación de todos aqueles e aquelas que coa mellor intención, tratan de proporcionar solucións a un sistema que non pode corrixirse cientificamente. Non se trata de vontades nin de persoas, da alternancia entre dirixentes políticos ou partidos da dereita ou a socialdemocracia; non é posible transformar unha lóxica de acumulación que matematicamente non pode retroceder. O capitalismo financeiro non é un invento do neoliberalismo, é a actualidade da fase máis brutal e agresiva do sistema. O capital financeiro representa hoxe o 80% da mobilización diaria de capital no mundo. Falamos por tanto dun volume incontrolado de capital que necesita revalorizarse; canta máis cantidade o resultado de rendibilidade debe ser maior. Non é igual revalorizar un capital de mil que dun millón; e ademais á lóxica de acumulación prodúcese a unha velocidade cada vez máis acelerada. Está claro que o capitalismo produtivo non pode amortizar nin alimentar esta fase tan depredadora do sistema, é deste xeito que a solución xa non pasa por reinventar o modelo, substituír neoliberalismo por keynesianismo. Non se trata de crecemento ou austeridade ou de regras de mercado da oferta e demanda. O sistema xa non tolera nin admite estas variables.

 Estase completando un ciclo determinante no capitalismo, algo que xa prognosticara Marx. Estase reducindo a centralidade do sistema, o seu centro de gravidade. Estase concentrando a riqueza no centro. Os países periféricos do capitalismo están rendendo o seu tributo inexorable de expropiación de riqueza e as vítimas non podían ser outras, a clase traballadora destes países. O feito de que esteamos pagando cos nosos salarios, cos nosos dereitos, coas nosas prestacións públicas a débeda privada dos bancos, obedece a un resultado natural e exclusivo desta fase.

Na medida en que se reduce a rendibilidade do sistema produtivo e se fai insuficiente para satisfacer esta acumulación tan acelerada de capital, non podía darse outro resultado. Os bancos dos países periféricos necesitan proverse dunha esixencia máis alta de capital para competir e responder a esta demanda, e o investimento en sectores especulativos de alto risco e a curto prazo, constitúese no recurso compulsivamente mais utilizado. Os investimentos tan altos de capital son asistidos por créditos da Banca dos países máis ricos e solventes do sistema. A consecuencia xa a coñecemos. Pero a pregunta debe ser. Podía facerse doutra maneira? Sosteño que non, porque esta é a lóxica natural nesta fase.

 Sabemos que cunha banca pública, que incentivando o consumo, que facilitando e asegurando o crédito melloraría a economía, pero este xa non é o debate. Todos os dirixentes políticos do sistema coñecen esta máxima. Todos saben que o Banco Central Europeo que se aprovisiona cos recursos dos países membros debería asistir directamente aos países, pero non o fai. Todos saben que a solución é extraordinariamente fácil, pero non o fan, sinxelamente porque esta actuación xa non responde a esta fase do capitalismo.

 Todo isto non debe sorprendernos; a UE constituíse e organizouse para perfeccionar esta actualidade do capital. Non se organizou para evitar o dumping social, uniformizar as condicións de traballo e os dereitos sociais nunha vocación de regularizar a competencia e actuación das empresas e do capital financeiro; de proporcionar maior capacidade adquisitiva á poboación europea e activar o consumo e a economía. Parecería lóxico que fose así, e todos aqueles e aquelas que “inocentemente” se deixaron cativar polo fasto e as grandezas da UE, aínda hoxe confían en demandar unha Europa máis social e xusta, algo completamente contraindicado coa evolución do sistema. Non é posible.

 Aqueles que confían na reversión e corrección deste modelo, deben interrogarse sobre feitos indiscutibles que se están producindo. Parecería inaudito vinte anos atrás que imaxináramos unha cesión de soberanía e poder tan descomunal das nacións europeas para o centro do sistema. Os distintos gobernos do Estado español que discutiron os tratados e normas que deron soporte vital a esta UE, non foron vítimas dunha emboscada diplomática; contrariamente son responsables desta arquitectura e deste deseño e resultado. Non vemos pudor nin contrición nestes patriotas dunha única España grande e libre nin voz algunha disidente entre a socialdemocracia que insinúe unha renegociación deste marco e o retroceso de determinadas normas; pero si son vehementes e superlativos patriotas cando reclamamos soberanía ou independencia os nacionalistas das nacións do Estado. A administración do poder nesta fase non pode ser gobernada polo pobo. 

Durante todos estes anos, moitos anos, a poboación e clase traballadora dos países centrais do capital, asistimos con enorme distancia e categoría de observadores a todo o que sucedía no mundo, como se fose algo alleo a nós. Non nos inquietaba a colonización económica e militar doutros países e a dimensión de pobreza e mesmo exterminio de moita das súas poboacións. Todo para satisfacción e lóxica da supremacía do capital. Non nos inquietaba coñecer a prohibición de xenéricos retrovirais da sida en países empobrecidos e dezmados por esta pandemia, e só porque debían prevalecer as patentes da industria farmacéutica. Non nos inquietaba saber que en Estados Unidos, o país estandarte do capitalismo, máis de 40 millóns de persoas son extremadamente pobres e non teñen cobertura sanitaria, e que si non poden pagar por exemplo o tratamento do cancro están condenadas a morte. Non nos inquietaba coñecer que no mundo están condenados a morte por fame máis de doce millóns de persoas cada ano, cando existe sobreprodución de alimentos e tirámolos ou deixámolos caducar, só porque non se pode alterar a lei da oferta e a demanda. Agora si, estamos inquietos e inquietas, porque non podemos crer que poidamos descender tan vertixinosamente no noso estatus, e poidamos ver a miseria tan preto de nós. Algúns e algunhas aínda non acreditan en que o capitalismo pode ser tan perverso, e iso que para moitos a loita de clases era pasado.

 As alternativas teñen que ser máis precisas para a construción dun novo futuro. Necesariamente debemos provocar un cambio de sistema e non pode ser outro que o socialismo, e nós, os galegos e galegas, non podemos franquear os límites deste sistema sen acadar soberanía. Cientificamente parecía máis difícil atopar a partícula que explicara a formación da materia, pero agora por fin xa sabemos que Deus non existe.

 

[Vigo, 25 de xullo de 2012]